I. ANTECEDENTES
O día 27 de outubro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción e consolidación do emprego autónomo no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2022. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos: “hai que ter en conta que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo a Xunta de Galicia impulsa medidas para fomentar o emprendemento e apoiar a persoa emprendedora como axente dinamizador da economía na comunidade autónoma”.
Así mesmo, a exposición de motivos establece que “a instrumentación da execución dos recursos financeiros do Fondo Europeo de Recuperación realizarase a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Os proxectos que constitúen dito Plan abordan a realización de reformas estruturais para os próximos anos que permitirán un cambio de modelo produtivo para a recuperación da economía tras a pandemia causada pola COVID-19 e, ademais, unha transformación cara a unha estruturas máis resiliente que permita que este novo modelo saiba enfrontar con éxito outras posibles crises ou desafíos no futuro”.
A orde que recollía estas axuda para o ano 2021 era a orde do 20 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e do Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2021 (publicado no DOG o día 4 de agosto de 2021) e o ditame emitido polo Consello con data 23 de abril de 2021 (Ditame 16/2021), obsérvase que se tivo en conta, parcialmente, unha das consideracións formais manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo texto cómpre destacar as seguintes novidades:
En primeiro lugar, cómpre destacar que no novo proxecto soamente se conserva o Programa I previsto na orde anterior, sen que sexa obxecto de subvención a contratación indefinida e formación de persoas asalariadas (que constituía o Programa II da orde anterior).
En canto ao orzamento, as contía asignada a este programa increméntase en 800.000€ (artigo 4).
Engádese un novo requisito no artigo 5 para acadar a condición de persoa beneficiaria: as administración laborais competentes nos seus respectivos ámbitos de xestión garantirán o pleno cumprimento do principio de “non causar dano significativo” (principio “do not significant harm – DNSH”) e a etiquetaxe climática e dixital, de acordo co previsto no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, aprobado polo Consello de Ministros o 27 de abril de 2021 e no Regulamento (UE) número 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, en todas as fases do deseño e execución dos proxectos.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción e consolidación do emprego autónomo no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2022” consta de: Exposición de motivos, vinte e seis artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 11 de novembro de 2021 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e sete específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén, así mesmo, como anexo, unha consideración específica sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.
|
DITAME 46/2021
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 e o Programa II , de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2022, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de outubro de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de novembro de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.
Este Comité propón que se revise ao longo do texto do proxecto normativo a terminoloxía empregada ao referirse ás persoas destinatarias da subvención; fálase indistintamente de persoas beneficiarias ou interesadas ou de entidades beneficiarias cando a referencia debe facerse, en todo caso, as persoas autónomas beneficiarias ou interesadas.
Segunda.
Obsérvase que no artigo 13 emprégase a letra j na clasificación.
Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Pola súa banda, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.
Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 6. Definicións.
A pesar do título deste artigo, obsérvase que nel se entremezclan definicións con temas procedimentais que non encaixan, polo tanto, dentro deste artigo.
Este Comité propón que o segundo parágrafo do apartado 1 deste precepto se recolla noutro artigo, xa que enxerido no medio das definicións pode pasar desapercibido polas persoas autónomas beneficiarias.
Segunda.- Artigo 13.d. Documentación complementaria.
Obsérvase que se solicitan os documentos xustificativos do nacemento en Galicia. O Comité estima que debería cambiarse por la exixencia dos documentos xustificativos de residencia ou domicilio fiscal en Galicia.
Terceira.- Artigo 15. Procedemento de concesión, instrución e tramitación.
No apartado 4 deste artigo disponse que “Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedor por resolución de reintegro”.
Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible; propón, así mesmo, que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
Cuarta.- Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
O apartado 3 deste precepto recolle que procederá o reintegro total da axuda concedida ao abeiro do artigo 5 da orde no suposto de non cumprir a obriga establecida no artigo 20.e) de mantemento de alta no RETA ou mutualidade durante un período de dezaoito meses.
Este Comité propón que engadir ao apartado 3 do citado artigo “salvo que existan causas alleas, imprevisibles e debidamente xustificadas a os beneficiarios”.
Quinta.- Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
O apartado 4 deste precepto recolle os supostos no que procede o reintegro total da axuda polo incumprimento das obrigas recollidas na aliña g) do artigo 27.
Este Comité considera que ese reintegro debería ser proporcional ao tempo que reste para o cumprimento desas obrigas, e propón que este apartado se integre no apartado que regula os supostos de reintegro parcial.
Sexta.- Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
Segundo o apartado 10, “procederá ao reintegro do 5% da axuda concedida no caso do incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles”.
Este Comité considera que esa sanción é desproporcionada, polo que propón que se rebaixe a porcentaxe de reintegro recollida.
Sétima.- O comité propón a actualización das contías das, pois non se actualizan dende o ano 2017.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.
Primeira. – Artigo 5. Persoas beneficiarias e requisitos.
A CEG propón que a posibilidade de beneficiarse desta axuda se faga extensible a aquelas persoas que desempeñen un traballo por conta allea inferior a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais, sempre que cumpran os demais requisitos de acceso esixidos no proxecto normativo co obxecto de que poidan crear o seu propio posto de traballo.