I. ANTECEDENTES
O día 17 de novembro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subirección Xeral de Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Xempre Autónomo para a promoción do emprego autónomo, cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa Operativo FSE +Galicia 2021-2027 e se procede á súa convocatoria para o ano 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos: “hai que ter en conta que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo a Xunta de Galicia impulsa medidas para fomentar o emprendemento e apoiar a persoa emprendedora como axente dinamizador da economía na comunidade autónoma”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2022 (publicado no DOG o día 30 de decembro de 2022) e o ditame emitido polo Consello con data 11 de novembro de 2021 (Ditame 46/2021), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo texto cómpre destacar as seguintes novidades:
No artigo 4 obsérvase unha minoración de 500.000€ no orzamento previsto para estas axudas, respecto da contía prevista na orde anterior.
Entre as obrigas que o artigo 21 impón ás persoas autónomas beneficiarias, está a de manter a alta no RETA ou mutualidade durante un tempo mínimo cando se concede a subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia. Ese período mínimo era de 18 meses na orde anterior, incrementándose a 24 meses neste novo proxecto.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Xempre Autónomo para a promoción do emprego autónomo, cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa Operativo FSE +Galicia 2021-2027 e se procede á súa convocatoria para o ano 2023” consta de: Exposición de motivos, vinte e seis artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 1 de decembro de 2022 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e oito específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén, así mesmo, como anexo, unha consideración específica sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.
DITAME 38/2022
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Xempre Autónomo para a promoción do emprego autónomo, cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa Operativo FSE +Galicia 2021-2027 e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 17 de novembro de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 1 de decembro de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.
Este Comité entende que non é axeitada a denominación das axudas que recolle o título do proxecto normativo, e que respondería á denominación empregada na publicidade e difusión das axudas (AXUDAS XEMPRE AUTÓNOMO), considerando que o título dunha norma que será obxecto de publicación no DOG debe respectar unha certa técnica normativa.
Segunda.
Este Comité propón que se revise ao longo do texto do proxecto normativo a terminoloxía empregada ao referirse ás persoas destinatarias da subvención; fálase indistintamente de persoas beneficiarias ou interesadas ou de entidades beneficiarias cando a referencia debe facerse, en todo caso, as persoas autónomas beneficiarias ou interesadas.
Obsérvanse, ademais, varios erros na redacción, por exemplo na exposición de motivos hai unha referencia ao Decreto 73/20202 que cómpre corrixir, no artigo 4 figura un apartado a) que non procede xa que no hai ningún apartado máis, no artigo 5 hai dous apartados d), no artigo 6.2 debe corrixirse o termo “empleo”, o artigo 21 repite, na súa numeración, as letras f) e i).
Terceira.
Obsérvase que nos artigos 13 e 14 emprégase a letra j na clasificación.
Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Pola súa banda, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.
Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 5. Persoas beneficiarias e requisitos.
O apartado 1 deste precepto establece, como condición para ser beneficiaria destas axudas, que a persoa autónoma desenvolva fundamentalmente a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).
Este Comité considera que o termo “fundamentalmente” é un concepto xuridicamente indeterminado, polo que debe aclararse e especificarse.
Segunda.- Artigo 5. Persoas beneficiarias e requisitos.
Segundo o apartado 6 deste artigo, a xustificación por parte das persoas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 4 e 5 anteriores para obter a condición de persoa beneficiaria realizarase mediante declaración responsable, a excepción do recollido no punto 4.e), que se xustificará de conformidade co disposto no artigo 14.1.
Este Comité considera que se debe precisar, nese último inciso, que o recollido no punto 4.e), se xustificará de conformidade co disposto nos ítems f, g e h do artigo 14.1.
Terceira.- Artigo 12. Contía da subvención.
As contías recollidas neste precepto levan sen actualizarse nos últimos cinco anos, polo que este Comité considera que procede levar a cabo unha actualización das mesmas.
Cuarta.- Artigo 13.Documentación complementaria.
Respecto do requisito esixido no apartado 1.d), este Comité considera que se resulta de aplicación ás persoas emigrantes retornadas debería clarificarse, tal e como se fai noutras ordes de axudas. En caso contrario, debería eliminarse.
Quinta.- Artigo 15. Procedemento de concesión, instrución e tramitación.
No apartado 9 deste artigo disponse que “Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedor por resolución de reintegro”.
Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible; propón, así mesmo, que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
Sexta.- Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
O apartado 3 deste precepto recolle que procederá o reintegro total da axuda concedida ao abeiro do artigo 5 da orde no suposto de non cumprir a obriga establecida no artigo 21.e) de mantemento de alta no RETA ou mutualidade durante un período de vinte e catro meses.
Este Comité propón engadir ao apartado 3 do citado artigo “salvo que existan causas alleas, imprevisibles e debidamente xustificadas a os beneficiarios”.
Sétima.- Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
O apartado 4 deste precepto recolle os supostos no que procede o reintegro total da axuda polo incumprimento das obrigas recollidas na aliña f) do artigo 21.
Este Comité considera que ese reintegro debería ser proporcional ao tempo que reste para o cumprimento desas obrigas, e propón que este apartado se integre no apartado que regula os supostos de reintegro parcial.
Oitava.- Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
Segundo o apartado 10, “procederá ao reintegro do 5% da axuda concedida no caso do incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles”.
Este Comité considera que esa sanción é desproporcionada, polo que propón que se rebaixe a porcentaxe de reintegro recollida.
ANEXO
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.
Primeira. – Artigo 5. Persoas beneficiarias e requisitos.
A CEG propón que a posibilidade de beneficiarse desta axuda se faga extensible a aquelas persoas que desempeñen un traballo por conta allea inferior a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais, sempre que cumpran os demais requisitos de acceso esixidos no proxecto normativo co obxecto de que poidan crear o seu propio posto de traballo.