Ir o contido principal

Ditame 10/20

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:08
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a contratación de técnicos especialistas en Organismos Intermedios para o asesoramento a empresas en situacións conxunturais provocadas polo escenario socioeconómico do COVID-19, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.
  1. ANTECEDENTES

 

O día 17 de xuño de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a contratación de técnicos especialistas en Organismos Intermedios para o asesoramento a empresas en situacións conxunturais provocadas polo escenario socioeconómico do COVID-19, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos: “A situación de suspensión ou retardación de actividades económicas e empresariais derivadas da declaración do estado de alarma pola pandemia provocada polo COVID-19 está xerando novas e inesperadas necesidades nas pequenas e medianas empresas, entre outras, de asesoramento inmediato e especializado en diversas materias”.

 

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame e do seu contido destácanse os seguintes aspectos:

 

Segundo o artigo 1, esta orde ten por obxecto regulador as subvencións a Organismos Intermedios (asociacións empresariais sectoriais ou multisectoriais, clústeres empresariais e consellos reguladores) para a contratación por conta allea de técnicos superiores e profesionais especialistas que no momento da súa contratación sexan persoas desempregadas, durante un período de 8 meses, para facilitar ás pemes e micro pemes un asesoramento específico en materias relacionadas con necesidades xurdidas ao fío do escenario socioeconómico do COVID-19.

 

O artigo 6 relaciona que entidades se consideran organismos intermedios a efectos desta orde e poden, polo tanto, ser beneficiarios das axudas que nela se recollen.

 

Pola súa banda, o artigo 7 (numerado erroneamente como 8) dá conta das actividades que se subvencionan ao abeiro desta orde, entre outras, asesoramento en captación de financiamento ou plans de continxencia na produción e na cadea loxística.

 

A contía máxima da axuda por persoa contratada será de 20.000€ e establecerase en función da titulación e grupo de cotización da dita persoa contratada (artigo 9).

 

O procedemento de concesión será en réxime de concorrencia competitiva (artigo 17) recollendo o artigo 18 os criterios de valoración a avaliar pola comisión de selección.

 

O artigo 23 prevé a posibilidade de realizar o pagamento anticipado do 100% da subvención concedida, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes á subvención.

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

  1. CONTIDO.

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a contratación de técnicos especialistas en Organismos Intermedios para o asesoramento a empresas en situacións conxunturais provocadas polo escenario socioeconómico do COVID-19, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020” consta de: Exposición de motivos, vinte e sete artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

 

O día 22 de xuño de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e tres específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Contén, así mesmo, tres consideracións específicas manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo I, dúas xerais manifestadas pola CIG (Anexo II) e catro consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo III)

 

 

DITAME 10/2020

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a contratación de técnicos especialistas en Organismos Intermedios para o asesoramento a empresas en situacións conxunturais provocadas polo escenario socioeconómico do COVID-19, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de xuño de 2020, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.

Este Comité chama a atención sobre o feito de que non figura o orzamento asignado a estas axudas no correspondente artigo 4.

 

Segunda.

No texto obsérvase o emprego do masculino xenérico ( por exemplo: “técnicos especialistas” no propio título da orde ou “beneficiarios” no artigo 6) que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva.

 

Obsérvase, tamén, que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

 

Finalmente, obsérvase que no texto sometido a ditame figura unha Disposición derradeira que debería denominarse Disposición final, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, polo que propón a súa corrección.

 

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

 

Primeira. Artigo 1. Obxecto e finalidade.

Segundo este artigo, o período subvencionable fíxase en 8 meses.

 

Este Comité propón que se amplíe ata os 12 meses.

Por unha banda, este prazo xeraría dereito á percepción da prestación por desemprego para as persoas contratadas a través destas axudas.

 

Por outra, permitiría optimizar a consecución de resultados e que a persoa desempregada contratada teña tempo de formarse axeitadamente, acadar experiencia e prestar logo servizos de calidade.

 

Segunda. Artigo 9. Contía das axudas.

No apartado 4 deste precepto establécese que, para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º c) do Estatuto dos Traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

 

Este Comité entende que deberían incluírse como subvencionables ambos conceptos, mais aínda se se ten en conta que hoxendía practicamente non existen conceptos excluídos da base de cotización. Así mesmo, considérase que se debería argumentar por que se opta por consideralos non subvencionables.

 

Terceira. Artigo 20. Requisitos e criterios para a selección e contratación das persoas traballadoras.

Segundo o apartado 1 deste artigo, será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que no momento do inicio da relación laboral a persoa seleccionada estea inscrita na oficina de emprego como demandante desempregada, e dispoñible para o emprego.

 

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que non debería ser a entidade beneficiaria quen leve a cabo esa comprobación.

 

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA:

 

Primeira. Artigo 9.Contía das axudas.

O apartado 2 deste artigo establece que o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde non poderá superar o 90 % do custo salarial de 8 meses correspondentes ao contrato que se subvenciona.

 

As organizacións sindicais que conforman o Consello consideran que o conxunto dos incentivos non deberían superar, en ningún caso, unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada, en coherencia co manifestado noutros ditames.

 

Segunda. Artigo 18.Criterios de valoración.

O apartado 2 barema a titulación da persoa a contratar. As organizacións sindicais que integran este Comité valoran negativamente a baixa puntuación que se outorga ás titulacións medias, que son as predominantes entre as persoas desempregadas destinatarias das contratacións que subvenciona esta orde, polo que propoñen que adapte a baremación a esta realidade.

 

Terceira. Artigo 18.Criterios de valoración.

O apartado 5 valora con 8 puntos o feito de que o organismo intermedio teña carácter intersectorial.

 

As organizacións sindicais que integran este Comité considera que é un peso excesivo ao carácter intersectorial e que non debería darse esa diferenciación cos organismos de carácter sectorial.

 

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS MANIFESTADAS POLA CIG.

 

Primeira.

Dende a CIG salientamos a falta de información dos orzamentos a distribuír con subvencións e axudas públicas, repartindo fondos destinados ás políticas activas de emprego, ás organizacións empresariais, en detrimento de liñas de axuda ás entidades sociais.

 

Ademais, botamos en falta que non exista ningunha mención a iniciativas referidas á formación profesional para o emprego.

 

 

Segunda.

A CIG considera que a denominación de "Organismos Intermedios" leva a certa confusión, dado que o termo "organismo" máis ben se emprega no ámbito do sector público, polo que cabería unha denominación que evitara o termo organismo para sinalar as entidades beneficiarias, unha vez que sabemos que o proxecto ten por obxecto subvencionar entidades empresariais con ámbito no sector privado.

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS  ESPECÍFICAS MANIFESTADA POLA CEG.

 

Primeira. Artigo 9.- Contía das axudas.

En coherencia coa modificación proposta no artigo 1, a CEG propón incrementar as contías proporcionalmente para dar resposta á financiación de 12 meses de contrato de cada técnico.

 

Segunda. Artigo 9.- Contía das axudas.

A CEG propón a modificación do tope de financiación dos gastos vinculados á contratación da persoa, limitándoa simplemente ao custe salarial (entre os subvencionables segundo a orde) e dentro do límite/tope previsto no apartado 1 do artigo 9. En consecuencia, eliminaríase a porcentaxe do 90% que fixa o apartado 2 deste precepto.

 

Terceira. Artigo 18.- Criterios de valoración.

O apartado 6 outorga 5 puntos polo ámbito territorial do organismo intermedio sempre que sexa de ámbito comarcal.

A CEG considera que tamén se debería obter puntuación cando o organismo ten un ámbito provincial ou superior.

 

Cuarta. Artigo 19.- Resolución e recursos.

O prazo de tres meses para resolver parece ser excesivo, polo que a CEG propón a súa redución na medida do posible.

Número ditame
10