Ir o contido principal

Ditame 13/23

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre o Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebt), e se procede á súa convocatoria para o ano 2023

I. ANTECEDENTES
O día 14 de marzo de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebt), e se procede á súa convocatoria para o ano 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, “O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) pretende dinamizar a vocación emprendedora da comunidade universitaria e aproveitar o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación e das persoas con amplos coñecementos das novas tecnoloxías, así como impulsar a transformación do coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e de emprego”.

No exercicio de 2022, este programa regulábase xunto co programa para o fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación. Para este novo exercicio, recóllese individualmente.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da orde referenciada no parágrafo anterior (publicado no DOG o día 21 de febreiro de 2022) e o ditame emitido polo Consello con data 1 de decembro de 2021 (Ditame 59/2021), obsérvase que só se tivo en conta parcialmente unha consideración xeral de carácter formal.
A principal modificación observada no programa recollido nesta orde vén é a relativa ás accións que o artigo 7 relaciona como subvencionables.
No novo proxecto xa non se prevé a subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
Por outra banda, a orde anterior prevía, dentro da axuda para o inicio e posta en marcha da actividade, que serían subvencionables os cursos que a persoa promotora ou empresaria poida recibir para obter ou mellorar os seus coñecementos sobre a función xerencial. No novo proxecto, recóllese como axuda propia o apoio á función xerencial (artigo 11), prevendo unha contía do 75% do custo dos servizos recibidos, cun límite máximo de 10.000 euros.
O artigo 8 regula a subvención á creación directa de emprego estable, aumentando os colectivos que dan lugar á recepción dunha contía superior de axuda; en concreto, engade os seguintes colectivos: mulleres, persoas mozas, persoas maiores de 55 anos e persoas emigrantes retornadas ou estranxeiras.
Tamén se observa, neste artigo, un incremento na contía prevista para subvencionar o posto de traballo cando se trate de persoas tituladas universitarias (increméntase de 9.000 a 10.000€) ou cando posúan título de doutoramento (increméntase de 10.000 a 12.000€).
Outra novidade é a previsión de que a Iebt estea constituída baixo a forma xurídica de cooperativa ou sociedade laboral, caso no cal a axuda resultante nesta modalidade incrementarase nun 25%. Isto tamén se engade respecto da axuda para o inicio e posta e marcha da actividade (artigo 9).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebt), e se procede á súa convocatoria para o ano 2023” consta de: Exposición de motivos, trinta artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 3 de abril de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e sete específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Así mesmo, contén como anexos, dúas consideracións xerais e dúas específicas de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT-Galicia (Anexo I), e tres específicas de carácter non unánime manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 13/2023

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebt), e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de marzo de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de abril de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.
Este Comité considera que esta orde debería prever a posibilidade de que os postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade poidan requirir medidas de adaptación, polo que podería establecerse algún tipo de axuda para estes casos.

Segunda.
Obsérvase que no texto do proxecto normativo aínda persisten algunhas incorreccións en materia de xénero, como o uso ocasional das barras (vinculado/a ou empadroado/a no artigo 5) polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva. Hai que ter en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Obsérvase que nos artigos 5 e 16 empréganse as letras j e k na clasificación.
Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. A Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto, vén facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que non teñen porque ser coincidentes en galego e castelán.

Pola súa banda, as disposicións adicionais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Artigo 2. Marco normativo.
Este Comité considera que se debería facer referencia expresa, neste artigo, ao Decreto 56/2007, do 15 de marzo, polo que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT).

Segunda.- Artigo 5. Definicións.
O apartado 5.l) recolle a definición de persoa trans. Este Comité considera que se debería adaptar á definición contida na Lei 4/2023, do 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI.

Terceira.- Artigo 6. Persoas e entidades beneficiarias.
Obsérvase que, no desenvolvemento deste artigo, faise referencia unicamente a entidades beneficiarias polo que, en coherencia, deberían referirse a "persoas e entidades beneficiarias".

Cuarta.- Artigo 8. Subvención á creación directa de emprego estable.
Chama a atención que as persoas trans non figuren entre os colectivos que relaciona o apartado 2 deste artigo e unicamente se prevexa, no apartado 4, un incremento do 25% da contía para o suposto de que a persoa incorporada pertenza ao dito colectivo.

Este Comité propón que se engada na relación de colectivos do apartado 2.

Quinta.- Artigo 9. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
Este Comité propón que se habilite a posibilidade de incluír os gastos de investimento en activo fixo entre os gastos subvencionables, en función do capítulo orzamentario que financie os gastos de investimento.

Sexta.- Artigo 24. Xustificación e pago.
Segundo o apartado 4 deste precepto, as persoas beneficiarias deben presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo sinalado na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 30 de novembro de 2023.

Este Comité propón que o período de execución desta orde permaneza aberto todo o ano para evitar períodos de lagoa.

Subsidiariamente, proponse que se permita solicitar, xustificadamente, unha prórroga de carácter extraordinario, para o caso en que non sexa posible para a persoa beneficiaria a presentación da documentación no prazo anteriormente establecido.

Sétima.- Artigo 25. Obrigas da persoas ou entidades beneficiarias.
Segundo o apartado 2, parágrafo segundo, deste artigo: “o órgano concedente resolverá e notificará ao interesado sobre a validez desta substitución nun prazo non superior a 3 meses dende a recepción da comunicación”.

Este Comité propón que se reduza o dito prazo, para dar unha maior axilidade á contratación.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG E SN DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA.
Consideracións Xerais:
Primeira.
As organizacións sindicais que integramos o Consello Galego de Relacións Laborais, na medida en que as axudas previstas no artigo 7.a) deste proxecto normativo poden ser utilizadas para a contratación estable de terceiras persoas, reiteramos a necesidade de redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas, mediante subvencións directas e bonificacións das cotas da Seguridade Social, ten producido escasos resultados en cantidade e, sobre todo, en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais, ademais de mermar os recursos orzamentarios e os ingresos do sistema público da Seguridade Social.
Xa que logo, esas políticas deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:

1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

Segunda.
O proxecto normativo establece, nos seus artigos 7.a) e 8, unha subvención á creación directa de emprego estable en IEBT.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, UGT- CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia e UGT-Galicia, manifestan que hai que ter en conta o obxectivo do programa de apoio ás iniciativas de base tecnolóxica, que non é outro que promover a cultura emprendedora relacionando a investigación e a tecnoloxía coa creación de emprego, favorecendo e impulsando a creación de empresas de carácter innovador na Comunidade Autónoma de Galicia xeradoras de empregos cualificados.

Dito isto, consideran que non se debería subvencionar a creación de postos de traballo estables ao abeiro deste programa, ao que si poden vincularse o resto das axudas establecidas no artigo 7 do proxecto normativo (subvención para a conciliación das persoas promotoras, axuda para o inicio e posta en marcha da actividade e apoio á función xerencial).

Consideracións específicas:
Primeira.- Artigo 37. Subvención á creación directa de emprego estable.
A organizacións que integran este Comité consideran que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que o conxunto dos incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Segunda.- Artigo 25. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Este artigo establece no seu apartado 1.a) a obriga de realizar a actividade que fundamente a concesión de axuda ou subvención durante un tempo mínimo de dous anos.

Igualmente, no seu apartado 2 obrígase ás empresas a manter os postos de traballo creados e que serviron de cálculo para as distintas modalidades de axuda pola creación de empregos estables durante un período mínimo de dous anos.

As organizacións sindicais, sen prexuízo do manifestado na consideración xeral primeira, consideran que o tempo mínimo debe ser de cinco anos.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira. -Artigo 8. Subvención á creación directa de emprego estable.
O apartado 5 prevé un incremento da contía do 25% cando a IEBT estea constituída baixo a forma xurídica de cooperativa ou sociedade laboral.

A CEG considera que se debería engadir a mesma previsión para o suposto das sociedades agrarias de transformación.

Segunda. - Artigo 11. Apoio á función xerencial.
O apartado 3 deste artigo establece que non serán subvencionables, en ningunha das modalidades sinaladas no punto 1 deste artigo, as medidas de apoio prestadas polos socios ou empresas dos socios da entidade solicitante da subvención.

A CEG considera que, para maior seguridade xurídica, debería concretarse en que supostos se interpreta que se dá esa circunstancia.

Terceira. - Artigo 39. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
A CEG considera que entre os gastos subvencionables deberían incluírse os gastos financeiros, xa que a financiación externa é un mecanismo de apoio básico para os proxectos desta natureza.

Número ditame
13