Ir o contido principal

Ditame 28/23

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre o Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización do Programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual nos centros especiais de emprego (CEE) e se procede á súa convocatoria plurianual (2023 a 2026).

I. ANTECEDENTES

O día 18 de xullo de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización do Programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual nos centros especiais de emprego (CEE) e se procede á súa convocatoria plurianual (2023 a 2026). Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, “dentro do colectivo de persoas con discapacidade, aquelas que teñen unha discapacidade de tipo intelectual, incluídos os trastornos de desenvolvemento, presentan especiais dificultades, tanto para acadar unha formación mínima necesaria para acceder a un posto de traballo, como para a súa integración no mercado de traballo.

Con esta finalidade deseñouse un programa de axudas de ámbito autonómico, orientado a aqueles centros especiais de emprego que, ademais de contar cunha mínima experiencia e capacidade técnica necesaria para desenvolver o proxecto, respondan ao compromiso pleno de integración laboral de persoas con discapacidade, obrigándose ao reinvestimento íntegro dos beneficios no propio centro ou noutros coa mesma finalidade”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para a convocatoria anterior, publicada no DOG o día 25 de outubro de 2019 e o ditame emitido polo Consello con data 22 de xullo de 2019 (ditame 23/2019), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións formais e unha sobre o fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do contido deste proxecto destacan os seguintes puntos, respecto da orde anterior:

Entre os criterios de valoración que recolle o artigo 19 engádese a valoración da experiencia previa nos últimos 6 anos na implementación dun programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual segundo as características establecidas nestas bases reguladoras, outorgándolle 5 puntos.

Por outra banda, obsérvase un incremento de 3.000.000€ no orzamento global asignado a estas axudas, de xeito que a contía ascende a un total de 6.000.000€ (artigo 45).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización do Programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual nos centros especiais de emprego (CEE) e se procede á súa convocatoria plurianual (2023 a 2026)” consta de: corenta e nove artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 28 de xullo de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se ereferencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e nove específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Así mesmo contén, como anexo, unha consideración específica manifestad polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais.

DITAME 28/2023

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización do Programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual nos centros especiais de emprego (CEE) e se procede á súa convocatoria plurianual (2023 a 2026)”, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de xullo de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de xullo de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.
Este Comité considera necesario que se acheguen os datos estatísticos de execución da resolución do exercicio anterior para a xusta valoración da norma.

En consecuencia, tal e como se ten formulado respecto doutros proxecto normativos, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio anterior que deben acompañar a esta resolución cos seguintes datos:

- Número de solicitudes presentadas.
- Número de persoas afectadas por esas solicitudes.
- Número de solicitudes resoltas favorablemente.
- Número de persoas afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente

Ademais, e a falta destes datos, este Comité considera que se debería xustificar o incremento no orzamento asignado que fixa o artigo 45.

Segunda.
Ao longo do texto desta orde faise referencia aos contratos para a formación e a aprendizaxe, cando actualmente esas referencias deben facerse ao contrato de formación en alternancia.

Ademais, debe levarse a cabo unha revisión de determinados aspectos recollidos en relación con estes contratos e que responden á normativa anterior, como as referencias aos límites de idade que indica o artigo 36. Debe terse en conta que a falta de desenvolvemento regulador dos contratos de formación en alternancia non pode supoñer a adopción sen máis da regulación prevista para os antigos contratos para a formación e a aprendizaxe.

Terceira.
Este Comité observa que, nos artigos 15, 29 e 30, empréganse as letras j e k na clasificación, impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas que correspondan. Desde a Consellería tense feito referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que non teñen porque ser coincidentes en galego e castelán.

En canto ás disposicións adicionais, chama a atención que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

Finalmente, este Comité considera que as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 6. Beneficiaridas das subvencións.
O apartado 2.f establece que non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise.

Este Comité entende que esta exclusión non debería afectar a aquelas empresas declaradas en concurso cando neste adquirira a eficacia un convenio, xa que o artigo 10.2 da Lei de Subvencións de Galicia permite a estas entidades ser beneficiarias de subvencións este extremo debería constar expresamente nesta orde.

Segunda.- Artigo 9. Axuda ao custo salarial das persoas alumnas-traballadoras
Segundo o apartado 3 deste precepto: “O cálculo da contía realizarase co importe do SMI establecido polo Consello de Ministros mediante Real decreto 99/2023, do 14 de febreiro polo que se fixa o Salario Mínimo Interprofesional mensual para o ano 2023”.

Pola súa banda, o artigo 22.3 prevé que no caso de que se aprobe un incremento do SMI superior ao estimado no artigo 9.3, poderá modificarse a resolución inicial mendiante resolucións complementarias que asuman o financiamento que supón ese incremento, sempre que exista crédito suficiente.

Este Comité considera que debería habilitarse a fórmula para facer efectivas esas resolucións complementarias en todo caso.

Terceira.- Artigo 13. Documentación complementaria.
O apartado 1.c) require achegar, xunto coa solicitude, o proxecto de formación dual de acordo co modelo que consta no portal web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Este Comité considera que se debería ter achegado o dito modelo para sometelo a ditame.

Cuarta.- Artigo 17. Instrucción e tramitación do procedemento.
No apartado 2.b) alúdese ao programa informático SIFO.

Este Comité urxe solucionar os problemas que presentan as aplicacións SIFO que, na práctica, paralizan a xestión da programación das accións reguladas nas convocatorias en que se empregan.

Quinta.- Artigo 19. Criterios de valoración.
Este Comité observa que algúns dos criterios relacionados neste artigo se avalían con ata 5 puntos e considera que debería graduarse esa puntuación, especificando como corresponde outorgar os puntos.

Sexta.- Artigo 19. Criterios de valoración.
O apartado 1.e) outorga ata 5 puntos polas actuacións previstas para a igualdade efectiva de oportunidades entre homes e mulleres no ámbito laboral.

Este Comité considera que se debería concretar esas posibles actuacións.

Sétima.- Artigo 28. Pagamento da axuda concedida e perda do dereito ao cobramento.
Segundo o apartado 7, “non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro”.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “débeda pendente coa Administración” no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a beneficiaria.

Por outro lado, a resolución de procedencia de reintegro debería ter carácter firme, do mesmo xeito que figura noutras ordes.

Oitava.- Artigo 37. Actividade formativa.
O apartado 1 establece que a oferta formativa deberá ser suficiente para expedir un certificado de profesionalidade.

Este Comité reitera que se debería substituír o termo “suficiente” por “adecuada” xa que, aínda que na contestación ao ditame anterior se indica que se procede a esa corrección, nin na orde finalmente publicada no ano 2019 nin neste novo proxecto figura a dita corrección.

Novena.- Artigo 38. A formación complementaria.
Este Comité considera que, dado que xa non se está ante un proxecto piloto senón ante unha segunda convocatoria destas axudas, debería incluírse no proxecto normativo a posibilidade de acceso a cursar o módulo de competencias clave para o alumnado que non posúa unha formación mínima.

ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 19. Criterios de valoración.
O apartado 1.d) esixe unha taxa de estabilidade mínima dun 65% para ser puntuable.

As organizacións sindicais que integran este Comité propoñen que esa porcentaxe mínima se incremente ata o 75%.

Número ditame
28