Ir o contido principal

Ditame 9/22

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa extraordinario das persoas traballadoras autónomas e microempresas con actividades especialmente paralizadas pola crise da COVID-19 (código de procedemento TR760A) financiada parcialmente con fondos REACT-UE no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia de COVID-19 e se procede á súa convocatoria para o ano 2022.
  1. ANTECEDENTES

O día 8 de abril de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da subdirección xeral de Emprego da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa extraordinario das persoas traballadoras autónomas e microempresas con actividades especialmente paralizadas pola crise da COVID-19 (TR760A) financiada parcialmente con fondos REACT-UE no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia de COVID-19 e se procede á súa convocatoria para o ano 2022.

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos:

“Tendo en conta que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. A Xunta de Galicia impulsa medidas para fomentar a actividade económica e apoiar o mantemento do emprego das persoas traballadoras autónomas e das microempresas como axentes dinamizadores da economía na comunidade autónoma. Non é suficiente con desenvolver políticas que favorezan o emprendemento senón que tamén é necesario articular programas que axuden e consoliden ás microempresas e persoas traballadoras autónomas e, en especial, as  que sufriron o maior impacto da crise.

A situación xerada pola evolución da COVID-19 obrigou as autoridades públicas a xestionar a crise sanitaria establecendo medidas para protexer a saúde e a seguridade, estas medidas trouxeron consigo unha das maiores crises económicas coñecidas. Moitas microempresas e persoas traballadoras con persoal contratado ao seu cargo pertencen aos sectores mais afectados pola COVID-19.  Ante esta situación a Xunta de Galicia puxo en marcha varios Plans de rescate para atender aos sectores máis afectados. Dita situación se mantén en determinadas actividades que no ano 2021 practicamente estiveron paralizadas, motivo polo cal é preciso impulsar un programa extraordinario  para as persoas traballadoras autónomas e microempresas especialmente paralizadas pola crise da COVID-19.

Esta orde regula un programa de axudas único que ten por obxecto  contribuír ao mantemento das persoas traballadoras autónomas e os seus negocios, contribuíndo deste xeito a reconstrución da nosa sociedade na era postcovid.”.

Segundo o artigo 5, poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA como persoas traballadoras por conta propia, as comunidades de bens ou sociedades civís, as microempresas e os mutualistas, sempre que estean de alta ou en situación asimilada, que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia, que tiveran unha alta anterior ao 1 de xaneiro de 2019 e que acrediten unha baixada de facturación de polo menos o 65% nos termos establecidos no artigo 9.

Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas de tempada, sempre que acrediten que aínda que non estean de alta no momento da presentación da súa solicitude, teñan estado de alta un mínimo de 4 meses e un máximo de 9 meses no ano 2019.

O artigo 6 establece que ás subvencións obxecto desta convocatoria destinarase un crédito por importe total de 2.700.000 €.

Ao tratarse dun novo proxecto normativo, non hai novidades con respecto a outros anteriores.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa extraordinario das persoas traballadoras autónomas e microempresas con actividades especialmente paralizadas pola crise da COVID-19 (TR760A) financiada parcialmente con fondos REACT-UE no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia de COVID-19 e se procede á súa convocatoria para o ano 2022” consta de: Exposición de motivos, vinte e nove artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.

O día 18 de abril de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e oito consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 Así mesmo contén, como anexos, as seguintes consideracións non unánimes: unha específica manifestada polas organizacións sindicais (Anexo I) e dúas específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

 

 

 

DITAME 9/2022

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa extraordinario das persoas traballadoras autónomas e microempresas con actividades especialmente paralizadas pola crise da COVID-19 (TR760A) financiada parcialmente con fondos REACT-UE no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia de COVID-19 e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 ,con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de abril de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de abril de 2022, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

  

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 Obsérvase o emprego da letra j na clasificación do artigo 12, impropia do alfabeto galego. A Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto, ten feito referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

 Pola súa banda, a disposición adicional debería figurar como disposición adicional única.

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega. Ademais, non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”.

 CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 5. Persoas beneficiarias.

O apartado 1 deste precepto inclúe, entre as posibles beneficiarias destas axudas, ás microempresas.

Este Comité propón que se concrete o concepto de “microempresa” aos efectos desta orde, tal e como se fai no Regulamento (UE) 651/2014.

Segunda.- Artigo 5. Persoas beneficiarias.

O artigo 3.3 deste proxecto normativo establece que as axudas poderán concederse a empresas e autónomas que non estean en crise. Por outra banda establece a posibilidade de conceder axudas ás microempresas e pequenas empresas que estiveran en crise a 31 de decembro de 2019 sempre e cando no se atopen inmersas nun procedemento concursal nin recibiran unha axuda de salvamento ou de restruturación.

Porén, o apartado 6 do artigo 5 exclúe como beneficiarias ás empresas en que concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10.2 e 3 da Lei de Subvencións de Galicia.

O artigo 10.2.b da dita Lei fixa que as entidades non poderán beneficiarse de subvencións en caso de estar en situación de concurso, salvo que neste adquirira a eficacia un convenio.

Á vista de ambas previsións, este Comité considera que se debería aclarar o previsto no artigo 3.3.

Terceira.- Artigo 10. Prazo de presentación de solicitudes.

Este Comité considera escaso o prazo para a presentación das solicitudes, que este artigo fixa nun mes.

Tendo en conta que se trata dun procedemento sen concorrencia competitiva, propón que se amplíe.

Cuarta.- Artigo 13. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado 1.a) establece a obriga das entidades ou persoas beneficiarias de estar ao corrente nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pago ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade á proposta de pago da subvención.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “calquera débeda pendente”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

Quinta.- Artigo 15. Incompatibilidades e concorrencia.

Segundo o apartado 1 deste precepto, as axudas previstas nesta orde serán compatibles coas demais axudas que poidan outorgar as administracións públicas, sempre e cando se respecten os límites establecidos no Marco temporal.

Este Comité considera que se deberían recoller expresamente no texto deste artigo os devanditos límites a que se refire este apartado.

Sexta.- Artigo 22. Resolución e recursos.

No apartado 8 detéctase unha referencia ao apartado 5 do mesmo artigo que é errónea, xa que debería facerse ao apartado 7. Proponse a súa corrección.

Sétima.- Artigo 25. Seguimento e control.

Este Comité considera que debería mellorarse a redacción do apartado 4, especificando que a obriga de sometemento ás actuacións de comprobación e control recae sobre as entidades beneficiarias das axudas.

Oitava.- Artigo 27. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.

O apartado 7 deste artigo inclúe unha referencia ao Anexo II do RDC. Este Comité considera que debería explicitarse, no texto deste proxecto, a norma á que corresponden esas siglas.

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA:

Artigo 13. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado 1.g recolle a obriga das persoas ou entidades beneficiarias de manter a alta na actividade  durante 6 meses dende a publicación desta orde no DOG.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que se debería esixir, así mesmo, manter tamén a alta no emprego durante o dito período de 6 meses.

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CEG:

Primeira.- Artigo 5. Persoas beneficiarias.

O apartado 1 esixe ás entidades, para poderen ser beneficiarias das axudas, acreditar unha baixada de facturación de polo menor os 65%.

Sen prexuízo dos fins perseguidos pola Orde, debería valorarse a rebaixa desta porcentaxe para conseguir un maior impacto das finalidades perseguidas, pois unha baixada mesmo da metade da facturación xa implicaría unha paralización moi relevante da actividade.

Segunda.- Artigo 5. Persoas beneficiarias.

Este precepto tamén esixe que as beneficiarias destas axudas tiveran unha alta anterior ao 1 de xaneiro  de 2019.

Debería flexibilizarse ese requisito, posto que se trata de axudas para aquelas empresas especialmente paralizadas como consecuencia da crise da COVID-19, cuxos efectos se producen especialmente a partir do ano 2020. Deste modo poderíase estender o concepto de persoa beneficiaria a aquelas empresas que non tiveran actividade en todo o ano 2019 pero si estivesen especialmente paralizadas pola crise da COVID -19.

 

Número ditame
9