I. ANTECEDENTES
O día 24 de febreiro de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2023.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos “estas axudas están destinadas a reforzar a economía galega en termos de emprego e de actividade económica co obxecto de fomentar a economía social mediante fórmulas empresariais máis sustentables no tempo”.
Engade que “cómpre salientar que as empresas de economía social, polos principios e valores que as sustentan, poden constituír unha alternativa viable para aquelas empresas mercantís que non teñen remuda xeracional; para a unión de persoas autónomas que precisen dunha maior seguridade, fortaleza e solvencia que acadarán cunha destas fórmulas de economía social; así como para as persoas traballadoras que decidan asumir a titularidade da empresa para a que traballan a través dunha cooperativa ou sociedade laboral”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2022 (publicado no DOG o día 29 de xuño de 2022) e o ditame emitido polo Consello con data 6 de abril de 2022 (Ditame 8/2022), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións de carácter xeral manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Respecto da orde para o exercicio anterior, cómpre destacar os seguintes aspectos:
O artigo 6 engade, como concepto subvencionable, os elementos de transporte. En consecuencia, o artigo 8 engade un novo apartado que define este concepto.
Obsérvase unha modificación nos límites as contías das axudas do artigo 7; na orde anterior eses límites eran de 6.000€ para os gastos incluídos no concepto 1 do artigo 6 (este novo proxecto fixa o límite en 4.000€) e de 3.000€ para os gastos incluídos nos conceptos 2, 3, 4 e 5 do artigo 6 (o novo proxecto fixa o límite en 5.000€).
Finalmente, o orzamento total das subvencións previstas nesta orde increméntase en 800.000€, fixándose nun total de 2.370.000€ (artigo 31).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2023” consta de: Exposición de motivos, trinta e un artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.
O día 16 de marzo de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e once consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Así mesmo contén, como anexo, unha consideración específica non unánime manifestada pola CEG.
DITAME 4/2023
En relación coa solicitude de ditame sobre o orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2023, da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de febreiro de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de marzo de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAISQUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira
Ao longo do texto deste proxecto de orde faise referencia, indistintamente, a persoas e entidades interesadas, cando as referencias deberían facerse, en todo caso, ás entidades.
Segunda
Proponse unha corrección do texto ao terse detectado varios erros.
Así, na numeración contida nos artigos 7 e 8.1 falta a letra h).
Tamén se emprega o termo “barners” no artigo 8.2.d), que procede corrixir.
Obsérvase o emprego das letras j e k na clasificación do artigo 8, impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Pola súa banda, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.
Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.- Artigo 6. Conceptos subvencionables.
Este Comité considera que se deberían incluír, como gastos subvencionables, os derivados da elaboración de memorias de sostibilidade.
Segunda.- Artigo 6. Conceptos subvencionables.
O comité, dado o descoñecemento sobre o impacto da primeira convocatoria destas axudas, reitera a súa proposta de que se incorporen, como conceptos subvencionables, a adquisición de activos da empresa, a profesionalización e desenvolvemento estratéxico e os gastos correntes. Respecto destes últimos, cómpre ademais ter en conta que na exposición de motivos deste proxecto normativo inclúense os gastos correntes como elemento financiable con estas axudas.
Terceira.- Artigo 7. Contía das axudas.
O artigo 7.1 establece que a contía da axuda será equivalente ao 80% do custo total dos gastos subvencionables, cos límites seguintes:
• 3.000 € para o gastos incluído no concepto 1 do artigo 6.
• 5.000 € para cada un dos gastos incluídos nos conceptos 2, 3, 4 e 5 do artigo 6.
O comité estima que é necesario aclarar na redacción do texto da norma que no se aplicarían límites aos conceptos non contemplados no artigo 7.1, sen prexuízo da aplicación do límite máximo da axuda, tal e como se recolle na resposta remitida sobre esta mesma consideración no ditame 8/22 emitido sobre a mesma orde para o exercicio anterior.
Cuarta.- Artigo 8. Definicións.
Considérase que a definición de persoa trans contida no apartado 1.g) debe referir o previsto no artigo 3 da Lei 4/2023 para a igualdade real e efectiva das persoas trans e os dereitos das persoas LGTBI.
Quinta.- Artigo 8. Definicións.
Debe procederse á corrección do apartado 2.a) deste artigo, para introducir unha definición do asesoramento legal subvencionable no mesmo senso descritivo (despois de dous puntos) que se fai cos restantes conceptos neste artigo.
Sexta.- Artigo 11. Documentación complementaria.
O apartado 1.d.1.a) fai referencia a unha “resolución xudicial con declaración de firmeza”.
Este Comité considera que a terminoloxía correcta a empregar é a de “resolución xudicial firme”.
Sétima.- Artigo 12. Comprobación de datos.
No artigo 12.1 establécense que se consultarán automaticamente determinados datos en poder das Administracións Públicas. Entre estes datos, na letra l), inclúese “informe dos períodos de inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego das persoas socias da entidade solicitante”.
Este comité estima que a letra l) referida debería eliminarse do texto pois a orde inclúe como beneficiarias das axudas a entidades xa creadas, e non novas e, ademais, entre a documentación complementaria relacionada no artigo 11 non figura a esixencia de acreditar estar en situación de demandante de emprego.
Oitava.- Artigo 20. Pagamentos anticipados.
Este artigo prevé o pagamento de ata o 90 % do importe da subvención concedida para cada anualidade que se realizará de oficio tras a aceptación da subvención.
Este Comité valora positivamente o anticipo para as entidades de economía social e suxire que, na liña de continuar co apoio ao terceiro sector ó que fai referencia a Exposición de Motivos deste proxecto normativo, esa regulación dos anticipos que recolle este artigo sexa común a todas as persoas e entidades beneficiarias das ordes de axudas que tramita a Consellería de Emprego e Igualdade.
Novena.- Artigo 21. Xustificación e pagamento.
O apartado 1.d deste artigo recolle, entre a documentación xustificativa dos gastos realizados, fotografías dos investimentos, se é o caso.
Este Comité considera que se debería substituír a expresión “se é o caso” por “se fora posible”, xa que no suposto de que se estea subvencionando proxectos que levan tempo xa funcionando, pode ser difícil aportar fotografías de investimentos feitos hai tempo.
Décima.- Artigo 21. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 12, en ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte a Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
Décima primeira.- Artigo 28. Prazo de presentación de solicitudes.
O apartado 1 deste artigo o prazo de presentación de solicitudes finalizará o 15 de setembro de 2023, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.
Tendo en conta a data na que este proxecto está a ser tramitado, así como a previsión da data de publicación no DOG, este Comité considera que estamos ante un prazo demasiado curto que debería ser ampliado.
En consecuencia, procedería tamén ampliar os prazos previstos nos artigos 29 e 30 relativos aos prazos de execución e de xustificación, respectivamente.
ANEXO
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA
Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado h) deste artigo establece a obriga, para a entidade beneficiaria, de manter durante un mínimo de 2 anos o emprego xerado.
A CEG considera que, aos efectos do cumprimento da dita obriga e tendo en conta ademais que non se diferencia entre socios traballadores e persoas asalariadas, deben terse en conta determinadas excepcións como son os supostos de despedimento disciplinario procedente, dimisión, morte, xubilación ou incapacidade permanente, absoluta ou gran invalidez da persoa traballadora, ou a terminación dos contratos de duración determinada. En todo caso debería clarificarse mellor a redacción da obriga tendo en consideración que o seu incumprimento daría lugar ao reintegro total da subvención.