I. ANTECEDENTES
O día 4 de xuño de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2020-2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en concordancia co desenvolvemento doutras medidas no ámbito social e na execución das políticas activas de emprego, no marco da Axenda 20 para o emprego, establece accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade que teñen por obxecto a mellora da súa empregabilidade e, coordinadamente, o establecemento de medidas para a súa inserción normalizada no mercado de traballo, pois entende que o acceso ao emprego é un elemento decisivo para a integración deste colectivo na economía e na sociedade nun sentido amplo”.
Neste senso configúranse as axudas que recolle este proxecto de orde que terían como fin garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade a través dos tres programas que se regulan.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2019, publicada no DOG o día 30 de agosto de 2019 e o ditame emitido polo Consello con data 8 de xullo de 2019 (ditame 19/2019), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións formais manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
No artigo 16 mantense a consideración de gasto realizado como o que corresponde a actuacións levadas a cabo no período de execución e que foi efectivamente pagado antes da finalización do prazo de xustificación. Pero engádese, a continuación, que se exceptúan aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustarse aos calendarios de recadación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto no que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.
A contía do orzamento total destinado a estas axudas é o mesmo que para o exercicio anterior (artigo 50), 17.180.000€. Pero obsérvase que a distribución entre os tres programas regulados nesta orde difire do previsto na orde anterior:
•Para o programa I increméntase a contía en 78.000€
•Para o programa II increméntase a contía en 22.000€
•Para o programa III minórase a contía en 100.000€
O artigo 52 establece cal é o período subvencionable. Engade un novo parágrafo segundo o cal o prazo máximo de execución da axuda sinalada no artigo 40.1.d) para o informe de auditoría sobre a conta xustificativa das axudas recollidas nos programas I e III, rematará o 20 de setembro de 2021.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO.
O texto do anteproxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2020-2021” consta de: Exposición de motivos, cincuenta e catro artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 15 de xuño de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se transcribe a continuación, que contén cinco consideracións xerais e sete consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, como anexos, dúas consideracións xerais e dúas específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I), unha específica manifestada pola CIG (Anexo II) e unha consideración xeral e nove específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola CEG (Anexo III).
DITAME 8/2020
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2020-2021”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de xuño de 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de xuño de 2020 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.
Existen dous tipos de Centros Especiais de Emprego: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade.
Este Comité considera que se debería intensificar a diferenciación real e normativa recollida nos tres programas entre os CEE con ánimo de lucro e os CEE sen ánimo de lucro en favor destes últimos.
O impacto desta non diferenciación é moito máis significativo no artigo 50, á vista do crédito asignado aos CEE con ánimo de lucro (93%) fronte ao dos CEE sen ánimo de lucro (só o 7%).
Segunda.
Aínda que o crédito total orzamentado para 2020-2021(17.180.000,00 euros) é o mesmo que no exercicio anterior, na práctica estamos ante unha mingua do orzamento por mor do incremento do SMI, o que conducirá ao incremento do importe a aboar a determinados beneficiarios, como os da liña III, na que o cómputo anual é de 13.300 euros fronte aos 12.600 € da convocatoria anterior. Iso pode conlevar que non sexa suficiente o orzamento total destinado, ou a redución de centros beneficiarios.
En consecuencia, este Comité quere trasladar unha cautela á Consellería neste senso.
Terceira.
No proxecto de orde que se somete a ditame mantense a eliminación das subvencións para o saneamento financeiro e para o equilibrio orzamentario no artigo 19 e, en consecuencia, elimínanse as previsións que afectaban a estas axudas nos artigos 21, 22 e 23 da Orde para o exercicio de 2017.
Este Comité considera que deberían recuperarse estas subvencións exclusivamente para os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro.
Cuarta.
A situación derivada da emerxencia sanitaria na que nos atopamos fai necesario que se recollan nesta orde medidas específicas de apoio para facer fronte aos esforzos complementarios que se requirirán para garantir o funcionamento dos CEE nas debidas condicións de seguridade.
Este Comité considera que as circunstancias excepcionais xustifican o establecemento das ditas medidas para cubrir os gastos derivados tendo en conta, ademais, as necesidades específicas dos CEE.
Quinta.
Nos artigos 11 e 19 utilízanse as letras j e k, impropias do alfabeto galego. A Secretaría Xeral de Emprego xustifica o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Obsérvase, tamén, que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic], respecto a que veñan encaixadas baixo un título común.
Finalmente, obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, polo que propón a súa corrección.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira. Artigo 17. Pagamento da subvención.
O apartado 5 deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles, o suposto en que o CEE beneficiario sexa debedoro en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.
Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible; e que se recolla a posibilidade de permitir ao centro beneficiario subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedor da súa existencia.
Segunda. Artigo 19. Obrigas xerais dos Centros Especiais de Emprego
No apartado g) deste artigo establécese a obriga dos CEE beneficiarios de “conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.”
Este Comité considera que o precepto debería ser máis concreto para aportar seguridade xurídica. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o que se deben conservar os documentos.
Terceira. Artigo 19. Obrigas xerais dos Centros Especiais de Emprego
Este Comité propón que se engada, como unha das obrigas aquí recollidas, o cumprimento do convenio colectivo que sexa de aplicación.
Cuarta. Artigo 30. Conceptos subvencionables e contía.
En coherencia coa consideración xeral primeira, este Comité considera que debería establecerse unha diferenciación sensible respecto da contía base recollida neste artigo en favor do CEE sen ánimo de lucro.
Quinta. Artigo 31. Composición das unidades de apoio á actividade profesional.
Esta disposición establece que as unidades de apoio á actividade profesional estarán compostas por persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparable.
Este Comité considera que se debería modificar a redacción que figura en cursiva pola seguinte “estarán compostas por persoas profesionais técnicas con titulación de grao medio ou superior da rama social, preferiblemente con experiencia”, ao ter en conta o obxectivo da orde e o colectivo específico ao que se refire.
Sexta. Artigo 37. Tipos de axuda e disposicións comúns.
O capítulo III deste proxecto normativo regula as axudas do programa II do que, segundo o disposto no artigo 36, soamente poden ser beneficiarios os CEE sen ánimo de lucro.
Porén, no artigo 37 atópanse referencias aos CEE con ánimo de lucro, polo que este Comité solicita que se aclare esta incongruencia.
Sétima. Artigo 53.Prazos de xustificación.
Respecto dos apartados 1 e 2 deste artigo, este Comité considera que se deberían ampliar significativamente os prazos de xustificación para os supostos recollidos en ambos apartados.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:
Consideracións xerais:
Primeira.
O actual marco normativo, que debera ter como finalidade a integración laboral das persoas con discapacidade, está a xerar un efecto perverso que provoca que o resultado sexa o contrario do perseguido.
Ao aplicar un tratamento idéntico aos CEE con ánimo de lucro e sen ánimo de lucro, especialmente polo que respecta ao programa III, estase a prexudicar a estes últimos que teñen un claro fin social e a favorecer aos que perseguen un fin económico.
O masivo incumprimento do convenio colectivo sectorial nos CEE con ánimo de lucro sitúa aos traballadores e traballadoras dos mesmos nunha situación de clara discriminación ou mesmo de explotación laboral nalgúns casos o que, unido ás desequilibradas axudas que reciben os CEE, motiva situacións de dumping social respecto doutras empresas que traballan nos mesmos sectores.
Por todo o exposto, as axudas recollidas neste proxecto de orde deberían limitarse aos CEE sen ánimo de lucro.
Segunda.
O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, vén constituído polo Texto Refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.
Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teoricamente, sofre a empresa na súa produción e rendabilidade polo feito de contar con persoas traballadoras con discapacidade.
Existen dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento.
A realidade amósanos a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con persoas traballadoras con discapacidades practicamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar aquela merma da que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.
Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que, en supostos de subrogación nos servizos, non se poda producir a pertinente asunción de persoas traballadoras discapacitadas pola nova empresa concesionaria.
Entendemos, en todo caso, que ambas as dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas estanse a tomar medidas nese senso, como as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non cualificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.
Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dea cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora de conceder as axudas; facer unha selección estrita de todos os centros respecto do cumprimento dos requirimentos legais para percibilas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, as organizacións sindicais e empresariais a través do Consello Autonómico de Emprego e dos correspondentes Consellos provinciais de Emprego.
Consideracións específicas:
Primeira.- Artigo 17. Pagamento da subvención.
Respecto dos anticipos recollidos neste precepto, as organizacións sindicais consideran que deberían beneficiarse deles soamente os CEE sen ánimo de lucro, igual que acontece con outras axudas.
Segunda.-Artigo 45. Obxecto.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que soamente deberían ser obxecto de subvención ao abeiro deste programa III o custo salarial das persoas contratadas en CEE sen ánimo de lucro.
ANEXO II
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:
Artigo 30. Conceptos subvencionables e contía.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais manifestan a súa desconformidade coa supresión na orde do exercicio 2014 do apartado que establecía que os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro, que tiveran no seu cadro de persoal 5 ou menos persoas traballadoras con discapacidade, cun contrato indefinido e a xornada completa, poderían percibir unha subvención de ata o 50% dos custos da unidade de apoio á actividade profesional, polo que propoñen que se reincorpore a este proxecto normativo.
ANEXO III
CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Consideración xeral:
A CEG considera necesario ter en conta os centros especiais de emprego de iniciativa social, como unha tipoloxía propia e específica que apoia o emprendemento colectivo tal e como foi recoñecido polo apartado 4 do artigo 43 do Real decreto lexislativo 1/2013, engadido con efectos de 9 de marzo de 2018 pola disposiciión final 14 da Lei 9/2017, do 8 de novembro.
A convocatoria de axudas, debería establecer unha diferenciación respecto das compensacións económicas que se establezan dirixidas a axudar a viabilidade dos mesmos, en liña coa previsión do artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/2013.
Consideracións específicas:
Primeira. Artigo 4. Persoas destinatarias finais.
A CEG considera que se debería valorar a posibilidade de que sexa subvencionable o acceso de persoas con discapacidade, incluídas as que se atopen inscritas como mellora do emprego no SEPE.
Debería tamén darse resposta efectiva á definición de persoas con incapacidade permanente laboral en grao de total, para que poidan ser contratadas e subvencionadas por centros especiais de emprego.
Deste xeito estas persoas que se recollen no articulo 4.2 do RDL 1/2013, poderían ser contratadas e acollidas aos programas de emprego en CEE, do mesmo xeito que son beneficiarias das bonificacións á seguridade social conforme á Lei 43/2006, debido a que as equipara como beneficiarias do programa.
Na actualidade, unha persoa con incapacidade laboral pode ser contratada mediante o contrato fomento de emprego para persoas con discapacidade e pode acollerse ás bonificacións recoñecidas do 100% se é contratada por parte de centros especiais de emprego, pero non pode ser subvencionada por parte das previsións das políticas activas de emprego en centros especiais de emprego.
Segunda. Artigo 5. Definicións
O apartado 2 deste artigo define ás persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral.
A CEG solicita que se amplíe o concepto e a definición de “persoas con discapacidade con maiores dificultades para a súa inserción laboral” entendendo que se refire a:
a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermedad mental o pers persoas con discapacidade intelectual con un grado de discapacidade recoñecido igual o superior ao 33%.
b) Persoas con discapacidade física o sensorial con un grado de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65%.
c) Persoas con discapacidade nas que a lo menos se den dúas dos seguintes factores de especial dificultade para o emprego:
• As mulleres
• Paradas de longa duración.
• Maiores de 45 anos
• Persoas cun grao de discapacidade do 45%
• Persoas sen formación,
• Persoas que viven no ámbito rural
• Persoas que están en risco de exclusión ou en exclusión
• Víctimas de violencia de xénero
Terceira. Artigo 17. Pagamento da subvención.
Respecto do apartado 3 deste precepto, a CEG propón que se recupere a redacción do exercicio anterior que permitía os pagos parciais. Se un CEE non solicita o adianto, non podería percibir pago algún ata a liquidación do expediente, xustificadas as dúas anualidades e ditadas as resolucións complementarias que procedan.
Cuarta. Artigo 38. Proxectos de creación de postos de traballo de carácter indefinido.
O apartado 6.2ª sinala os casos no que poden incrementarse as contías destas axudas acumulables entre si.
En relación a “contías de axudas a proxectos de creación de postos de traballo de carácter indefinido”, a CEG propón que se incremente un 25% a contía das axudas, como acumulable entre si, de darse a circunstancia de ser unha persoa con dificultades de inserción laboral (desde a definición ampliada que propoñemos).
Quinta. Artigo 39. Adaptación de postos de traballo.
Segundo este precepto, establécese unha subvención para a adaptación de postos de traballo e para a eliminación de barreiras arquitectónicas.
Proponse que a axuda poida destinarse a financiar esixencias de accesibilidade e esixencias de eliminación de obstáculos e para a realización de axustes razoables, de acordo co artigo 66 do RDL 1/2013, e en liña co disposto polo artigo 39 relativo a axudas á xeración de emprego de persoas con discapacidade, polo que a adaptación de postos podería incluir: a eliminación de todo tipo de barreiras que dificulten o seu acceso, mobilidade, comunicación ou comprensión nos centros de producción, ou os medios e equipos especiais de protección persoal.
Neste senso, a CEG propón valorar o incremento dos importes, en aras a recoller o sobrecusto engadido xerado por COVID-19 (de non habilitar unha partida específica).
Sexta. Artigo 40. Asistencia técnica.
O apartado 1.a) deste precepto prevé unha subvención para a contratación de persoal de dirección sempre que o CEE teña, como mínimo, 10 persoas traballadoras. Ademais, esta axuda poderá concederse en dúas convocatorias.
A CEG propón que no apartado a) relativo a contratación de persoal de dirección, sexa posible a ampliación para que os CEE con menos de 10 persoas traballadoras poidan solicitar a dita subvención e que se permita, así mesmo, ampliar a solicitude ata 4 convocatorias. Se a obriga de manter o persoal contratado é de 2 anos, permitiría deste xeito que no marco dunha dirección teña a posibilidade de desenvolver un plan estratéxico.
Sétima. Artigo 43. Obrigas e reintegros específicos do Programa II.
Como o obxecto e esixencia da subvención é manter o posto de traballo durante 2 anos, é necesario que en supostos de despedimento improcedente, se outorgue a posibilidade de substituír á persoa traballadora, pola realidade que en ocasións se dá no mercado laboral. Por tanto pódese establecer a esixencia de 24 meses de traballo efectivo.
A CEG solicita permitir a substitución en supostos de despedimento improcedente, antes de ter a obriga de reintegro do 100% ou en todo caso que o reintegro sexa proporcional ao tempo restante de contrato.
Oitava. Artigo 46. Conceptos subvencionables e contía.
Segundo o apartado 4 deste artigo: “nas situacións de incapacidade temporal, son subvencionables exclusivamente os días en que o pagamento lle corresponda integramente ao centro especial de emprego, de conformidade co que dispoña a normativa da Seguridade Social ou o convenio colectivo de aplicación”.
A CEG propón que se suprima o termo “integramente” no parágrafo reproducido.
Novena. Artigo 54. Particularidades no programa III (custo salarial).
A previsión adicional do 10% afecta ás persoas con discapacidade incluídas no artigo 5.2.
Considérase que dita ampliación se ten que trasladar tamén a outros colectivos non recollidos inicialmente no artigo 5.2 pero que si presentan dificultades de inserción, que non dependen só de tipo e grao.
Polo tanto, en coherencia coa proposta realizada para o artigo 5.2 nestas consideracións, ampliaríanse os potenciais beneficiarios desta mellora.