Ir o contido principal

Ditame 6/23

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre o Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións XEMPRE EMPRENDEMENTO para apoiar iniciativas de emprendemento, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2023.

I. ANTECEDENTES

O día 28 de febreiro de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións XEMPRE EMPRENDEMENTO para apoiar iniciativas de emprendemento, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a Exposición de Motivos “apoiar as iniciativas de emprendemento de autónomos e pequenas e medianas empresas continúa a ser necesario, nun contexto caracterizado pola permanencia de incertezas económicas, como a alza inflacionistas nos prezos, a crise enerxética, e mesmo as perturbacións derivadas dun conflito bélico no continente europeo, ás que non resulta allea a economía galega, motivo polo que cómpre fortalecer a actividade económica, mediante axudas que, por unha banda, tratan de pór remedio a esas ameazas para o crecemento da nosa economía e, por outra, fomentar o seu desenvolvemento sostido, ao tempo que se garante o mantemento dun emprego de calidade”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2022, publicada no DOG o día 30 de setembro de 2022 e o ditame emitido polo Consello con data 23 de setembro de 2022 (ditame 26/2022), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial, tanto de carácter formal como de fondo.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Increméntase o orzamento previsto para estas axudas, que pasa de 2.825.000 a 5.000.000€ (artigo 4).

No artigo 8.e), que define o que se entende por “adquisición de bens de equipamento e mobiliario”, engádese a previsión de que en ningún caso se consideran subvencionables os vehículos, naves, aeronaves e similares, constitúan ou non a actividade empresarial propia do solicitante.

O prazo para resolver e notificar a resolución increméntase dun a 3 meses (artigo 19).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións XEMPRE EMPRENDEMENTO para apoiar iniciativas de emprendemento, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2023” consta de: Exposición de motivos, trinta e un artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.

O día 16 de marzo de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e catro específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia. Contén, así mesmo, como Anexos as consideracións específicas non unánimes seguintes: unha manifestada pola CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT-Galicia (Anexo I) e unha específica manifestada pola CEG (Anexo II).

DITAME 6/2023

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións XEMPRE EMPRENDEMENTO para apoiar iniciativas de emprendemento, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2023, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de febreiro de 2023 e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de febreiro de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité entende que continúa a non ser axeitada a denominación das subvencións que recolle o título do proxecto normativo, e que respondería máis á denominación empregada na publicidade e difusión deste bono (SUBEVNCIÓNS XEMPRE EMPRENDEMENTO), considerando que o título dunha norma que será obxecto de publicación no DOG debe respectar unha certa técnica normativa.

Segunda.
Este Comité propón levar a cabo unha corrección do texto deste proxecto normativo, ao terse detectado algúns erros, por exemplo, no artigo 6.1.6 cando se refire a “bens de segunda” en lugar de “bens de segunda man”. Obsérvanse que no artigo 14 utilízanse as letras j e k, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

En canto ás dúas disposicións adicionais, chama a atención que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

Finalmente, este Comité considera que as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 8. Definicións.
O apartado e) define a reforma e habilitación das instalacións do local do negocio obras que consisten
normalmente en reparacións, decoracións ou ornatos (incluída a rotulación) que non modifican a estrutura construtiva do local.

Este Comité considera que debería haber concordancia entre o título do concepto e o contido da definición, xa que neste caso estase a falar de reformas e habilitación de instalacións mentres que na definición se fai referencia a obras de escasa entidade ou á decoración, polo que se propón que a definición recolla a posibilidade expresa de obras de máis calado propias dunha reforma.

Segunda.- Artigo 27. Forma de pagamento e xustificación.
Segundo o apartado 10, en ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

Terceira.- Artigo 30. Presentación de solicitudes.
Este artigo establece o remate do prazo para presentar as solicitudes o 30 de setembro de 2023.

Este Comité considera que sería procedente ampliar o dito prazo ata o 31 de outubro de 2023.

Cuarta.- Artigo 31. Período de execución das accións.
Segundo este artigo, o período de execución de accións abranguerá desde o 5 de novembro de 2023 ata a data da presentación da solicitude.

Este Comité considera que se debería corrixir o erro na data referenciada, xa que o período de execución debería abranguer desde o 5 de novembro de 2022. 

ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA.

Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado h) deste precepto establece a obriga da persoa ou entidade beneficiaria de manter, polo menos durante un período de dous anos desde a data da resolución de concesión, unha forma xurídica de entre as elixibles para resultaren beneficiarias da subvención concedida, así como a actividade empresarial.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, consideran que se debería esixir, durante o mesmo período, o mantemento do emprego existente na data de presentación da solicitude para dar así cumprimento ao obxectivo recollido tanto na exposición de motivos da orde como no seu artigo 1, que alude directamente á finalidade de manter empregos de calidade.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 1. Obxecto e finalidade.
Este artigo establece, como obxecto da orde, aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública das axudas para as persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas, incluíndo cooperativas e sociedades laborais, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tendo en conta que o artigo 5 recoñece como beneficiarias ás sociedades cooperativas e laborais de entre as previstas no artigo 6 Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, a CEG considera que se deberían recoller expresamente como destinatarias das subvencións as sociedades agrarias de transformación, xa que son entidades de mercado dedicadas á transformación e comercialización de produtos agrarios, e figuran recollidas no artigo 6 da antedita Lei de economía social.

Número ditame
6