I. ANTECEDENTES
O día 25 de febreiro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e procédese á súa convocatoria para o ano 2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, mediante este proxecto búscase “fomentar a igualdade de xénero no ámbito laboral, a corresponsabilidade e a conciliación da vida persoal, laboral e familiar, das persoas traballadoras, en equilibrio coas necesidades organizativas da empresa, apoiando a elaboración e implantación de plans de igualdade, a adopción de medidas de flexibilización temporal ou espacial da xornada e do horario do traballo, dando cumprimento ao establecido pola Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e ao Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2020 (publicado no DOG o día 24 de xaneiro de 2020) e o ditame emitido polo Consello con data 2 de decembro de 2019 (Ditame 52/2019), obsérvase que se tivo en conta unha consideración sobre o fondo das manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Na liña II (conciliación) obsérvase unha modificación na actividade obxecto de subvención que recolle a subliña 3. Na orde anterior, a dita subliña recollía as axudas para os investimentos tendentes a garantir e mellorar a conciliación da vida familiar e laboral, orientadas a empresas que habilitaran servizos de comedor, salas de lactación ou gardaría, entre outras medidas.
O actual artigo 16 establece que se subvencionará a adquisición de certos elementos tecnolóxicos coa finalidade de fomentar o uso das TIC como unha medida de conciliación laboral, persoal e familiar.
No artigo 4 obsérvase unha mingua no orzamento asignado a estas axudas, que pasa de 2.000.000€ a 1.600.000€.
En canto aos requisitos que esixe o artigo 5 ás empresas solicitantes das axudas, este novo proxecto fixa o mínimo de persoas traballadoras coas que debe contar a empresa, no caso da Liña I, en 15 persoas (5 persoas máis das que requiría a orde anterior).
Suprímese a previsión de que, respecto da Liña I, a solicitude se faga para as tres fases previstas no artigo 6 (elaboración da diagnose, elaboración do plan e implantación do plan), suposto no que a orde anterior prevía unha axuda de 5.000 ou 10.000€, segundo o caso (artigo 7).
Ao longo dos seguintes artigos obsérvanse minoracións na contía de varios incentivos (subliña II.1, subliña II.2 e na Liña III)
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e procédese á súa convocatoria para o ano 2021” consta de: Exposición de motivos, corenta e catro artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.
O día 15 de marzo de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e dez consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.
Contén, así mesmo, como anexos as consideracións non unánimes seguintes: catro consideracións xerais e tres específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e dúas consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).
|
DITAME 11/2021
|
En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e procédese á súa convocatoria para o ano 2021, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 25 de febreiro de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de marzo de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira
As organizacións sindicais e empresarial consideran que a norma para impulsar a RSE nas empresas galegas se reduce a unha única liña de actuación para a obtención das certificacións de normas ou estándares en materia de RSE e esquece todo o relativo á implantación desta e á consecución da cultura da responsabilidade social.
Segunda
Obsérvanse o emprego das letras j e k na clasificación do artigo 41, impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Pola súa banda, figura unha disposición adicional que debería denominarse “disposición adicional única” non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Artigo 4. Financiamento e normativa reguladora.
Obsérvase unha mingua de 400.000€ no orzamento total asignado a estas axudas.
Este Comité considera que debería recuperarse a contía asignada en exercicios anteriores de xeito que os recursos sexan suficientes para garantir a eficacia desta orde.
Segunda.- Artigo 7. Contía das axudas.
O apartado d) asigna a contía de 12.000€ pola contratación, como mínimo dun ano, dunha persoa experta en igualdade.
Para este Comité esta contía é claramente insuficiente para levar a cabo a contratación dunha persoa técnica por o período pretendido.
Polo tanto, considérase necesario incrementar a contía fixada, en coherencia co incremento global do orzamento solicitado na consideración anterior.
Terceira.- Artigo 8. Documentación complementaria.
Respecto do apartado c), este Comité considera que se debería clarificar o primeiro inciso de xeito que se vincule a entidade que emite o orzamento dos custos coa entidade que efectivamente realizará o plan de igualdade.
O dito apartado establece, a continuación, que a entidade experta deberá acreditar unha formación mínima de 150 horas en coñecementos específicos en xénero, igualdade entre mulleres e homes, integración da perspectiva de xénero ou outros estudos de xénero ou unha experiencia mínima de dous anos no ámbito da igualdade entre mulleres e homes e/ou a prevención e loita contra a violencia de xénero. Proponse eliminar o último inciso, resaltado en cursiva, xa que non concorda co resto do parágrafo.
Cuarta.- Artigo 9. Requisitos específicos das empresas beneficiarias.
Tendo en conta o novo marco regulador, este Comité non comparte o requisito de que o acordo de teletraballo deba formalizarse por un período mínimo de dous anos, por entender que se trata dun requisito excesivo e limitativo.
Proponse que se reduza esa esixencia para adaptarse ás necesidades das medidas de conciliación.
Quinta.- Artigo 10. Requisitos do acordo de teletraballo.
Este artigo alude ao Real Decreto 28/2020 cando a referencia correcta debería ser ao Real Decreto-lei 28/2020, polo que se propón a corrección correspondente.
Sexta.- Artigo 13. Requisitos do acordo de flexibilidade horaria.
Segundo este artigo, o acordo adoptado deberá detallar as medidas que se van implantar, tales como días, horas e supostos nos que se aplicará, segundo o número de persoas asinantes, de xeito que queden reflectidas as melloras propostas con respecto á situación anterior e o compromiso de que ditas medidas manteranse durante, cando menos, dous anos.
Tendo en conta que o contido do acordo vén marcado pola nova normativa nesta materia, este Comité propón que se elimine a parte resaltada en cursiva e que se prevexa que a duración das ditas medidas será a da vixencia do acordo e non dous anos como sinala actualmente o precepto.
Sétima.- Artigo 29. Avaliación das solicitudes.
O apartado 2 deste artigo establece a composición da Comisión de Avaliación e engade que, no caso das axudas da liña I, poderá solicitarse o asesoramento dunha persoa experta da Unidade Administrativa de Igualdade da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade.
Para este Comité, parece oportuna a participación dunha persoa experta da Unidade Administrativa de Igualdade no seo desa Comisión e, en todo caso, respecto das Liñas I e II.
Oitava.- Artigo 30. Criterios de avaliación.
O apartado 1.c) valora a incidencia no contorno xeográfico no que se desenvolve a actuación, outorgando 2 puntos no caso de que a acción se desenvolva nun municipio rural e relacionando, a continuación, que concellos non teñen esa consideración.
Este Comité considera que se debería recoller expresamente os criterios que reúnen os municipios rurais, tal e como se fai en outras ordes nas que se especifica que son “aqueles que non contan con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP), segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl)”.
Novena.- Artigo 36. Documentación acreditativa.
O apartado 4 deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles, o suposto en que a empresa beneficiaria non estea ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou ten calquera débeda pendente coa administración.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “calquera débeda pendente”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
Segundo o mesmo apartado, tampouco poderá realizarse o pagamento cando a empresa beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro.
Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible.
Décima.- Artigo 44. Axudas baixo condicións de mínimos.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun apartado propio diferenciado.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:
Consideracións xerais:
Primeira.
Dada a importancia da consecución da igualdade entre homes e mulleres no mercado laboral, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o feito de incluír as medidas orientadas á dita consecución nunha orde de RSE, non as sitúa no lugar que lles corresponde e quedan diluídas nunha orde de RSE. Polo tanto, deberían ser obxecto dunha orde propia xa que todos os indicadores económicos e sociais reflicten a necesidade de redobrar os esforzos para superar as desigualdades.
Segunda.
As organizacións sindicais que integran este Comité queren resaltar o feito de que o teletraballo, en si mesmo, non constitúe unha medida de conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Dado que a finalidade deste proxecto normativo é subvencionar ese tipo de medidas, isto debe ser tido en conta tanto respecto das solicitudes de axudas como do procedemento, para asegurar que se empregue a técnica do teletraballo acorde ao espírito da norma.
Terceira.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que as empresas que voluntariamente adopten un Plan de Igualdade deberían negocialo coa representación legal das persoas traballadoras.
Ademais, consideran que soamente os plans de igualdade acordados coa representación das persoas traballadoras deben ser obxecto de subvención.
Finalmente, enténdese que o Servizo de Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade debería esixir, como contidos mínimos do informe de diagnose, os seguintes:
- Características xerais da empresa e estrutura organizativa (organigrama, funcións, linguaxe empregada na documentación interna e externa, incluíndo as ofertas de emprego, a rotulación dos postos e dos cargos, linguaxe empregada nas campañas de publicdidade, boletíns internsos, páxina web, etc).
- Características do cadro de persoal (sexo, idade, nível de estudos, categorías profesionais, tipos de contrato, tipos de xornada, niveis xerárquicos, movementos de persoal, antigüidade, responsabilidades familiares, solicitudes de excedencias e permisos retribuídos, traslados, medidas tomadas para protexer a maternidade e a lactación, representación sindical desagregada por sexo, configuración do comité de empresa desagregado por sexos...)
- Instalacións e condicións de traballo na empresa (baños de mulleres, baños de homes, vestiarios de mulleres, vestiarios de homes, EPIS adaptados para mulleres, EPIS adaptados para homes, vestiario adaptado a mulleres embarazadas, zonas destinadas á lactación, comedores, salas de descanso, garderías, servizo médico, adaptación da ergonomía do mobiliario, das máquinas e utensilios profesionais, aparcamentos adaptados a mulleres embarazadas, aparcamentos adaptados a persoas con mobilidade reducida, adaptacións específicas para a eliminación de barreiras arquitectónicas para persoas con discapacidade...)
- Datos referentes á retribución (distribución do cadro de persoal por bandas salariais, clasificación profesional, antigüidade, salario bruto, complementos e pluses)
- Datos referentes ás accións de formación continua levadas a cabo polas traballadoras e polos traballadores (especificando se foron levadas a cabo en horario de traballo, as categorías ou departamentos aos que se lles deu a formación...)
- Datos relativos ás medidas de conciliación existentes na empresa e ao emprego desta (permisos concedidos e denegados, especificar o tipo de permisos, se son excedencias, reducións de xornada, lactación acumulada, coidado de familiares, acompañamento a familiares para asistir a consulta médica, flexibilización horaria, etc.)
- Datos relativos á promoción do cadro de persoal (haberá que especificar os motivos polos cales promocionaron, de que departamento, sección ou posto, a antigüidade e formación da traballadora ou traballador promocionado, que tipo de promoción, etc.)
- Política de recursos humanos (linguaxe e contido das ofertas de emprego, perfil profesional, criterios de selección, composición das equipas, obxectivos da formación, criterios da avaliación para valorar a promoción, avaliación das capacidades, criterios para decidir os aumentos salariais, salarios das ocupacións maioritariamente levadas a cabo por homes e mulleres, beneficios sociais, incentivos, etc.)
- Opinións e suxestións do persoal (grao de aceptación e implicación do persoal no Plan, opinións sobre o rol da muller no traballo, necesidades expresadas polas propias mulleres, proposta do conxunto do cadro de persoal).
Cuarta.
Neste proxecto de orde deberían recuperarse as axudas para eliminar a infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes.
Consideracións específicas:
Primeira.- Artigo 3. Liñas das axudas.
Segundo o artigo 1, forma parte do obxecto desta orde adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran necesario distinguir entre os conceptos de corresponsabilidade e conciliación e, en consecuencia, establecer unha liña de axuda específica para incentivar a corresponsabilidade.
Segunda.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liña I, II e III.
O parágrafo sexto do apartado 1 esixe ás entidades solicitantes unha taxa de estabilidade de, polo menos, o 50%.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que a dita porcentaxe debería incrementarse ata o 70%, en concordancia co solicitado en ditames relativos a outras liñas de axuda.
Terceira.- Artigo 8. Documentación complementaria.
Segundo o apartado g): “no caso de contratación dunha persoa experta en igualdade, copia do contrato xunto coa documentación xustificativa da súa formación ou experiencia nesta materia ou compromiso por parte da empresa de que se vai contratar unha persoa experta en igualdade”.
As organizacións sindicais que integran este Comité propoñen eliminar a parte en cursiva de ese parágrafo.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.
A CEG considera que debería habilitarse a posibilidade de que poidan ser beneficiarias das axudas correspondentes a estas liñas, as agrupacións de diferentes empresas que pertenzan a un mesmo sector ou sectores afíns e, igualmente, que estas agrupacións de empresas poidan estar representadas por asociacións empresariais galegas sectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, de 1 de abril, sobre a regulación do dereito de asociación sindical, con representatividade no ámbito da CCAA de Galicia así como polas fundacións sectoriais paritarias nacidas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia, tendo en conta o elemento pedagóxico que suporía o feito de que as organizacións puideran ser beneficiarias destas axudas.
Segunda.- Artigo 34. Forma de pagamento e xustificación.
No apartado 2 deste artigo sinálase que o pagamento efectuarase con carácter único e pola súa totalidade.
A CEG propón que debería contemplarse a posibilidade de anticipos.