Ir o contido principal

Ditame 18/23

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións XEMPRE EMPRENDEMENTO PLUS para apoiar a inversión e a creación de emprego co obxectivo de fortalecer e consolidar iniciativas de emprendemento de autónomos e pemes, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa operativo FEDER Galicia 2021-2027 (apoio á inversión) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para a anualidade 2023.

I. ANTECEDENTES

O día 19 de maio de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións XEMPRE EMPRENDEMENTO PLUS para apoiar a inversión e a creación de emprego co obxectivo de fortalecer e consolidar iniciativas de emprendemento de autónomos e pemes, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa operativo FEDER Galicia 2021-2027 (apoio á inversión) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para a anualidade 2023.

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, “a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia ten como misión principal apoiar as persoas e as empresas na creación de emprego estable e de calidade e procurar que ese emprego se manteña, e recoñece a necesidade de prestar unha especial atención ás circunstancias singulares e diferenciais das persoas emprendedoras e, en concreto, axudar tamén a cimentar a consolidación de proxectos que xa superaron os tres primeiros anos de vida”, engadindo que, con estas axudas, “dáse continuidade ao apoio das iniciativas de emprendemento iniciado no ano 2022 coas subvencións Xempre Emprendemento, mediante a posta en marcha de dúas novas convocatorias en 2023”.

Este proxecto normativo sométese a ditame por primeira vez, e do seu contido cómpre destacar os seguintes aspectos:

Esta orde contén dous programas de axudas, como indica o artigo 1:
a) Programa I. Xempre Emprendemento PLUS Inversión.
Este programa ten por obxecto apoiar a continuidade e a consolidación de iniciativas de emprendemento de autónomos e pemes que teñan unha antigüidade máxima de 42 meses, mediante o apoio de investimentos realizados nas iniciativas obxecto da axuda, tal e como se describe no artigo 25 da convocatoria.

b) Programa II. Xempre Emprendemento PLUS Emprego
Este programa ten por obxecto o fomento e a consolidación do emprego por parte de aútonomos e pequenas empresas de nova creación (máx. 42 meses) para promover a contratación de persoas desempregadas, incluíndo dúas liñas de axudas:
1. Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.
2. Incentivos á contratación de fixos descontinuos, para contratos de duración dun mínimo de 9 meses e a xornada completa.

Este artigo 1 sinala, tamén, que a finalidade destas axudas é apoiar o fortalecemento e consolidación de iniciativas de emprendemento, en concreto, as destinadas a determinadas actividades que se relacionan no apartado 3 (industrias, fábricas, prestación de servizos sociais ou sector hostalería, entre outros).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

O orzamento total para estas axudas é de 6.000.000€ para as anualidades de 2023 e 2024 (artigo 4).

Os requisitos que, en primeiro lugar, deben reunir as entidades para poderen ser beneficiarias das axudas son os seguintes, segundo establece o artigo 5:
a) que se constitúan ou dean de alta, segundo a natureza xurídica da entidade que se trate, con 42 meses de antigüidade ata a data de presentación da solicitude.
b) que iniciaran a súa actividade económica con 42 meses de antigüidade ata a data de presentación da solicitude.

O artigo 7 relaciona os criterios de valoración que se terán en conta para determinar a preferencia na concesión da subvención, entre os que están os seguintes:

.Proxectos de emprendemento dirixidos a crear emprego nas zonas rurais.
.Servizos no ámbito da economía dos coidados
.Número de contratacións de persoas desempregadas
.Ser unha empresa calificada como IEBT

No artigo 19 recóllense as obrigas das persoas beneficiarias, destacando entre outras as seguintes:
. Crear o emprego comprometido na solicitude de axuda e mantelo durante, polo menos, os 2 anos seguintes á data do pagamento final ao beneficiario; así como manter o emprego existente á data da solicitude.
. Manter a alta no RETA ou no rexistro mercantil durante un tempo mínimo de 3 anos, salvo cesamento polas causas alleas á súa vontade que se especifican no apartado j.

Pola súa banda, o artigo 20 establece os prazos de xustificación para cada unha das súas anualidades, rematando o prazo de presentación da documentación xustificativa o 31 de outubro de 2023 e 2024, respectivamente.

Respecto do programa I (XEMPRE EMPRENDEMENTO PLUS INVERSIÓN), o artigo 25 sinala que son subvencionables os investimentos que correspondan de xeito indubidable á iniciativa de emprendemento, incluíndo custos directos e custos indirectos (este últimos fíxanse no 3% sobre os custos directos). Entre os custos directos inclúense o equipamento informático, reforma e habilitación do local de negocio, entre outros.

En canto á contía da axuda neste programa I, o artigo 26 establece que será unha porcentaxe fixada en función do rango de investimento total realizado, sendo o investimento mínimo admisible de 10.000€.

Respecto do programa II (XEMPRE EMPRENDEMENTO PLUS EMPREGO), o artigo 27 esixe, para que as contratacións sexan subvencionables, que o contrato se realice cunha persoa desempregada e dentro do período subvencionable (desde o 1 de xaneiro de 2024 ao 31 de outubro de 2024).

En canto á contía dos incentivos para cada unha das dúas liñas de axuda deste programa, o artigo 28 establece o seguinte:
a) As contratacións indefinidas iniciais de persoas desempregadas: incentivo de 6.000€.
b) As contratacións de fixos descontinuos, para contratos de duración dun mínimo de 9 meses e a xornada completa: incentivo de 6.000€.
A contía máxima posible que se pode subvencionar por cada persoa contratada con carácter indefinido é de 36.000 euros.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde a publicación da orde (artigo 30) mentres que o prazo para resolver e notificar é de 5 meses desde a entrada da solicitude (artigo 16).

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións XEMPRE EMPRENDEMENTO PLUS para apoiar a inversión e a creación de emprego co obxectivo de fortalecer e consolidar iniciativas de emprendemento de autónomos e pemes, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa operativo FEDER Galicia 2021-2027 (apoio á inversión) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para a anualidade 2023” consta de: Exposición de motivos, trinta e un artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 24 de maio de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais de carácter unánime e catorce consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de empresarios de Galicia.

Así mesmo contén, como anexos, as consideracións específicas de carácter non unánimes seguintes: tres manifestadas polas organizacións sindicais (ANEXO I) e unha manifestada pola CEG (ANEXO II).

DITAME 18/2023

En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións XEMPRE EMPRENDEMENTO PLUS para apoiar a inversión e a creación de emprego co obxectivo de fortalecer e consolidar iniciativas de emprendemento de autónomos e pemes, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa operativo FEDER Galicia 2021-2027 (apoio á inversión) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para a anualidade 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de maio de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité considera que os requisitos esixidos ao longo do texto da orde, tanto para a presentación das solicitudes como para a xustificación dos gastos é excesiva tendo en conta que se trata de axudas destinadas a persoas autónomas e PEMES, polo que se considera que esas obrigas deberían simplificarse.

Segunda.
Este Comité considera que falta concreción na maioría dos criterios recollidos no artigo 7 do proxecto normativo, de xeito que non queda claro como se levará a cabo a avaliación dos mesmos.

Terceira.
Este Comité propón unha revisión do texto sometido a ditame cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva, xa que se observa o emprego do masculino xenérico (por exemplo, “beneficiarios” nos artigos5 ou 10, “fixos – descontinuos” nos artigos 1 ou 27 e “autónomos” nos artigos 1 ou 14, entre outros). Ademais, tamén se observa o emprego das barras, por exemplo, nos artigos 5 e 25, cando o seu emprego soamente se recomenda nos formularios.

Por outra banda, obsérvase que neste proxecto normativo utilízanse as letras j e k nos artigos 10, 11, 14 ou 19, que son impropias do alfabeto galego. Desde a Consellería de promoción do Emprego e Igualdade tense xustificado o emprego das ditas letras facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que non necesariamente sexan coincidentes en galego e castelán.

Figuran algúns erros no texto que procede corrixir, por exemplo o erro de numeración no artigo 25, que salta do apartado 8 ao 11. Neste mesmo artigo, faltaría resaltar en negriña o apartado f). Así mesmo, no apartado g) do artigo 10 procede eliminar a referencia que figura riscada aos fondos FSE.

A diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. O mesmo se observa respecto das disposicións finais.

Finalmente, considérase que as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
O apartado 3 deste artigo establece que a finalidade desta orde é apoiar a consolidación de iniciativas de emprendemento destinadas a unha serie de actividades que relaciona a continuación.

Este Comité considera que se debería especificar que estamos ante un numerus apertus e que nestas axudas teñen cabida outras iniciativas diferentes das relacionadas neste artigo a modo exemplificativo.

En concreto, considérase que o apartado 10 alude ao sector da hostalería pero isto non concorda coa iniciativa descrita nese apartado.

Segunda.-Artigo 5. Entidades beneficiarias e requisitos.
Dentro das entidades sen personalidade xurídica que o apartado 1 deste artigo relaciona como posibles beneficiarias das axudas, este Comité bota en falta a inclusión das sociedades agrarias de transformación que deberían engadirse.

Terceira.- Artigo 5. Entidades beneficiarias e requisitos.
Tanto na exposición de motivos do proxecto normativo como no seu artigo 1, faise referencia a que serán destinatarias das axudas as persoas autónomas e PEMES cunha antigüidade máxima de 42 meses.

Porén, no apartado 2.b) deste artigo, parece que se esixe unha antigüidade mínima de 42 meses, polo que se pide que se mellore a redacción, xa que a actual resulta confusa.

Cuarta.- Artigo 5. Entidades beneficiarias e requisitos.
O apartado 4 recolle os requisitos que deben cumprir as persoas interesadas e as iniciativas de emprendemento. No ítem b) esíxese que sexan viables técnica, económica e financeiramente e o ítem e) esixe ter a capacidade administrativas, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

Este Comité considera que se debería especificar como se acredita o cumprimento destes requisitos.

Quinta.- Artigo 7. Criterios de valoración.
Sen menoscabo do previsto na consideración específica primeira, este Comité chama a atención sobre o feito de que os sectores incluídos no apartado 3 deste artigo, non se corresponden cos relacionados no artigo 1.3.

Sexta.- Artigo 7. Criterios de valoración.
O apartado 5 deste artigo inclúe, como criterio de valoración, a implantación de medidas de igualdade. Porén, non especifican o contido deste criterio polo que procede aclarar que medidas serán obxecto de avaliación e a que se corresponden as porcentaxes que figuran no dito apartado.

Sétima.- Artigo 7. Criterios de valoración.
O apartado 6 valora a pertenza ao sector da economía social galega como criterio de avaliación e especifica que se consideran como tales, entre outras, as sociedades agrarias de transformación. Tal e como se sinalaba na consideración específica segunda, estas entidades deben figurar expresamente no artigo 5 como posibles beneficiarias das axudas.

Sétima.- Artigo 8. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas.
Este artigo establece a incompatibilidade destas axudas con calquera outra axuda para distinta finalidade. Este Comité entende que se trata dun erro e que o artigo debería establecer a compatibilidade xeral con outras axudas para distinta finalidade sen que poida superarse os límites establecidos pola UE nin os fixados pola Lei de subvencións de Galicia.

Oitava.- Artigo 10. Solicitudes.
O apartado 2.i) fai referencia ao artigo 65 RDC. Este Comité considera que se debería facer a referencia ao nome completo da norma.

Novena.- Artigo 14. Comprobación de datos.
O apartado 1.c) prevé a consulta da vida laboral dos últimos cinco anos no réxime especial de traballadores autónomos.

Este Comité considera excesivo ese prazo de cinco anos, que non se xustifica á vista dos requisitos esixidos ás entidades beneficiarias. Ademais, no apartado 1.m) deste mesmo artigo, respecto das persoas traballadoras contratadas, obsérvase que prevé a consulta do informe da vida laboral dos últimos 12 meses soamente.

Décima.- Artigo 16. Resolución de concesión.
O apartado 8 fixa en 5 meses o prazo para resolver e notificar a resolución. Este Comité considera que estamos ante un prazo excesivo e que debería fixarse un prazo máximo de 3 meses.

Décima primeira.- Artigo 20. Xustificación e forma de pagamento.
No apartado 2 obsérvase que o prazo de realización dos pagos e o prazo de presentación da documentación xustificativa remata o mesmo día. Este Comité considera que debería ampliarse, suficientemente, o prazo de presentación da documentación xustificativa.

Décima segunda.- Artigo 26. Contía da axuda.
Este artigo fixa en 10.000€ o investimento mínimo admisible para xerar dereito a recibir a axuda.

Este Comité considera que se trata dunha contía elevada, tendo en conta que esta subvención vai destinada a persoas traballadoras autónomas e PEMES, polo que debería verse reducida.

Décima terceira.- Artigo 28. Contía dos incentivos.
O artigo 28, nas súas letras a) e b), fixa a contía do incentivo da contratación indefinida inicial en 6.000€. Porén, no último parágrafo deste artigo, establécese que a contía máxima posible que se pode subvencionar por cada persoa contratada con carácter indefinido é de 36.000€.

Este Comité considera que se debería aclarar esta discordancia.

Décima cuarta.- Artigo 30. Prazo de presentación de solicitudes.
Debido a complexidade da documentación que debe xuntarse á solicitude, este Comité considera que se debería ampliar o prazo dun mes que establece este artigo para presentar as solicitudes.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG,SN. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA:

Primeira.- Artigo 5. Entidades beneficiarias e requisitos.
O apartado 4.a) esixe ás persoas interesadas ter o seu domicilio social, fiscal e/ou un centro de traballo na Comunidade Autónoma.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que o correcto é esixir, para poder optar a estas axudas, ter o domicilio social, fiscal e un centro de traballo na Comunidade Autónoma.

Segunda.- Artigo 27. Conceptos subvencionables.
O apartado b) prevé incentivos á contratación na modalidade fixo descontinuo para contratos de duración dun mínimo de 9 meses.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que os 9 meses deben ser a duración máxima desas contratacións, toda vez que a Inspección de Traballo e Seguridade Social está determinando que aqueles contratos fixos descontinuos cunha duración de 10 meses e medio, son contratos con carácter indefinido.

Terceira.- Artigo 28. Contía dos incentivos.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o conxunto dos incentivos non deberían superar, en ningún caso, unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada, en coherencia co manifestado noutros ditames.


ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 5. Entidades beneficiarias e requisitos.
Neste artigo prevese que non se concederán axudas ás pequenas empresas que desenvolvan unha serie de actividades relacionadas a continuación, entre elas, os xogos de azar coas instalacións conexas e as actividades de venda e/ou aluguer de inmobles.

A CEG considera que esas actividades deberían eliminarse desa listaxe e poder optar á subvención.

Número ditame
18