I. ANTECEDENTES
O día 24 de outubro de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e procédese á súa convocatoria para o ano 2024. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, mediante este proxecto búscase “fomentar a igualdade de xénero no ámbito laboral, a corresponsabilidade e a conciliación da vida persoal, laboral e familiar, das persoas traballadoras, en equilibrio coas necesidades organizativas da empresa, apoiando a elaboración e implantación de plans de igualdade, a adopción de medidas de flexibilización temporal ou espacial da xornada e do horario do traballo, dando cumprimento ao establecido pola Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e ao Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2023 (publicado no DOG o día 10 de febreiro de 2023) e o ditame emitido polo Consello con data 28 de novembro de 2022 (Ditame 29/2022), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
No artigo 19, sobre a contía da axuda, engádese expresamente que a porcentaxe subvencionable dos custos de consultoría non poderán exceder o 30% da subvención.
Entre as obrigas das entidades beneficiarias recollidas no artigo 38, está a de conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control engadindo, este proxecto, que a dita documentación debe conservarse por un período mínimo de 3 anos.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e procédese á súa convocatoria para o ano 2024” consta de: Exposición de motivos, corenta e catro artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.
O día 9 de novembro de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e seis consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO, UGT- Galicia e pola CEG.
Contén, así mesmo, como anexos as consideracións non unánimes seguintes: tres consideracións xerais e tres específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO e UGT- Galicia (Anexo I) e tres consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).
|
DITAME 37/2023
|
En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e procédese á súa convocatoria para o ano 2024, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de outubro de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de novembro de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira
As organizacións sindicais e empresarial consideran que a norma para impulsar a RSE nas empresas galegas se reduce a unha única liña de actuación para a obtención das certificacións de normas ou estándares en materia de RSE e esquece todo o relativo á implantación desta e á consecución da cultura da responsabilidade social.
Segunda
Obsérvanse o emprego das letras j e k na clasificación do artigo 41, impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Pola súa banda, figura unha disposición adicional que debería denominarse “disposición adicional única”. Ademais, chama a atención que as dúas disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Artigo 7. Contía das axudas.
O apartado d) asigna a contía de 12.000€ pola contratación, como mínimo dun ano, dunha persoa experta en igualdade.
Para este Comité esta contía é claramente insuficiente para levar a cabo a contratación dunha persoa técnica por o período pretendido, polo que se considera necesario incrementar a contía fixada.
Segunda.- Artigo 9. Requisitos específicos das empresas beneficiarias.
Tendo en conta o novo marco regulador, este Comité non comparte o requisito de que o acordo de teletraballo deba formalizarse por un período mínimo de dous anos, por entender que se trata dun requisito excesivo e limitativo.
Proponse que se reduza esa esixencia para adaptarse ás necesidades das medidas de conciliación.
Terceira.- Artigo 10. Requisitos do acordo de teletraballo.
No apartado 2 do artigo 10, di que o número de horas de dedicación ó teletraballo non poderá ser inferior ao 50% da xornada semanal ordinaria.
Este Comité entende que o citado apartado 2 do artigo 10 debería estar en concordancia co artigo 1, parágrafo 2 da Lei 10/2021, de 9 de xullo, de traballo a distancia que, no seu segundo parágrafo di literalmente: “Entenderase que é regular o traballo a distancia que se preste, nun periodo de referencia de tres meses, un mínimo do trinta por cento da xornada, ou a porcentaxe proporcional equivalente en función da duración do contrato de traballo”.
Cuarta.- Artigo 29. Avaliación das solicitudes.
No apartado 2 do artigo 29, na última frase se di que “No caso das axudas das liñas I e II, poderá solicitarse o asesoramento dunha persoa experta da Unidade Administrativa de Igualdade da Dirección xeral de Relacións Laborais...”
Este Comité propón que se substitúan as palabras “poderá solicitarse o asesoramento dunha persoa...” por “deberá participar unha persoa...”.
Quinta.- Artigo 36. Documentación acreditativa.
O apartado 4 deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles, o suposto en que a empresa beneficiaria non estea ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou ten calquera débeda pendente coa administración.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “calquera débeda pendente”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
Segundo o mesmo apartado, tampouco poderá realizarse o pagamento cando a empresa beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro.
Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible.
Sexta.- Artigo 44. Axudas baixo condicións de mínimis.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, como se ten recollido noutras ordes da Consellería.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN. DE CC.OO. E UGT-GALICIA DE GALICIA:
Consideracións xerais:
Primeira.
Dada a importancia da consecución da igualdade entre homes e mulleres no mercado laboral, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o feito de incluír as medidas orientadas á dita consecución nunha orde de RSE, non as sitúa no lugar que lles corresponde e quedan diluídas nunha orde de RSE. Polo tanto, deberían ser obxecto dunha orde propia xa que todos os indicadores económicos e sociais reflicten a necesidade de redobrar os esforzos para superar as desigualdades.
Segunda.
As organizacións sindicais que integran este Comité queren resaltar o feito de que o teletraballo, en si mesmo, non constitúe unha medida de conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Dado que a finalidade deste proxecto normativo é subvencionar ese tipo de medidas, isto debe ser tido en conta tanto respecto das solicitudes de axudas como do procedemento, para asegurar que se empregue a técnica do teletraballo acorde ao espírito da norma.
Terceira.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que debe constar expresamente na norma a obriga prevista no Real Decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro, conforme á cal as empresas que voluntariamente adopten un Plan de Igualdade deberían negocialo coa representación legal das persoas traballadoras.
Ademais, consideran que soamente os plans de igualdade acordados coa representación das persoas traballadoras deben ser obxecto de subvención.
Finalmente, enténdese que o Servizo de Igualdade da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade debería esixir, como contidos mínimos do informe de diagnose, os seguintes:
- Características xerais da empresa e estrutura organizativa (organigrama, funcións, linguaxe empregada na documentación interna e externa, incluíndo as ofertas de emprego, a rotulación dos postos e dos cargos, linguaxe empregada nas campañas de publicidade, boletíns internos, páxina web, etc).
- Características do cadro de persoal (sexo, idade, nivel de estudos, categorías profesionais, tipos de contrato, tipos de xornada, niveis xerárquicos, movementos de persoal, antigüidade, responsabilidades familiares, solicitudes de excedencias e permisos retribuídos, traslados, medidas tomadas para protexer a maternidade e a lactación, representación sindical desagregada por sexo, configuración do comité de empresa desagregado por sexos...)
- Instalacións e condicións de traballo na empresa (baños de mulleres, baños de homes, vestiarios de mulleres, vestiarios de homes, EPIS adaptados para mulleres, EPIS adaptados para homes, vestiario adaptado a mulleres embarazadas, zonas destinadas á lactación, comedores, salas de descanso, garderías, servizo médico, adaptación da ergonomía do mobiliario, das máquinas e utensilios profesionais, aparcamentos adaptados a mulleres embarazadas, aparcamentos adaptados a persoas con mobilidade reducida, adaptacións específicas para a eliminación de barreiras arquitectónicas para persoas con discapacidade...)
- Datos referentes á retribución (distribución do cadro de persoal por bandas salariais, clasificación profesional, antigüidade, salario bruto, complementos e pluses)
- Datos referentes ás accións de formación continua levadas a cabo polas traballadoras e polos traballadores (especificando se foron levadas a cabo en horario de traballo, as categorías ou departamentos aos que se lles deu a formación...)
- Datos relativos ás medidas de conciliación existentes na empresa e ao emprego desta (permisos concedidos e denegados, especificar o tipo de permisos, se son excedencias, reducións de xornada, lactación acumulada, coidado de familiares, acompañamento a familiares para asistir a consulta médica, flexibilización horaria, etc.)
- Datos relativos á promoción do cadro de persoal (haberá que especificar os motivos polos cales promocionaron, de que departamento, sección ou posto, a antigüidade e formación da traballadora ou traballador promocionado, que tipo de promoción, etc.)
- Política de recursos humanos (linguaxe e contido das ofertas de emprego, perfil profesional, criterios de selección, composición das equipas, obxectivos da formación, criterios da avaliación para valorar a promoción, avaliación das capacidades, criterios para decidir os aumentos salariais, salarios das ocupacións maioritariamente levadas a cabo por homes e mulleres, beneficios sociais, incentivos, etc.)
- Opinións e suxestións do persoal (grao de aceptación e implicación do persoal no Plan, opinións sobre o rol da muller no traballo, necesidades expresadas polas propias mulleres, proposta do conxunto do cadro de persoal).
Consideracións específicas:
Primeira.- Artigo 3. Liñas das axudas.
Segundo o artigo 1, forma parte do obxecto desta orde adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran necesario distinguir entre os conceptos de corresponsabilidade e conciliación e, en consecuencia, establecer unha liña de axuda específica para incentivar a corresponsabilidade.
Segunda.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.
O parágrafo terceiro do apartado 1 di que as empresas deberán contar como mínimo con dez persoas traballadoras e cun máximo de 49.
As organizacións sindicais do Comité consideran que non debería de haber un número mínimo de persoas traballadoras para poder facer a solicitude. No Real Decreto 901/2020 de 13 de outubro polo que se regulan os planes de igualdade e o seu rexistro, non se establece un mínimo de persoas traballadoras.
Terceira.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.
O parágrafo oitavo do apartado 1 esixe ás entidades solicitantes unha taxa de estabilidade de, polo menos, o 50%.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que a dita porcentaxe debería incrementarse ata o 70%, en concordancia co solicitado en ditames relativos a outras liñas de axuda.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.
A CEG considera que debería habilitarse a posibilidade de que poidan ser beneficiarias das axudas correspondentes a estas liñas, as agrupacións de diferentes empresas que pertenzan a un mesmo sector ou sectores afíns e, igualmente, que estas agrupacións de empresas poidan estar representadas por asociacións empresariais galegas sectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, de 1 de abril, sobre a regulación do dereito de asociación sindical, con representatividade no ámbito da CCAA de Galicia así como polas fundacións sectoriais paritarias nacidas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia, tendo en conta o elemento pedagóxico que suporía o feito de que as organizacións puideran ser beneficiarias destas axudas.
Segunda.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.
O parágrafo terceiro do apartado 1 di que as empresas deberán contar como mínimo con 10 persoas traballadoras e cun máximo de 49.
A CEG considera que debería rebaixarse o mínimo de persoas traballadoras para poder facer a solicitude de 10 a 6 tendo en conta, ademais, que está previsto que poidan acceder á Certificación Galega de Igualdade empresas con mínimo de 6 persoas traballadoras.
Terceira.- Artigo 30. Criterios de avaliación.
O apartado 1.c) deste precepto outorga dous puntos pola incidencia na contorna xeográfica en que se desenvolve a actuación formativa para o suposto de que a entidade solicitante teña o centro de traballo en que desenvolve a acción nun municipio rural.
CEG considera que debería proceder esta puntuación, así mesmo, tendo en conta a ubicación no rural de postos de traballo a distancia, independentemente de se o centro de traballo radica ou non en concellos rurais de xeito que se valore o feito de que unha entidade estea a fixar poboación no eido rural articulando a posibilidade do teletraballo.