Ir o contido principal

Ditame 58/21

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia Emprega de incentivos á contratación e á formacion na empresa ordinaria, e se procede a súa convocatoria para o ano 2022
I. ANTECEDENTES

O día 12 de novembro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia Emprega de incentivos á contratación e á formación na empresa ordinaria, e se procede a súa convocatoria para o ano 2022. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, “As circunstancias excepcionais resultantes da Pandemia provocada polo coronavirus COVID -19, determinan a necesidade de adoptar medidas que contribuían a paliar os efectos desta crise sobre o mercado do traballo da Comunidade Autónoma, a través do impulso á contratación indefinida e a temporal así como a transformación de contratos temporais en indefinido para os colectivos mais vulnerables”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2021 (publicado no DOG o día 26 de xullo de 2021) e o ditame emitido polo Consello con data 31 de maio de 2021 (Ditame 20/2021), obsérvase que se tiveron en conta tres das consideracións de fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial. Tamén se tivo en conta, parcialmente, a consideración de carácter formal.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O artigo 6 permite que os centros especiais de emprego poidan ser entidades beneficiarias destes incentivos, excepto para celebrar contratos con persoas con discapacidade, mentres que na orde anterior estaban expresamente excluídos como beneficiarios das axudas.

En canto ás contías dos incentivos, o artigo 23 segue fixando en 8.000€ a contía no suposto da contratación temporal dunha persoa desempregada con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social pero, segundo o novo proxecto, esa contía só procede en caso de que a duración inicial mínima do contrato sexa de 12 meses. Para o caso de que a dita duración sexa de 3 meses, prevese que a contía será proporcional ao número de meses do contrato.

O mesmo artigo prevé que, nas transformacións de contratos temporais celebrados con persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social en indefinidos, á contía do incentivo sexa de 3.000€ (tal e como xa fixaba a orde anterior) pero engade unha previsión para o caso de que o dito contrato sexa a tempo parcial, en cuxo caso, a contía do incentivo será proporcional ao tempo efectivo de traballo.

Pola súa banda, o artigo 27 fixa en 3 meses desde a recepción da axuda o prazo do que dispón a beneficiaria para xustificar a aplicación da axuda aos gastos subvencionables, mentres que a orde anterior remitía á resolución de concesión para determinar o dito prazo.

Entre as obrigas das entidades beneficiarias, para os supostos de contratación indefinida inicial, transformación de contratos temporais en indefinidos ou incremento da xornada, o artigo 28 esixía manter no cadro de persoal durante un período mínimo de dos anos á persoa contratada, cuxo contrato se transforma ou que ve incrementada a súa xornada. O novo proxecto rebaixa esa obriga temporal a un mínimo de 18 meses.

Finalmente, respecto do programa de emprego con apoio, o artigo 40 recolle as contías das axudas prevendo unha serie de supostos nos que a dita contía se incrementará nun 25%. Respecto da orde para o exercicio anterior, obsérvase a supresión de dous supostos nos que procedía o dito incremento: no caso de que a empresa tivera máis de 50 traballadores e unha taxa de estabilidade igual ou superior ao 70% e no caso de que a actividade da entidade solicitante pertencera ao ámbito de sectores estratéxicos.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa Galicia Emprega de incentivos á contratación e a formación na empresa ordinaria, e se procede a súa convocatoria para o ano 2021” consta de: Exposición de motivos, corenta e oito artigos, unha disposición adicional e  dúas finais.

O día 29 de novembro de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e oito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, ademais, as consideracións non unánimes seguintes: unha xeral e quince específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT-Galicia (Anexo I) e 1 xeral e doce específicas manifestadas pola CEG.

 

 

 

DITAME 58/2021

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia Emprega de incentivos á contratación e á formacion na empresa ordinaria, e se procede a súa convocatoria para o ano 2022, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de novembro de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de novembro de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.

Obsérvanse o emprego do masculino xenérico (“os administradores” no artigo 6, “emigrante retornado no artigo 22) polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva.

Así mesmo, obsérvase o emprego das letras j e k na clasificación dos artigos 6, 41 e 46.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Pola súa banda, as dúas disposicións adicionais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Obsérvase o mesmo respecto das disposicións finais.

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

 Segunda.

Este Comité propón que, no “Programa de incentivos á contratación, formación e emprego con apoio”, se recollan de xeito explícito axudas específicas para subvencionar os custos totais das persoas intérpretes da linguaxe de signos.

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.

O apartado 1.a) deste precepto inclúe, como un dos tipos de axuda recollidos, os incentivos ás accións formativas no centro de traballo, dirixido ás persoas contratadas mediante contratación indefinida inicial e temporal por medio desta orde de convocatoria.

Tendo en conta que o artigo 6 establece que “poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas”, este Comité considera que non cabe unha redacción como a presentada no artigo 1.1.a) dirixida ás persoas contratadas ao abeiro desta orde, xa que elas non son quen reciben a subvenión.

Polo tanto, propón substituír a dita redacción pola que segue: “-Liña de incentivos ás accións formativas no centro de traballo dirixido ás empresas que teñan a persoas traballadoras contratadas por medio desta orde”.

Segunda.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.

O apartado 3.e) deste precepto establece que non poderán obter a condición de beneficiaria as persoas ou entidades que teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “outra débeda”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

O mesmo obsérvase respecto do previsto nos artigos 17 e 44.

Terceira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.

Ao longo do texto fálase indistintamente de “persoas interesadas”, “persoas beneficiarias”, “persoas ou entidades interesadas” ou “entidades beneficiarias”.

Este Comité propón que se homoxeneice a redacción e se empregue “persoas e entidades beneficiarias” como se fai no título do artigo 17.

Cuarta.- Artigo 14. Resolución e recursos

Este artigo fixa o prazo para resolver e notificar en 3 meses.

Este Comité considera excesivo ese prazo e propón que se reduza.

Quinta.- Artigo 21. Ámbito de aplicación e accións subvecionables

Segundo este precepto, son subvencionables as contratacións das persoas con discapacidade desempregadas inscritas, segundo esixe o artigo 5, no Servizo Público de Emprego como demandantes de emprego non ocupadas.

Este Comité propón que se recolla dunha maneira explícita a posibilidade de que sexan destinatarias das axudas aquelas persoas con discapacidade que teñan un contrato de traballo a tempo parcial inferior ao 50% da xornada

Sexta.- Artigo 24. Exclusións.

O apartado 2 exclúe dos beneficios regulados neste proxecto aos contratos realizados con algúns familiares.

Este Comité considera que se debería revisar este apartado 2 en relación ao previsto na Lei 20/2007 do Estatuto do traballo autónomo.

Sétima.- Artigo 30. Accións subvencionables e requisitos.

Respecto do apartado 1.b deste artigo, este Comité propón que se engada un parágrafo que estableza que “a acción formativa conformará un expediente no que se incorporará a documentación que informe dos seguintes aspectos:

- Denominación, obxectivos e descrición da acción programada.

- Programación do calendario previsto de execución

- Modalidades e ou lugar previsto no que se imparta a acción formativa”.

Oitava.- Artigo 37. Persoas destinatarias finais.

O apartado 1 deste artigo recolle os supostos nos que pode atoparse a persoa destinataria das axudas e inclúe, na letra b), ás persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65%.

Este Comité propón que se redefinan os supostos relacionados neste apartado para adecualos á normativa vixente. Así, por exemplo, a discapacidade auditiva é unha discapacidade sensorial que aparece noutra letra do artigo, separadamente.

Por outra banda, este Comité considera que o grao de discapacidade esixido neste artigo debería ser o mesmo en todos os supostos, o 33%, independentemente do tipo de discapacidade xa que estamos ante persoas que presentan as mesmas dificultades de inserción laboral.

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA

 

CONSIDERACIÓN XERAL:

 As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas, mediante subvencións directas e bonificacións das cotas da Seguridade Social, ten producido escasos resultados en cantidade e, sobre todo, en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais, ademais de mermar os recursos orzamentarios e os ingresos do sistema público da Seguridade Social.

Xa que logo, esas políticas deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:

1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

            2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.

            3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

 Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.

Segundo o apartado 1.a)2 deste artigo, os incentivos previstos neste proxecto normativo poden aplicarse ás contratacións temporais.

As organizacións sindicais propoñen que se elimine a posibilidade de subvencionar a contratación temporal por medio destes incentivos xa que sería contraditorio co obxectivo de favorecer o emprego estable e de calidade que persegue este proxecto de orde.

Segunda.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.

As organizacións sindicais cuestionan a utilización do incentivo ás accións formativas no centro de traballo, recollido no apartado 1.a), como instrumento para mellorar a formación das persoas traballadoras contratadas ao abeiro desta orde, xa que non garante a calidade da dita formación nin o acceso en igualdade a ela.

Formúlase a mesma consideración para todos os artigos que desenvolven este programa na Sección II da orde.

Terceira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.

As organizacións sindicais consideran que debería esixirse ás entidades solicitantes das axudas contar cun mínimo de cinco persoas traballadoras na data da presentación da solicitude, así como presentar unha taxa mínima de estabilidade do 75% e que este requisito se esixa respecto dos seis meses anteriores ao da solicitude.

Cuarta.- Artigo 22. Requisitos.

Segundo o apartado 2 deste artigo, as contratacións temporais deberá realizarse cunha duración mínima inicial de doce meses no suposto de contratación de persoas mozas dempregadas , mulleres desempregadas e persoas desempregadas de longa duración. A duración do contrato subvencionable poderá ser de tres meses no suposto de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social desempregadas.

Sen prexuízo do disposto na consideración xeral deste Anexo I, as organizacións sindicais propoñen que se elimine a posibilidade de subvencionar a contratación temporal por medio destes incentivos xa que sería contraditorio co obxectivo de favorecer o emprego estable e de calidade que persegue este proxecto de orde.

Quinta.- Artigo 23. Contía dos incentivos.

Sen prexuízo do sinalado na consideración xeral deste Anexo I, enténdese que o custo máximo subvencionable debería ser o custo da Seguridade Social orixinado pola persoa contratada, para que a contratación non resulte de balde para as empresas.

Sexta.- Artigo 28. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado 1 deste precepto obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada polo período mínimo de 18 meses.

As organizacións sindicais consideran que a dita obriga debería fixarse nun mínimo de cinco anos para evitar que se perverta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras.

Sétima .- Artigo 28. Obrigas das entidades beneficiarias

O segundo parágrafo dos apartados 1 e 2 establece que “no suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención a empresa está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación”.

As organizacións sindicais consideran que esta posibilidade soamente debería proceder no suposto de que a extinción da relación laboral se produza por causa non imputable  á entidade beneficiaria.

Oitava .- Artigo 28. Obrigas das entidades beneficiarias

As organizacións sindicais consideran que se debería recuperar a obriga das entidades beneficiarias de manter, en cómputo anual, o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal, durante polo menos 2 anos, que se contarán desde a data de realización da contratación.

Novena .- Artigo 30. Accións subvencionables e requisitos.

As organizacións sindicais consideran que se debería esixir, en todo caso, que a formación aportara algún valor engadido sobre a obriga legal de formación no desempeño do posto de traballo que atingue á empresa, tal e como recolle a memoria explicativa remitida pola Dirección Xeral en resposta ao ditame 20/2021, emitido sobre esta mesma orde para o ano 2021.

 Décima .- Artigo 30. Accións subvencionables e requisitos.

Respecto das accións formativas, as organizacións sindicais consideran que se deberían incrementar as horas de formación ata equiparar, a lo menos, ao establecido para o contrato de formación e aprendizaxe (25% da xornada no primeiro ano).

Décima primeira.- Artigo 30. Accións subvencionables e requisitos.

Respecto do previsto no apartado 1.c deste precepto, as organizacións sindicais propoñen que se engada o seguinte parágrafo: “Con carácter previo ao inicio da acción formativa, en concordancia co disposto no artigo 64 do Estatuto dos Traballadores (Dereitos de información e consulta e competencias), a entidade informará a RLT ao efecto de exercer o dereito que lle corresponda, se así o considera oportuno.

 Décima segunda.- Artigo 32. Contías dos incentivos e condicións de percepción.

As organizacións sindicais consideran que é esaxerada a contía do incentivo por unha formación incontrolada: pode chegar a 57 euros/hora. Debería reducirse sensiblemente e aplicárselle os mesmos requisitos de topes de gastos que na Orde do 9 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións no marco do Plan de formación para o emprego (persoas traballadoras ocupadas), e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2021 e 2022, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión.

Décima terceira .- Artigo 33 Obrigas das persoas beneficiarias.

Respecto do apartado 2 deste artigo no que se relaciona a documentación xustificativa a presentar, as organizacións sindicais entenden que as accións formativas deberían formar parte do Plan de formación da empresa, do que ten que informar á representación legal dos traballadores e das traballadoras.

Décima cuarta .- Artigo 33. Obrigas das persoas beneficiarias.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a xustificación recollida neste precepto é excesivamente laxa en termos económicos.

Décima quinta .- Artigo 33. Obrigas das persoas beneficiarias.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a empresa debería certificar  a cada persoa traballadora a formación recibida.

 

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 Consideración xeral

A CEG solicita que se recupere o programa de incentivos á transformación da contratación temporal en indefinida, ampliado a todo tipo de colectivos co obxeto  de  mellorar a empregabilidade das persoas demandantes de emprego, aumentar a contratación de carácter estable e facilitar e incentivar ás empresas que fan un esforzo para dotar de estabilidade á súa plantilla.

 Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.

A CEG considera que debería existir a posibilidade  de contratar a persoas que se atopen en situación de mellora de emprego cunha xornada inferior a un terzo, co obxectivo de mellorar as súas circunstancias laborais a través dun emprego de maior duración.

Segunda.- Artigo 22. Requisitos.

Este artigo esixe que a contratación se faga a tempo completo para poder ser subvencionada, excepto no caso de contratar a persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. A CEG considera que tamén deberían ser obxecto de subvención os contratos celebrados a tempo parcial.

Terceira.- Artigo 23. Contía dos incentivos.

A CEG considera que as contías das axudas deberían modularse en atención do custo salarial que ten para a empresa a contratación da persoa traballadora.

Cuarta.- Artigo 24. Exclusións.

A CEG propón a  revisión das exclusións contempladas neste artigo, para que no caso de persoas con discapacidade non sexan aplicables as ditas exclusións tales como as dos apartados 2 e 3, en liña coas previsións e bonificacións recollidas no artigo 6 da Lei 43/2006, de fomento do emprego.

 Quinta.- Artigo 24. Exclusións.

O apartado 2 deste artigo exceptúa das exclusións destas axudas o suposto de que a persoa contratada sexa un fillo ou filla menor de 30 anos da persoa empregadora.

A CEG considera que se debería subvencionar tamén a contratación no caso de que o fillo ou filla sexa maior de 30 anos, teña especiais dificultades de inserción laboral e pertenza a algún dos seguintes colectivos:

-Persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 por cento.

-Persoas con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 por cento e inferior ao 65 por cento, sempre que causen alta por primeira vez no sistema da Seguridade social.

-Persoas con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 por cento.

Sexta.- Artigo 28. Obrigas das entidades beneficiarias.

Segundo o apartado 1, no suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial realizada cunha persoa que cumpra os requisitos.

A CEG considera que a cobertura desa vacante debería ser algo potestativo para a empresa e non unha obriga, de xeito que poida optar por devolver a parte proporcional da axuda que corresponda se decide non proceder coa substitución.

Obsérvase o mesmo respecto do apartado 2 deste mesmo artigo.

 Sétima.- Artigo 30. Accións subvencionables e requisitos.

O apartado 1.b) deste precepto fixa o número de horas de duración da acción formativa en 70 (no caso dos contratos indefinidos) e en 50 (no caso dos contratos temporais).

A CEG considera que carece de sentido vincular o número de horas da formación ao tipo contractual, polo que propón que a duración da acción formativa sexa a mesma en todo caso, xa que está máis directamente relacionada coas tarefas vinculadas ao posto de traballo que coa duración do contrato.

Oitava.- Artigo 32. Contías dos incentivos e condicións da percepción.

Na mesma liña que na consideración anterior, a CEG considera carece de sentido vincular a contía da axuda para formar a unha persoa ao tipo contractual, polo que propón que a contía  sexa a mesma en todo caso.

Novena.- Artigo 33. Obrigas das persoas beneficiarias.

O apartado 1 deste precepto require a presentación dun documento acreditativo de que a solicitante comunicou ás persoas representantes legais das persoas traballadoras a acción formativa xustificativa do bono de formación que se realizou coa solicitude desta axuda.  No suposto de que non haxa RLT, a comunicación debe realizarse a todas as persoas traballadoras da empresa.

A CEG considera excesivo que se esixa presentar ese documento nos termos manifestados, sobre todo tendo en conta que no texto da Orde non se recolle a presentación de dita acreditación como obriga da entidade beneficiaria.

Décima.- Artigo 34. Incumprimento de obrigas e reintegro

A CEG considera que debe contemplarse a circunstancia de que se produza a baixa voluntaria dunha persoa traballadora contratada ao amparo da subvención que xa teña sido formada co bono de formación. Para isto a empresa pode contratar a unha persoa substituta, polo que se debería  xerar un bono de formación para esta nova contratación sempre e cando se cumpran os requisitos esixidos na orde.

Décima primeira.- Artigo 37. Persoas destinatarias finais.

En relación con este artigo e co artigo 39, a CEG considera que se debería revisar a consideración de persoas con discapacidade con especiais dificultades  de inserción laboral, de xeito que teña un contido máis amplo do actual nas políticas de emprego que estableza a Consellería.

No borrador actual faise referencia a "colectivos con especiais dificultades de inserción laboral" no bono emprego con apoio prevendo as persoas destinatarias finais (artigo 37), ou ao referirse ao tempo a adicar por parte das persoas preparadoras laborais (artigo 39), pero na realidade tamén precisarían apoio persoas que non alcanzan ditos supostos, e non obstante están no marco do emprego con apoio menos favorecidos.

Así, será necesario reformular dita previsión para considerar como tales, tamén as seguintes persoas, xa que precísase ter en conta non só o tipo de discapacidade, senón o conxunto das circunstancias da persoa; realizando unha análise da súa situación persoal e social:

Considérase persoas con discapacidade con especiais dificultades de inserción laboral, respecto ao Bono contratación e formación, con independencia do tipo de discapacidade, as seguintes:

Persoas con discapacidade que presenten dúas ou mais circunstancias seguintes no momento da contratación:

-           Ser muller

-           Ter 45 anos ou mais

-           Residencia no rural

-           Ter a consideración de persoa en risco ou exclusión social

-           Ser persoa parada de longa duración

-           Ter recoñecido un grao de discapacidade maior do 45%

-           Ter acreditada mobilidade reducida

-           Ter acreditada a necesidade de axuda de terceira persoa

-           Atoparse en situación de cronicidade (con patoloxías crónicas)

Décima segunda.- Disposición transitoria.

Proponse incluír unha Disposición transitoria na que se exprese que, en caso de vixencia da orde, se hai disposición normativa que acredite e aclare a consideración de persoa con discapacidade ás persoas pensionistas de incapacidade permitan, conforme prevé o artigo 4.2 do Real decreto lexislativo 1/2013, e que  sexa aplicable aos efectos desta orde e dende a súa entrada en vigor.

O  obxectivo desta proposta é  que as persoas pensionistas da Seguridade Social por incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez ou de pensionista de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade, se consideren persoas con discapacidade a efectos de poder acollerse ás medidas de igualdade de oportunidades e non discriminación no acceso ao emprego, e para dar amplitude eficaz á definición de discapacidade, prevista no artigo 1 da Convención Internacional dos Dereitos das persoas con discapacidade.

 

 

Número ditame
58