Ir o contido principal

Ditame 48/21

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade e á súa convocatoria para o ano 2022.
I. ANTECEDENTES

O día  27  de outubro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e procédese á súa convocatoria para o ano 2022. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, mediante este proxecto búscase “fomentar a igualdade de xénero no ámbito laboral, a corresponsabilidade e a conciliación da vida persoal, laboral e familiar, das persoas traballadoras, en equilibrio coas necesidades organizativas da empresa, apoiando a elaboración e implantación de plans de igualdade, a adopción de medidas de flexibilización temporal ou espacial da xornada e do horario do traballo, dando cumprimento ao establecido pola Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e ao Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2021 (publicado no DOG o día  26 de abril de 2021) e o ditame emitido polo Consello con data 15 de marzo de 2021 (Ditame 11/2021), obsérvase que se tivo en conta catro consideracións sobre o fondo das manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

No artigo 4, o orzamento total da Orde diminúe de 2.613.000 euros a 1.400.000 euros, diminuíndo tamén a liña I, a liña II (subliñas I, II e III) e a liña III..

O artigo 5.1, onde se expresan os requisitos das liñas I, II e III, cambia e nalgúns dos seus parágrafos:

Do primeiro parágrafo da anterior orde elimínase  a frase final “...e deberán contar cun mínimo de 6 persoas traballadoras durante todo o período de execución das axudas”

 Cámbiase o parágrafo segundo. Onde poñía, “Tamén poderán presentar solicitude as empresas con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación en Galicia co mesmo número de persoas traballadoras que no punto anterior”, agora poñe “para as liñas II e III tamén poderán presentar solicitudes as empresas con centros de traballo en Galicia”.

Cambia o terceiro parágrafo do artigo 5 da Orde anterior. Pasa de exixir un mínimo de quince (15) persoas traballadoras cun máximo cen (100), a exixir un mínimo de dez (10) persoas traballadoras con un máximo de corenta e nove (49).

Engádense dous parágrafos no mesmo artigo:

-Para a liña II, se a solicitude é para as subliñas 1 e 3, as empresas deberán contar cun mínimo dunha (1) persoa traballadora e se a solicitude é para a subliña 2, as empresas deberán contar con un mínimo de cinco (5) persoas traballadoras.

-Para a liña III, as empresas deberán contar cun mínimo de cinco (5) persoas traballadoras.

No artigo 14 diminúen as contías dos incentivos de 10.000 euros a 8.000 euros.

O artigo 20 (documentación complementaria), no apartado c) pasa de solicitar a vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa referida aos 30 días inmediatamente anteriores a data da solicitude, a exixir os mesmos códigos pero dende o 1 de xaneiro de 2022 ate a data de presentación da solicitude.

O artigo 30.1, g, apartado 2º mantén os 3 puntos por ter implantado un plan de igualdade como criterio de avaliación, pero engadindo que o citado plan debe de estar elaborado segundo o Real decreto 901/2020, de 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro.

Engádese a letra h ao artigo 30.1 onde se establecen diversas puntuacións si a flexibilidade horaria implantada é superior á establecida na lexislación vixente ou no convenio sempre que este sexa superior a empresa.

 O artigo 41.2, na letra j, engade a súa redacción que a denegación da inscrición no Regcon dará  lugar ao reintegro total da subvención.

Cámbiase o contido da letra k do artigo 41.2, do seguinte xeito: “Na liña II-subliña 2, a denegación da inscrición do acordo de flexibilidade no Regcon dará lugar ao reintegro total da subvención nos termos establecidos no artigo 33 da lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia”.

 Engádese a letra l, ao artigo 41.2 co mesmo contido que tiña a letra k da orde anterior.

Ao apartado 3 do artigo 43, engádese na última frase a obriga da empresa de entregar o número de inscrición no Regcon durante o ano natural seguinte á concesión da axuda para a elaboración e implantación de plans de igualdade (liña 1, letra c).

Engádese o apartado 4 ao artigo 43, coa seguinte redacción: “ Durante o ano natural seguinte á concesión dos incentivos económicos para o fomento da flexibilidade horaria (Subliña 2 da Liña II), a empresa beneficiaria presentará ante o órgano xestor o nº de inscrición no Regcon”:

 

  1. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e procédese á súa convocatoria para o ano 2022” consta de: Exposición de motivos, corenta e catro artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.

O día 11 de novembro de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e dez consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO, UGT- Galicia e pola CEG.

Contén, así mesmo, como anexos as consideracións non unánimes seguintes: catro consideracións xerais e tres específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO e UGT- Galicia (Anexo I) e tres consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

 

 

DITAME 48/2021

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e procédese á súa convocatoria para o ano 2022, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de outubro de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de novembro de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira

As organizacións sindicais e empresarial consideran que a norma para impulsar a RSE nas empresas galegas se reduce a unha única liña de actuación para a obtención das certificacións de normas ou estándares en materia de RSE e esquece todo o relativo á implantación desta e á consecución da cultura da responsabilidade social.

Segunda

Obsérvanse  o emprego das letras j e k na clasificación do artigo 41, impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Pola súa banda, figura unha disposición adicional que debería denominarse “disposición adicional única” non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 7. Contía das axudas.

O apartado d) asigna a contía de 12.000€ pola contratación, como mínimo dun ano, dunha persoa experta en igualdade.

Para este Comité esta contía é claramente insuficiente para levar a cabo a contratación dunha persoa técnica por o período pretendido.

Polo tanto, considérase necesario incrementar a contía fixada, en coherencia co incremento global do orzamento solicitado na consideración anterior.

Segunda.- Artigo 8. Documentación complementaria.

Respecto do apartado c), este Comité considera que se debería clarificar o primeiro inciso de xeito que se vincule a entidade que emite o orzamento dos custos coa entidade que efectivamente realizará o plan de igualdade.

Terceira.- Artigo 9. Requisitos específicos das empresas beneficiarias.

Tendo en conta o novo marco regulador, este Comité non comparte o requisito de que o acordo de teletraballo deba formalizarse por un período mínimo de dous anos, por entender que se trata dun requisito excesivo e limitativo.

Proponse que se reduza esa esixencia para adaptarse ás necesidades das medidas de conciliación.

Cuarta.- Artigo 10. Requisitos do acordo de teletraballo.

Nos apartados 1 e 2 do artigo 10, faise referencia ao Real Decreto-lei 28/2020, de 22 de setembro de traballo a distancia, cando deberían facer referencia a Lei 10/2021 de 9 de xullo de traballo a distancia.

Quinta.- Artigo 10. Requisitos do acordo de teletraballo.

No apartado 2 do artigo 10, di que o número de horas de dedicación ó teletraballo non poderá ser inferior ao 50% da xornada semanal ordinaria.

Este Comité entende que o citado apartado 2 do artigo 10 debería estar en concordancia co artigo 1, parágrafo 2 da Lei 10/2021, de 9 de xullo, de traballo a distancia que, no seu segundo parágrafo di literalmente: “Se entenderá que es regular el trabajo a distancia que se preste, en un periodo de referencia de tres meses, un mínimo del treinta por ciento de la jornada, o el porcentaje proporcional equivalente en función de la duración del contrato de trabajo”.

 Sexta.- Artigo 13. Requisitos do acordo de flexibilidade horaria.

Segundo este artigo, o acordo adoptado deberá detallar as medidas que se van implantar de xeito que queden reflectidas as melloras propostas con respecto á situación anterior e o compromiso de que ditas medidas manteranse durante, cando menos, dous anos.

Este Comité propón que se prevea que a duración das ditas medidas será a da vixencia do acordo e non dous anos como sinala actualmente o precepto.

 Sétima.- Artigo 14. Contía dos incentivos.

O parágrafo segundo do artigo 14 permite incrementar a contía e 1.000 euros por empresa solicitante no caso de que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.

Este Comité pide aclaración sobre como vai medirse este indicador.

Oitava.-  Artigo 29. Avaliación das solicitudes.

No apartado 2 do artigo 29, na última frase se di que “No caso das axudas das liñas I e II, poderá solicitarse o asesoramento dunha persoa experta da Unidade Administrativa de Igualdade da Dirección xeral de Relacións Laborais...”

 Este Comité propón que se substitúan as palabras “poderá solicitarse o asesoramento dunha persoa...” por “deberá participar unha persoa...”.

Novena.- Artigo 36. Documentación acreditativa.

O apartado 4 deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles, o suposto en que a empresa beneficiaria non estea ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou ten calquera débeda pendente coa administración.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “calquera débeda pendente”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

Segundo o mesmo apartado, tampouco poderá realizarse o pagamento cando a empresa beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro.

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible.

Décima.- Artigo 44. Axudas baixo condicións de mínimis.

Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos tal como se fai no artigo 29, apartado 4, do proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras para o ano 2016, o cal fala de empresas en lugar de sectores.

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN. DE CC.OO. E UGT-GALICIA DE GALICIA:

 Consideracións xerais:

Primeira.

Dada a importancia da consecución da igualdade entre homes e mulleres no mercado laboral, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o feito de incluír as medidas orientadas á dita consecución

nunha orde de RSE, non as sitúa no lugar que lles corresponde e quedan diluídas nunha orde de RSE. Polo tanto, deberían ser obxecto dunha orde propia xa que todos os indicadores económicos e sociais reflicten a necesidade de redobrar os esforzos para superar as desigualdades.

Segunda.

As organizacións sindicais que integran este Comité queren resaltar o feito de que o teletraballo, en si mesmo, non constitúe unha medida de conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Dado que a finalidade deste proxecto normativo é subvencionar ese tipo de medidas, isto debe ser tido en conta tanto respecto das solicitudes de axudas como do procedemento, para asegurar que se empregue a técnica do teletraballo acorde ao espírito da norma.

Terceira.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que as empresas que voluntariamente adopten un Plan de Igualdade deberían negocialo coa representación legal das persoas traballadoras.

Ademais, consideran que soamente os plans de igualdade acordados coa representación das persoas traballadoras deben ser obxecto de subvención.

Finalmente, enténdese que o Servizo de Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade debería esixir, como contidos mínimos do informe de diagnose, os seguintes:

  • Características xerais da empresa e estrutura organizativa (organigrama, funcións, linguaxe empregada na documentación interna e externa, incluíndo as ofertas de emprego, a rotulación dos postos e dos cargos, linguaxe empregada nas campañas de publicidade, boletíns internos, páxina web, etc).
  • Características do cadro de persoal (sexo, idade, nivel de estudos, categorías profesionais, tipos de contrato, tipos de xornada, niveis xerárquicos, movementos de persoal, antigüidade, responsabilidades familiares, solicitudes de excedencias e permisos retribuídos, traslados, medidas tomadas para protexer a maternidade e a lactación, representación sindical desagregada por sexo, configuración do comité de empresa desagregado por sexos...)
  • Instalacións e condicións de traballo na empresa (baños de mulleres, baños de homes, vestiarios de mulleres, vestiarios de homes, EPIS adaptados para mulleres, EPIS adaptados para homes, vestiario adaptado a mulleres embarazadas, zonas destinadas á lactación, comedores, salas de descanso, garderías, servizo médico, adaptación da ergonomía do mobiliario, das máquinas e utensilios profesionais, aparcamentos adaptados a mulleres embarazadas, aparcamentos adaptados a persoas con mobilidade reducida, adaptacións específicas para a eliminación de barreiras arquitectónicas para persoas con discapacidade...)
  • Datos referentes á retribución (distribución do cadro de persoal por bandas salariais, clasificación profesional, antigüidade, salario bruto, complementos e pluses)
  • Datos referentes ás accións de formación continua levadas a cabo polas traballadoras e polos traballadores (especificando se foron levadas a cabo en horario de traballo, as categorías ou departamentos aos que se lles deu a formación...)
  • Datos relativos ás medidas de conciliación existentes na empresa e ao emprego desta (permisos concedidos e denegados, especificar o tipo de permisos, se son excedencias, reducións de xornada, lactación acumulada, coidado de familiares, acompañamento a familiares para asistir a consulta médica, flexibilización horaria, etc.)
  • Datos relativos á promoción do cadro de persoal (haberá que especificar os motivos polos cales promocionaron, de que departamento, sección ou posto, a antigüidade e formación da traballadora ou traballador promocionado, que tipo de promoción, etc.)
  • Política de recursos humanos (linguaxe e contido das ofertas de emprego, perfil profesional, criterios de selección, composición das equipas, obxectivos da formación, criterios da avaliación para valorar a promoción, avaliación das capacidades, criterios para decidir os aumentos salariais, salarios das ocupacións maioritariamente levadas a cabo por homes e mulleres, beneficios sociais, incentivos, etc.)
  • Opinións e suxestións do persoal (grao de aceptación e implicación do persoal no Plan, opinións sobre o rol da muller no traballo, necesidades expresadas polas propias mulleres, proposta do conxunto do cadro de persoal).

 Cuarta.

Neste proxecto de orde deberían recuperarse as axudas para eliminar a infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes.

 Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 3. Liñas das axudas.

Segundo o artigo 1, forma parte do obxecto desta orde adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran necesario distinguir entre os conceptos de corresponsabilidade e conciliación e, en consecuencia, establecer unha liña de axuda específica para incentivar a corresponsabilidade.

Segunda.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.

O parágrafo segundo do apartado 1 di que as empresas deberán contar como mínimo con dez persoas traballadoras e cun máximo de 49.

As organizacións sindicais do Comité consideran que non debería de haber un número mínimo de persoas traballadoras para poder facer a solicitude. No Real Decreto 901/2020 de 13 de outubro polo que se regulan os planes de igualdade e o seu rexistro, non se establece un mínimo de persoas traballadoras.

Terceira.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.

O parágrafo oitavo do apartado 1 esixe ás entidades solicitantes unha taxa de estabilidade de, polo menos, o 50%.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que a dita porcentaxe debería incrementarse ata o 70%,  en concordancia co solicitado en ditames relativos a outras liñas de axuda.

 

 

ANEXO II

  

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 Primeira.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.

A CEG considera que debería habilitarse a posibilidade de que poidan  ser beneficiarias das axudas correspondentes a estas liñas, as agrupacións de diferentes empresas que pertenzan a un mesmo sector ou sectores afíns e, igualmente, que estas agrupacións de empresas poidan estar representadas por asociacións empresariais galegas sectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, de 1 de abril, sobre a regulación do dereito de asociación sindical, con representatividade no ámbito da CCAA de Galicia así como polas fundacións sectoriais paritarias nacidas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia, tendo en conta o elemento pedagóxico que suporía o feito de que as organizacións puideran ser beneficiarias destas axudas.

Segunda.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.

O parágrafo segundo do apartado 1 di que as empresas deberán contar como mínimo con 10 persoas traballadoras e cun máximo de 49.

A CEG considera que que debería rebaixarse o mínimo de persoas traballadoras para poder facer a solicitude de 10 a 6.

 Terceira.- Artigo 34. Forma de pagamento e xustificación.

No apartado 2 deste artigo sinálase que o pagamento efectuarase con carácter único e pola súa totalidade.

A CEG propón que debería contemplarse a posibilidade de anticipos.

 

Número ditame
48