I. ANTECEDENTES
O día 8 de marzo de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de emprego con apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a Exposición de Motivos “as circunstancias excepcionais de crise económica, que está ocasionado graves consecuencias a nivel europeo polo incremento dos custos enerxético e encarecemento das materias primas agrícolas e minerais, leva á necesidade de adoptar medidas que contribuían a paliar os efectos desta crise tamén sobre o mercado do traballo na nosa Comunidade Autónoma. Neste senso, a Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade segue apostando polo mantemento do emprego e da actividade económica das empresas, impulsando á contratación indefinida dos colectivos máis vulnerables”.
No exercicio de 2022, o programa regulado neste proxecto normativo estaba incluído na Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia Emprega de incentivos á contratación e á formación na empresa ordinaria e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (publicada no DOG do 28 de xaneiro de 2022).
Vistos o borrador agora remitido, o texto da antedita Orde para o exercicio 202 e, no que procede, o ditame emitido polo Consello con data 29 de novembro de 2021 (ditame 58/2021), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
O artigo 6 engade a obriga por parte da persoa ou entidade solicitante de cubrir unha declaración responsable sobre determinados aspectos relacionados neste artigo.
O artigo 8 establece dous novos supostos dentro das persoas que poden ser destinatarias finais das axudas:
1. Aquelas persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social traballadoras nas empresas cuxas accións de apoio non estean finalizadas, aínda que comezasen en convocatorias anteriores.
4. As persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social sinaladas nas letras a), b), c), d) ou e) do punto 1 deste artigo, que xa estiveran integradas no cadro de persoal da empresa e requiran o desenvolvemento das ditas accións como consecuencia dunha alteración das condicións da prestación do seu traballo ou da súa contorna social ou laboral que lles produzan agudos problemas de adaptación, que ameacen a continuidade da súa actividade produtiva e sempre que isto quede suficientemente acreditado.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de emprego con apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023” consta de: Exposición de motivos, vinte e sete artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.
O día 20 de marzo de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e cinco específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
DITAME 7/2023
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de emprego con apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de marzo de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de marzo de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.
Este Comité propón engadir, no texto deste proxecto, un novo artigo que incorpore o contido no artigo 5 do Real Decreto 870/2007, do 2 de xullo, polo que se regula o programa de emprego con apoio como medida de fomento de emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo.
O dito artigo recolle os requisitos e duración dos proxectos de emprego con apoio, contido que se bota en falta nesta orde.
Segunda.
Obsérvanse o emprego do masculino xenérico (“emigrante retornado no artigo 14) polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva.
Así mesmo, obsérvase o emprego das letras j e k na clasificación dos artigos 15 e 24.
Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que non teñen porque ser coincidentes en galego e castelán.
Pola súa banda, as dúas disposicións adicionais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Obsérvase o mesmo respecto das disposicións finais.
Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
Terceira.
Este Comité propón que se recollan de xeito explícito axudas específicas para subvencionar os custos totais das persoas intérpretes da linguaxe de signos.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 5. Persoas e entidades beneficiarias.
Ao longo do texto fálase indistintamente de “persoas interesadas”, “persoas beneficiarias”, “persoas ou entidades interesadas” ou “entidades beneficiarias”.
Este Comité propón que se homoxeneice a redacción e se empregue “persoas e entidades beneficiarias” como se fai no título deste artigo.
Segunda.- Artigo 6. Requisitos específicos das persoas e entidades beneficiarias.
Este artigo establece que non poderán obter a condición de beneficiaria as persoas ou entidades que teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “outra débeda”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
O mesmo se observa respecto do previsto no artigo 24.
Terceira.- Artigo 8. Persoas destinatarias finais.
Segundo o apartado 2 deste artigo, as persoas traballadoras deberán ser contratadas por unha empresa ou persoa empregadora do mercado ordinario de traballo para ser empregadas efectivamente na organización produtiva da empresa.
Este Comité considera que se debería ter en consideración a previsión de que a dita contratación debe facerse mediante contrato indefinido ou, subsidiariamente, cunha duración determinada mínima de 6 meses, de acordo co establecido no art. 5.2 do RD 872/2007, redactado polo apartado catro da disposición final cuarta do R.D. 818/2021, de 28 de setembro, polo que se regulan os programas comunes de activación para o emprego do Sistema Nacional de Emprego.
Ademais, debería incorporarse a previsión que recolle o artigo 3 do Real Decreto 870/2007, do 2 de xullo, polo que se regula o programa de emprego con apoio como medida de fomento de emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, segundo o cal no caso de que o traballador con discapacidade contratado procedera dun centro especial de emprego, pasará á situación de excedencia voluntaria no dito centro.
Cuarta.- Artigo 8. Persoas destinatarias finais.
O apartado 1 deste artigo recolle os supostos nos que pode atoparse a persoa destinataria das axudas e inclúe, na letra b), ás persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65%.
Este Comité propón que se redefinan os supostos relacionados neste apartado para adecualos á normativa vixente. Así, por exemplo, a discapacidade auditiva é unha discapacidade sensorial que aparece noutra letra do artigo, separadamente.
Por outra banda, este Comité considera que o grao de discapacidade esixido neste artigo debería ser o mesmo en todos os supostos, o 33%, independentemente do tipo de discapacidade xa que estamos ante persoas que presentan especiais dificultades de inserción laboral.
Quinta.- Artigo 20. Resolución e recursos
Este artigo fixa o prazo para resolver e notificar en 3 meses.
Este Comité considera excesivo ese prazo e propón que se reduza e, en todo caso, que se especifique que se trata dun prazo máximo.