I. ANTECEDENTES
O día 9 de decembro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
As distintas axudas e subvencións establecidas nesta orde intégranse dentro das accións que a Consellería de Traballo e Benestar pretende levar a cabo para conseguir un axeitado desenvolvemento en materia de economía social, tanto no que respecta ao fomento do emprego e mellora da competitividade como á promoción das cooperativas, de xeito que redunde en beneficio e mellora do eido económico e socio-laboral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo a Exposición de motivos, a situación económica actual afecta especialmente á capacidade de creación de emprego. Neste contexto, resulta preciso incidir na mellora da competitividade da economía social e activar suficientemente as súas potencialidades de emprendemento e autoemprego, tendo en conta a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, así como a oportunidade que estas empresas representan para a recuperación económica e para a mellora do benestar social.
Este proxecto normativo ten por finalidade promover a incoporación de persoas desempregadas ás entidades de economía social e apoiar o desenvolvemento de proxectos de creación deste tipo de empresas a través dos cinco programas que regula.
Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 19 de xuño de 2013 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 11 de febreiro de 2013 (Ditame 9/13), obsérvase que foron tidas en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destacan as seguintes modificacións con respecto á orde do ano anterior:
Como principal novidade, o proxecto normativo incorpora dous novos programas (artigo 1º).
En primeiro lugar, o programa de promoción das cooperativas xuvenís (Programa IV) que promove a constitución de cooperativas constituídas maioritariamente por mozos e mozas en idades comprendidas entre os 16 e os 29 anos que poñan en común o seu traballo persoal.
En segundo lugar, o programa de intercooperación e integración cooperativa (Programa V), que promove os procesos de concentración entre empresas de economía social e a posta en marcha de proxectos de colaboración empresarial, ao redor de tres eixes: a configuración de proxectos de integración e intercooperación, as actividades de investigación, desenvolvemento e innovación, así como a inmersión nas tecnoloxías da información e as comunicacións, e a comercialización e internacionalización.
Polo que respecta ás bases reguladoras do programa I (Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais), obsérvase que poderán ser beneficiarias as entidades que incorporen como persoas socias traballadoras ou de traballo a persoas desempregadas e inscritas como demandantes de emprego, mentres que na orde para o exercicio anterior esas persoas debían, ademais, pertencer a algún dos colectivos que se relacionaban na orde (Anexo I, Base primeira, apartado 2).
En canto ao programa III (Impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia ténica), inclúese neste proxecto de orde unha regulación dos gastos de constitución que non figuraba na orde para o 2013.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 consta de: Exposición de motivos, dúas seccións, vinte e un artigos, tres disposicións adicionais, dúas derradeiras e un anexo coas bases reguladoras de cada un dos cinco programas de axudas.
O día 19 de decembro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e tres específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
DITAME 52/2013
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de decembro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 19 de decembro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Este Comité observa que, ao longo do texto do proxecto normativo, o uso da linguaxe en materia de xénero está moi coidado, pero cómpre sinalar algúns erros no emprego das barras que deben ser corrixidos: do/a funcionario/a (artigo 4º.6.b) e obrigados/as tributarios/as) (Anexo I, Base IV, apartado 2.1).
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 7º. Resolución e recursos.
No apartado 2 deste artigo establécese un prazo para resolver de cinco meses.
Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses, contados desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, dado que se aplica o réxime de concorrencia competitiva.
Segunda.- Artigo 11º.Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Este artigo destaca algunhas das obrigas que recaen sobre as entidades beneficiarias, observándose que os apartados d) e e) obrigan ás entidades beneficiarias a manter unhas condicións por un período mínimo de 5 anos, mentres que no apartado c) a obriga imponse só durante 3 anos.
Este Comité considera que a obriga de manter, durante 3 anos, á persoa pola que se concede a subvención como socia traballadora ou de traballo, deberíase estender a 5 anos, igual que nos apartados d) e e) .
Terceira.- Disposicións Derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais para non contradicir a definición que do termo derradeira fai a Real Academia Galega.