I. ANTECEDENTES
O día 24 de febreiro de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento polo que se rexerán as accións formativas do plan técnica para mulleres desempregadas da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2020-2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos: “os resultados obtidos en traballos realizados polo observatorio de emprego do Instituto Galego das Cualificacións permitiron determinar que certificados de profesionalidades e cursos do catálogo de especialidades formativas do SEPE están vencellados á Industria 4.0 e asociados a ocupacións con subrepresentación feminina e/ou en fase expansiva de contratación.
Estes traballos posibilitaron delimitar o marco de accións formativas de perfil técnico dirixidas a mulleres desempregadas que poderán ser obxecto de financiamento e que se determinarán no anexo I de cada convocatoria.
Trátase, en definitiva, de promover a impartición de cursos de especialidades formativas en sectores vinculados á Industria 4.0 e o sector tecnolóxico e dirixidos exclusivamente a mulleres desempregadas”.
Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame e do seu contido destácanse os seguintes aspectos:
Segundo o artigo 3, poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións as empresas que sexan titulares de centros ou entidades de formación acreditados no correspondente certificado de profesionalidade ou tivesen solicitada a inscrición mediante declaración responsable nesa data na correspondente especialidade formativa non vinculada a certificado de profesionalidade, na Administración pública competente para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia.
O artigo 7 regula o procedemento e indica, entre outros puntos, que unha mesma entidade beneficiaria non poderá ser adxudicataria de accións formativas que superen as 10 horas diarias por aula.
O artigo 8 relaciona os criterios de baremación que empregará a comisión de valoración para avaliar as solicitudes presentadas.
O prazo para resolver e notificar fíxase en tres meses (artigo 9).
En canto ao pagamento, o artigo 15 prevé un anticipo do 25% do importe total concedido e a posibilidade dun segundo anticipo de ata o 35% adicional.
O artigo 28 especifica que as accións formativas irán dirixidas ás mulleres traballadoras desempregadas. Para tal efecto, a consideración de muller desempregada virá determinada pola súa inscrición como demandante no Servizo Público de Emprego de Galicia e que teña a condición laboral de non ocupada na data da súa incorporación ao curso.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento polo que se rexerán as accións formativas do plan técnica para mulleres desempregadas da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2020-2021” consta de: Exposición de motivos, corenta artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 11 de marzo de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que non contén consideracións unánimes e recolle as seguintes consideracións non unánimes: 1 xeral manifestada pola CIG (Anexo I), 1 xeral e dúas específicas manifestadas por UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA e a CEG (Anexo II) e 1 xeral manifestada por UGT-GALICIA e SN DE CCOO DE GALICIA (Anexo III).
DITAME 1/2020
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento polo que se rexerán as accións formativas do plan técnica para mulleres desempregadas da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2020-2021, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de febreiro de 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de marzo de 2020, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
ANEXO I
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CIG.
A CIG considera que este proxecto ven encamiñado a dar cobertura a unha serie de medidas no marco do chamado diálogo social.
Na mesma liña de dar contido aos acordos, subscribiuse tamén un convenio de colaboración que concede unha subvención directa ás entidades asinantes para financiar gabinetes técnicos como se describe na cláusula segunda.
O devandito convenio adxudicouse por concesión directa, sen a preceptiva definición do obxecto das subvencións nin acreditación do seu interese público, social, económico, humanitario ou que xustifiquen a dificultade da súa convocatoria pública.
Baixo o criterio da CIG, predetermínase a identidade dos beneficiarios, con claro prexuízo doutros posíbeis interesados que se terían presentado no caso de que a convocatoria fose pública, como é o caso da propia CIG.
Polo exposto, a CIG decide non facer ningún tipo de achega ou aportación a este proxecto normativo ao entender que o convenio subscrito entre as organizacións asinantes exclúe deliberadamente a CIG, o que supón un trato discriminatorio e unha represalia por unha decisión sindical lexítima e soberana.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POR UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E A CEG.
Consideración xeral
UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e a CEG trasladan a este ditame as consideracións contidas no ditame 6/2019 en todo o que lle sexa aplicable.
Consideracións específicas
Primeira.- Artigo 2. Programación e financiamento. Reservas de crédito.
Segundo este artigo, as accións que poden ser obxecto de financiamento son aquelas especialidades formativas que se determinen no Anexo I de cada convocatoria.
Estas tres organizacións consideran que as ditas especialidades deberían ter un carácter prioritario pero non excluínte, de xeito que se permita impartir outro tipo de especialidades formativas.
Segunda.- Artigo 8. Criterios de avaliación.
O apartado 2.7º deste precepto, establece que se puntuará negativamente a todas as accións formativas solicitadas por aquelas entidades que non cumpriran o seu compromiso de inserción nos termos da última convocatoria con ata -15 puntos ou con ata -10 puntos para o caso de incumprir o compromiso de colaboración na xestión de bolsas e axudas do alumnado.
UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e a CEG consideran que se debería especificar que esta previsión non resulta aplicable na primeira convocatoria das axudas.
ANEXO III
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POR UGT-Galicia E O SN DE CCOO DE GALICIA.
UGT-Galicia e o SN de CCOO de Galicia non atopan moito sentido nin xustificación á segregación desta Orde, cando podería quedar perfectamente regulada a través da Orde pola que se establecen as bases reguladoras con vixencia indefinida do procedemento polo que se subvencionan as accións formativas do plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia.