- ANTECEDENTES
O día 16 de xuño de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa Cheque Autónomo seguimos adiante cofinanciado parcialmente con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e se procede á súa convocatoria para o ano 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos: “A situación de crise sanitaria ocasionada polo virus COVID-19 terá un notable impacto no tecido empresarial galego e, en particular, no comercio ao retallo, formado na súa meirande parte por persoas autónomas e pequenas e medianas empresas, que se atoparán na fase de desescalada cunha contorna que requirirá a adopción de medidas visibles para crear espazos seguros e introducir certos cambios na práctica comercial.
A realidade socioeconómica pon de relevo que é importante deseñar os mecanismos necesarios para que as empresas creadas poidan sobrevivir, crecer e ampliar os seus mercados”.
Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame e do seu contido destácanse os seguintes aspectos:
Segundo o artigo 2, a finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica ás persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados na actual situación económica motivada pola pandemia do COVID-19.
As subvencións reguladas nesta orde fináncianse cun crédito de 16.000.000€ (artigo 6).
Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de mutualidade do colexio profesional e as sociedades de calquera clase e comunidades de bens sempre que, en ambos casos, teñan domicilio fiscal en Galicia, estean en activo e cumpran os requisitos esixidos no artigo 7. Ademais, como especifica o apartado 4 deste artigo, tanto as persoas traballadoras autónomas como as sociedades deben ter un período mínimo de actividade de 12 meses anteriores á declaración do Estado de alarma.
O artigo 8 relaciona o tipo de axudas as que se pode optar a través deste proxecto normativo e as contías máximas respectivas.
Fíxase o prazo dun mes, desde o día seguinte á publicación da orde, para presentar as solicitudes (artigo 10).
Prevense pagamentos anticipados con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo a actuación subvencionada nos casos nos que o gasto aínda non estea realizado (artigo 20).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa Cheque Autónomo seguimos adiante cofinanciado parcialmente con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e se procede á súa convocatoria para o ano 2020” consta de: Exposición de motivos, vinte e sete artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 22 de xuño de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e catro específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén, así mesmo, unha consideración xeral manifestada polas organizacións sindicais (Anexo I) e unha consideración xeral e dúas específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).
|
DITAME 9/2020
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa Cheque Autónomo seguimos adiante cofinanciado parcialmente con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, con data de rexistro de entrada neste Consello o 16 de xuño de 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de xuño de 2020, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
No texto emprégase o masculino xenérico ( por exemplo: “o autónomo individual” no artigo 8 ou “o solicitante” no artigo 16) que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva.
Obsérvase, tamén, que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic], respecto a que veñan encaixadas baixo un título común.
Finalmente, obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, polo que propón a súa corrección.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAI
Primeira. Artigo 16. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
O apartado 1.c) deste precepto esixe acompañar a solicitude dun orzamento feito pola persoa solicitante cos conceptos polos que solicita a axuda e a cantidade que solicita para cada un deles, tendo en conta que a axuda máxima ven definida se a persoa autónoma e individual ou ten persoas traballadoras.
Este Comité considera excesivo este requisito, polo que propón eliminalo.
Segunda. Artigo 21. Resolución e recursos.
Segundo o apartado 2 deste artigo, o prazo máximo para resolver e notificar é de 3 meses.
Tendo en conta a situación de especial urxencia e necesidade dos traballadores autónomos, e que se trata dun procedemento en concorrencia non competitiva, este Comité propón reducir o prazo de resolución, previsto en tres meses no borrador, a un mes como máximo.
Terceira. Artigo 22. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.
O apartado 1 relaciona entre as obrigas a de estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á persoa ou entidade beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.
Cuarta. Artigo 22. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.
No mesmo senso que o expresado na consideración precedente, tamén se considera excesiva a obriga recollida no apartado 2.a) deste artigo, segundo o cal debe manterse a alta no RETA ou mutualidade durante un tempo mínimo de 3 meses desde a concesión da subvención. Tratándose dunha axuda de 1.800 euros como máximo debería eliminarse ese requisito e considerarse suficiente que a dita axuda se destine a sufragar os gastos para os que foi comprometida pola administración.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA:
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que esta orde non é necesaria, operativa nin fácil de xestionar.
Outórgaselle un orzamento desmedido en relación a outras axudas para o emprego ou de economía social.
Ademais, non contén mención algunha relativa á formación profesional par o emprego nin contempla liñas de axuda dirixidas a outras entidades sociais diferentes das persoas autónomas.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS MANIFESTADA POLA CEG.
Consideración xeral:
Trátase dunha axuda reducida (como máximo 1800 €) para autónomos que viran reducida a súa facturación en alomenos un 50%.
A CEG propón apostar por axudas integradas e de maior impacto para autónomos, que limiten a carga administrativa:
- Integrando a maior parte de liñas de axuda que sexa posible;
- Flexibilizando os criterios para que cada profesional poda aplicar a axuda ás súas necesidades reais, pois aínda que a causa da redución da facturación sexa o COVID para todos eles, as necesidades a cubrir son diferentes en cada caso;
- Intensificando a axuda, pois neste momento son necesarios apoios de maior impacto.
Consideracións específicas:
Primeira. Artigo 7. Persoas beneficiarias.
Segundo o apartado 4 deste artigo, tanto as persoas traballadoras autónomas como as sociedades deben ter un período mínimo de actividade de 12 meses anteriores á declaración do Estado de alarma.
A CEG propón que se reduza a 6 meses, xa que as persoas autónomas que iniciaran a súa actividades uns meses antes da pandemia tamén deberían poder acollerse a esta axuda.
Segunda. Artigo 8. Axudas.
A CEG considera que a axuda de 3 € por envío que se prevé no apartado 1 pode ser insuficiente para os gastos de transporte.
Tendo en conta a limitación da axuda (1800€ por autónomo ou empresa), debería darse unha contía a tanto alzado, identificando simplemente o fin ou destino das axudas: Gasto de transporte, publicidade, ecomerce ou seguridade (entre outros) e eliminar a necesidade de presentar un proxecto, prevista no apartado 4.