Ir o contido principal

Ditame 10/23

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa NOVA OPORTUNIDADE das persoas traballadoras autónomas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023

I. ANTECEDENTES.

O día 14 de marzo de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa NOVA OPORTUNIDADE das persoas traballadoras autónomas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023.

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos “o cese na actividade da persoa autónoma non debe representar o final da súa vida emprendedora. Co programa Nova oportunidade búscase a segunda oportunidade das persoas emprendedoras que adquiriron experiencia e que por diversas causas tiveron que cesar na súa actividade, pero queren volvan a emprender un negocio e poñer en valor a experiencia adquirida”.

Así mesmo, na exposición de motivos tamén se indica que “este programa lévase a cabo apoiando as persoas traballadoras autónomas que cumpran o requisito de cesar nunha actividade como persoa traballadora autónoma e estean inscritas como demandantes de emprego previamente a nova alta como persoa traballadora autónoma”:

Vistos o borrador agora remitido, o texto da Orde do exercicio anterior, publicada no DOG o día 10 de agosto de 2022 e o ditame emitido polo Consello con data 18 de xullo de 2022 (ditame 20/2022), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións sobre o fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto presenta varias modificacións respecto da última convocatoria destas axudas:

A principal novidade obsérvase no artigo 1 do proxecto normativo, onde se suprime o apoio específico para as persoas que estean de alta como autónomas e queren volver emprender noutro sector.

Ademais, elimínase o bono formación e /ou mentoring para acompañar e axudar na posta en marcha do negocio.

Polo que respecta ao orzamento sufre unha minoración de 3.467.160€ (artigo 3).

Pola súa banda, o artigo 4 engade 3 apartados nos que indica que queda excluídas destas axudas as persoas que xa foron beneficiarias das mesmas con anterioridade, as que sexan membros de entidades de economía social e as persoas autónomas administradoras, cando non demostren que teñen parte do negocio.

A contía da axuda increméntase de 9.000 a 10.000€, segundo recolle o artigo 5.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa NOVA OPORTUNIDADE das persoas traballadoras autónomas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023” consta de: Exposición de motivos, vinte e cinco artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 29 de marzo de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e catro específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

DITAME 10/2023

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa NOVA OPORTUNIDADE das persoas traballadoras autónomas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023”, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de marzo de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de marzo de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Este Comité considera necesario que se acheguen os datos estatísticos de execución da resolución do exercicio anterior para a xusta valoración da norma.

En consecuencia, tal e como se ten formulado respecto doutros proxecto normativos, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio anterior que deben acompañar a esta resolución cos seguintes datos:

- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras autónomas afectadas por esas solicitudes.
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

Segunda.
Como este Comité ten insistido en diversas ocasións, é necesario recibir, xunto coa solicitude de ditame, os anexos para poder valorar en toda a súa dimensión aspectos de importancia, especialmente os relativos ao contido da memoria.

Terceira.
Este Comité observa erros ortográficos ao longo do texto, polo que propón unha revisión do mesmo.

Así mesmo, propón que se corrixa o dito texto para eliminar determinadas incoherencias adaptando a redacción actual tras a eliminación dun dos programas que recollía a orde anterior. Por exemplo, os dous primeiros parágrafos do artigo 4 son superfluos e deberían eliminarse. Ademais, o apartado 3 do artigo 1 debería ser obxecto dun artigo independente que recollera, especificamente, os principios de xestión.

En canto ás catro disposicións adicionais, chama a atención que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

Finalmente, este Comité considera que as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 7. Solicitudes e prazo de presentación.
O apartado 1 deste precepto establece que o prazo para presentar as solicitudes será ata o 31 de outubro de 2023.

Este Comité considera que o prazo debería permanecer aberto durante todo o ano e evitar, así, un posible período de lagoa.

Segunda.- Artigo 16. Anticipos de pagamento.
O apartado d) deste precepto establece que non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña algunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

Formúlase a mesma consideración respecto dos artigos 19.e) e 22.e).

Terceira.- Artigo 18. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 3 deste artigo prevé a incompatibilidade destas axudas -con outras que poidan outorgar as administracións públicas polos mesmos conceptos e gastos.

Este Comité propón que sexan compatibles ata o límite do 100% do gasto subvencionable e, en coherencia, que se modifique o texto do artigo 20.

Cuarta.- Artigo 22. Exclusións.
O apartado 2 deste precepto establece que “non poderán obter a condición de entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.”

Tendo en conta que estamos ante un proxecto normativo a persoas traballadoras autónomas, a referencia debería facerse ás persoas beneficiarias e non ás entidades beneficiarias.

Número ditame
10