Ir o contido principal

Ditame 10/21

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR301K polo que se establecen as accións formativas do plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023, e se procede á súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022.

.I. ANTECEDENTES

O día 23 de febreiro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Formación para o Emprego da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR301K polo que se establecen as accións formativas do plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023, e se procede á súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022. Solicítase o ditame preceptivo sobre os citados proxectos normativos, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

A Lei 30/2015, do 9 de setembro, regula a planificación e o financiamento do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a xestión da calidade e gobernanza.

Entre as iniciativas de formación para o emprego que regula a antedita lei considérase a oferta formativa das administracións competentes para persoas traballadoras desempregadas, que inclúe os programas de formación dirixidos a cubrir as necesidades detectadas polos servizos públicos de emprego.

Coa aprobación do Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, establécese polo miúdo a planificación e avaliación deste sistema, as accións formativas e áreas prioritarias, as modalidades e límites de impartición, as diferentes persoas destinatarias da formación e outros aspectos de importancia. En concreto, no seu capítulo IV, regúlase a oferta formativa para persoas traballadoras desempregadas.

Segundo a exposición de motivos, “a Xunta de Galicia está a desenvolver iniciativas destinadas a impulsar o emprego estable e de calidade e acadar un novo modelo produtivo de Galicia baseado no crecemento e no coñecemento e que teñen como obxectivo reforzar a formación e especialización das persoas traballadoras ao longo da vida laboral, aumentando as súas competencias profesionais, e mellorar os servizos públicos na atención ás persoas demandantes e ás empresas.”

No ano 2019 foron obxecto de ditame, separadamente, as bases e a convocatoria. No novo proxecto regúlanse conxuntamente ambos aspectos.

Vistos o borrador agora remitido, os textos das ordes que regulaban as bases e a convocatoria para o exercicio anterior, publicados no DOG o día 7 de maio de 2019 e os ditames emitidos con data 20 de marzo de 2019 (Ditame 6/2019 e 7/2019), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do contido do novo proxecto poden destacarse as seguintes novidades:

En primeiro lugar, cómpre salientar que as entidades poderán impartir as accións formativas mediante aula virtual, que terá a consideración de formación de carácter presencial; ademais, incorpórase a teleformación e a formación mixta como modalidades de impartición da formación. O artigo 31 recolle e regula as modalidades de impartición.

En canto aos criterios de avaliación (artigo 10), minórase a puntuación outorgada polo compromiso de inserción laboral das persoas alumnas formadas, xa que pasa de 15 a 5 puntos. Tamén se minora a penalización prevista para aquelas entidades que non cumpran o seu compromiso de inserción (-5 puntos en vez dos 15 puntos previstos na orde anterior). Ademais, establécese que a dita penalización non será aplicable cando o incumprimento teña como causa a situación de emerxencia sanitaria ou o estado de alarma provocados polo COVID19, sempre que a familia profesional á que pertenza a especialidade impartida corresponda a un sector afectado negativamente pola COVID-19.

Introdúcese, como novidade, o artigo 19 que regula as especificacións do control de asistencia por razóns de saúde, de xeito que o control biométrico xa non é o único permitido.

Respecto do cálculo da subvención, o artigo 21 establece que se computará a aquelas persoas participantes que abandonen o curso por acceder a un emprego (como xa prevía a orde anterior sempre que tiveran realizado polo menos o 25% das horas lectivas) pero, ademais, inclúe ás persoas que causen baixa por accidente ou enfermidade acreditada. En ambos casos, esíxese agora ter realizado polo menos o 10% das horas lectivas da actividade formativa.

O artigo 32 introduce a posibilidade que participen nas accións formativas subvencionadas ao abeiro desta orde persoas traballadoras ocupadas ata un límite do 30% do número de persoas participantes programadas, sempre que as prazas non se cubran con persoas desempregadas.

Este mesmo artigo permite que participen nas accións formativas, non computando como ocupadas, as persoas afectadas por ERTE. Ademais, as persoas en situación de suspensión de contrato ou redución de xornada como consecuencia dun ERTE terán a consideración de colectivo prioritario para o acceso ás iniciativas de formación. Finalmente, incorpora tamén a posibilidade de que participen nas accións formativas as persoas demandantes de servizos previos ao emprego.

En canto ao financiamento das axudas reguladas nesta orde, obsérvase un incremento do crédito asignado en 8.290.269€ (artigo 40).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR301K polo que se establecen as accións formativas do plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023, e se procede á súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022” consta de: Exposición de motivos, corenta e cinco artigos, sete disposicións adicionais, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións finais.

O día 4 de marzo de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén oito consideracións xerais e cincuenta e dúas específicas sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a empresarial.

Contén así mesmo, como anexos, cinco consideracións non unánimes seguintes: 5 específicas manifestadas polas organizacións sindicais que integran o Consello (Anexo I), 2 específicas manifestadas polas organizacións sindicais SN de CCOO de Galicia e a CIG (Anexo II), 3 específicas manifestadas pola CIG (Anexo III) e 4 específicas manifestadas pola CEG (Anexo IV).

DITAME 10/2021

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR301K polo que se establecen as accións formativas do plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023, e se procede á súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022”, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de febreiro de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de marzo de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.

Este Comité considera que publicar cada ano unhas bases reguladoras destas axudas non é a mellor solución técnica, dado que non se observan variacións na normativa básica de referencia.

Segunda.

Para evitar os problemas de financiamento e atenuar o impacto dos retrasos nos pagamentos (dos anticipos, das liquidacións das subvencións, etc), este Comité propón que se estableza algún instrumento financeiro que posibilite a execución das accións formativas, como, por exemplo, un aval do IGAPE que implique que as entidades solicitantes poidan acceder a créditos con condicións financeiras especialmente favorables que cubran o 100% da cantidade subvencionada.

Terceira.

Este Comité manifesta a necesidade de que se acheguen os datos estatísticos de execución da orde do exercicio anterior, aínda que sexan datos provisionais, xa que a súa ausencia imposibilita valorar aspectos como a distribución de créditos entre os dous programas que conforman esta norma.

En consecuencia, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos dos exercicios 2019 e 2020 que deben acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:

– Número de solicitudes presentadas

– Número de persoas , desagregadas por sexos, afectadas por esas solicitudes.

– Número de solicitudes resoltas favorablemente

Número de persoas, desagregadas por sexos, afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

Ademais, dada a transcendencia outorgada ás renuncias nesta convocatoria, este Comité considera que se debería engadir o dato do número de renuncias á folla estatística xunto ao número de accións para coñecer a efectividade real da execución desta orde.

Cuarta.

Este Comité considera que é conveniente, con carácter xeral, unha revisión dos importes dos módulos establecidos no anexo correspondente segundo a tipoloxía da acción formativa.

Nalgúns casos, a dotación é escasa e, ademais, prodúcese unha minoración substancial na contía dalgunhas accións, o que pon en risco tanto a calidade como o alcance destas actuacións.

Quinta.

A execución deste proxecto de orde conleva un maior traballo administrativo e esixe que os centros deban destinar persoal específico a estas tarefas, mentres que a ferramenta de uso obrigatorio destinada a facilitar a xestión (SIFO III) segue a producir multitude de erros polo que, na práctica, paraliza a xestión da convocatoria.

Polo tanto, este Comité considera que os incumprimentos das obrigas que impliquen traballar con este aplicativo non deberían ser imputados aos centros, dado o amplo historial de incidencias que xera. Insístese, ademais, na necesidade de que as aplicacións SIFO sexan melloradas e axilizadas para poderen estar ao servizo dos centros e non ao revés.

Sexta.

O marco normativo actual da Formación Profesional para o emprego outorga un papel residual aos que, ata a data, foran os actores principais do sistema de formación, os axentes sociais, e limita a súa actuación a, entre outras cuestións,o deseño e planificación das accións formativas.

É por iso que este Comité quere poñer de manifesto que a intervención dos axentes sociais no deseño e elaboración das ordes non se debe limitar a unha mera consulta, senón que debe ser activa e aberta ao debate e intercambio de suxerencias nun diálogo aberto coa Administración.

Isto abarca a planificación e deseño das accións, os criterios de selección das accións e a priorización a aplicar, a distribución de porcentaxes de reservas recollidos nos distintos anexos e todo aquelo que, en definitiva, conforma a oferta de formación para persoas desempregadas, cuxo fin non é outro que formar para mellorar a súa empregabilidade.

Sétima.

A formación financiada a través da utilización dos fondos públicos esixe a máxima transparencia e rigor, ao que hai que engadir os principios de obxectividade e concorrencia que deben rexer a convocatoria de subvencións a través da cal se articula a formación de persoas desempregadas.

Dito isto, as entidades concorrentes e executoras das accións son un colaborador necesario para a boa fin da formación.

Por iso, este Comité considera que as condicións de execución deben ser as axeitadas para garantir a súa boa fin sen ir en detrimento da viabilidade dos centros.

En consecuencia, as continuas dificultades que se poñen de manifesto a través das alegacións que se fan a este borrador teñen dúas finalidades: por unha banda, proporcionar unha formación de calidade, inclusiva e que redunde na mellora da empregabilidade das persoas destinatarias e, por outra, non incorrer en déficit para logralo.

Oitava.

Este Comité observa que persisten algunhas incorreccións ortográficas puntuais en materia de xénero, principalmente as relativas ao uso das barras presente ao longo do texto do proxecto normativo (administrador/a ou titor/a no artigo 26), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero. Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.

Tamén se observa un erro no Anexo I, xa que fai referencia erroneamente ao artigo 8 da norma en vez de ao artigo 9.

O artigo 5 emprega na súa numeración a letra j, impropia do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Por outra banda, obsérvase que as sete disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

O esquema de xestión diseminado por provincias vén ocasionando erros e problemas nos trámites que teñen que facer tanto a Administración como as entidades de formación de ámbito supraprovincial.

Este Comité considera ademais que, para garantir adecuadamente a concorrencia competitiva, a xestión, execución e resolución de todas as solicitudes desta convocatoria deberían corresponder a un só órgano: a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

En calquera caso, solicítase que os criterios de aplicación de toda a norma sexan únicos para toda Galicia.

Segunda.- Artigo 2. Financiamento, orzamento, reservas de crédito e custos unitarios.

Respecto do apartado 5 deste artigo, este Comité considera que se deberían reconsiderar as porcentaxes de reservas de cada unha das contías de aplicación orzamentaria e facer unha redistribución que se adapte ás necesidades formativas e demandas das persoas traballadoras e das empresas.

Considera, así mesmo, que estas reservas deberían ser motivadas e xustificarse con antelación e que deberían ter acollida nas mesmas outros sectores e familias profesionais que tamén teñen necesidades urxentes respecto da cualificación das persoas traballadoras que prestarán os servizos nelas.

Terceira.- Artigo 2. Programación e financiamento. Reservas de crédito.

O parágrafo terceiro deste artigo establece que: “cada convocatoria (…) fixará, de entenderse necesario, o número límite de edicións de accións formativas que se financien por centro e/ou entidade de formación (…).

Este Comité considera que esa parte do parágrafo reproducida debería eliminarse.

Cuarta.- Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes e a documentación complementaria.

Este Comité considera que a limitación establecida para a solicitude relativa á entidade no parágrafo terceiro do apartado 3 e a relativa ao número de censo no parágrafo quinto deberían aclararse, xa que por un lado faise referencia á capacidade de execución do centro e, por outro, á da entidade en atención á especialidade.

Ambas merecen unha consideración diferente segundo o estipulado no artigo 3 do Decreto 106/2011, do 19 de maio, polo que se crea o Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o emprego e se regula o procedementos para a súa inscrición e, no seu caso, a acreditación dos centros e entidades que impartan formación para o emprego no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

En todo caso, este Comité non considera razoable que se fixe un límite na solicitude cando se lle esixe á entidade que a realice en atención á súa capacidade real de execución (parágrafo terceiro), tanto máis cando se solicita na consideración anterior que se elimine a exclusión do procedemento de valoración das accións que superen a capacidade da entidade.

Quinta.- Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes e a documentación complementaria.

Segundo o parágrafo cuarto do apartado 1 deste artigo: “para os posibles efectos de empate as accións formativas para as que se solicita subvención deberán ir ordenadas en función da prioridade de impartición que lles outorgue a entidade solicitante, de xeito que os centros que se consideren prioritarios figuren en primeiro lugar na solicitude e, dentro de cada centro, as accións formativas se ordenen tamén de maior a menor priorización”.

Este Comité considera que se debería eliminar o destacado en cursiva, xa que choca coa realidade das entidades que teñen varios centros na mesma provincia.

Sexta.- Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes e a documentación complementaria.

O parágrafo sexto do apartado 3 establece que “cando se solicite impartir máis dunha especialidade por aula deberá manifestarse expresamente na declaración responsable que as especialidades poden impartirse cos mesmos medios”.

Este Comité considera que o que debería manifestarse é que se dispón dos medios esixidos para impartir as especialidades.

Sétima.- Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes e a documentación complementaria.

O apartado 3 deste precepto establece que forma parte da solicitude a declaración responsable que fará constar, segundo a letra h), que a entidade conta con capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, para asumir na súa totalidade a execución completa dos cursos que solicita.

Este Comité considera que se trata dunha obriga ampla que podería ser discrecional, polo que

Número ditame
10