I. ANTECEDENTES.
O día 8 de xullo de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa NOVA OPORTUNIDADE das persoas traballadoras autónomas, cofinanciado polo Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos “o cese na actividade da persoa autónoma non debe representar o final da súa vida emprendedora. Co programa Nova oportunidade búscase a segunda oportunidade das persoas emprendedoras que adquiriron experiencia e que por diversas causas tiveron que cesar na súa actividade, pero queren volvan a emprender un negocio e poñer en valor a experiencia adquirida”.
Así mesmo, na exposición de motivos tamén se indica que “este programa lévase a cabo apoiando as persoas traballadoras autónomas que cumpran os seguintes requisitos:
- Os que cesaron nunha actividade como persoa traballadora autónoma e estean inscritas como demandantes de emprego previamente a nova alta como persoa traballadora autónoma.
- Os que queren cambiar de sector actividade e estiveron de alta como persoas traballadoras autónomas, cesaron na súa actividade nun sector pero queren volver emprender noutro sector”.
No ano 2020 publicouse no DOG a Orde do 11 de febreiro pola que se aproban as bases reguladoras do Programa do bono nova oportunidade das persoas autónomas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, deixando sen efecto a Orde do 30 de decembro de 2019, relativa ao mesmo programa.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da Orde referenciada no parágrafo anterior, publicada no DOG o día 18 de febreiro de 2020 e o ditame emitido polo Consello con data 15 de novembro de 2019 (ditame 39/2019), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas.
O novo proxecto presenta varias modificacións respecto da última convocatoria destas axudas:
O orzamento asignado a financiar estas subvencións ascende a 5.040.000 euros, segundo o artigo 3 (na convocatoria de 2019 a contía era de 1.000.000).
Respecto ás persoas beneficiarias (artigo 4), cómpre destacar o seguinte:
Por unha banda, respecto do previsto para as persoas beneficiarias na orde anterior, obsérvase como o período de cotización previa no RETA esixido se reduce de 6 a 3 meses. Ademais, o período mínimo que debe transcorrer entre o cese da actividade e a nova alta tamén se reduce, neste caso de 6 a 2 meses.
Por outra banda, este proxecto tamén permite que se beneficien das axudas as persoas de alta no RETA que cesaran na súa actividade e iniciaran unha nova noutro sector de actividade, diferente ao anterior. Neste caso obsérvase que o período mínimo de cotización previa no RETA se mantén en 6 meses.
En canto aos axudas, o artigo 5 segue a recoller dous tipos de bonos:
- Bono alta nova oportunidade (polo que se concede unha axuda de 9.000 euros, fronte aos 6.000 previstos na orde anterior)
- Bono formación e/ou mentoring (para o que se prevé unha axuda de ata 1.600 euros, contía que na orde anterior podía chegar ata 6.000 euros). O mínimo de formación esixida tamén se reduce de 70 a 40 horas, podendo consistir no acompañamento dunha persoa mentora, con traxectoria profesional e/ou sectores de actividade similares.
En canto ás obrigas das persoas beneficiarias, que recolle o artigo 19, o apartado a) fixa en 12 meses o período que a persoa beneficiaria debe permanecer de alta no RETA, prazo que a orde anterior fixaba en 2 anos.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa NOVA OPORTUNIDADE das persoas traballadoras autónomas, cofinanciado polo Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022” consta de: Exposición de motivos, vinte e cinco artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 18 de xullo de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e cinco específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
DITAME 20/2022
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa NOVA OPORTUNIDADE das persoas traballadoras autónomas, cofinanciado polo Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020”, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de xull de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de xullo de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.
Este Comité considera necesario que se acheguen os datos estatísticos de execución da resolución do exercicio anterior para a xusta valoración da norma.
En consecuencia, tal e como se ten formulado respecto doutros proxecto normativos, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio anterior que deben acompañar a esta resolución cos seguintes datos:
- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras autónomas afectadas por esas solicitudes.
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.
Segunda.
Como este Comité ten insistido en diversas ocasións, é necesario recibir, xunto coa solicitude de ditame, os anexos para poder valorar en toda a súa dimensión aspectos de importancia, especialmente os relativos ao contido da memoria.
Terceira.
Este Comité observa erros ortográficos ao longo do texto, polo que propón unha revisión do mesmo.
En canto ás catro disposicións adicionais, chama a atención que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.
Finalmente, este Comité considera que as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 4. Persoas beneficiarias e requisitos.
Este Comité considera que se deberían harmomizar os requisitos esixidos ás persoas beneficiarias das axudas nos apartados 1 e 2 deste artigo, fixando en ambos supostos os prazos esixidos no partado 1.a) e 1.d).
Segunda.- Artigo 7. Solicitudes e prazo de presentación.
O apartado 1 deste precepto establece que o prazo para presentar as solicitudes será ata o 30 de setembro de 2022.
Este Comité considera que o prazo debería permanecer aberto durante todo o ano e evitar, así, un posible período de lagoa.
Terceira.- Artigo 16. Anticipos de pagamento.
O apartado d) deste precepto establece que non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña algunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
Formúlase a mesma consideración respecto dos artigos 19.e) e 22.e).
Cuarta.- Artigo 18. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 3 deste artigo prevé a incompatibilidade destas axudas -con outras que poidan outorgar as administracións públicas polos mesmos conceptos e gastos.
Este Comité propón que sexan compatibles ata o límite do 100% do gasto subvencionable e, en coherencia, que se modifique o texto do artigo 20.
Quinta.- Artigo 22. Exclusións.
O apartado 2 deste precepto establece que “non poderán obter a condición de entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.”
Tendo en conta que estamos ante un proxecto normativo a persoas traballadoras autónomas, a referencia debería facerse ás persoas beneficiarias e non ás entidades beneficiarias.