Ir o contido principal

Ditame 52/21

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2022.
  1. ANTECEDENTES

O día 5 de novembro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Orientación Laboral da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2022. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos: “a finalidade do programa que recolle este proxecto é a mellora da empregabilidade e a cualificación das persoas desempregadas mediante a información, o diagnóstico individual, o asesoramento, a motivación e o acompañamento nos procesos de acceso e cambios laborais”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2021, publicado no DOG o día 10 de febreiro de 2021 e o ditame emitido polo Consello con data 4 de decembro de 2020 (Ditame 27/2020), obsérvase que a consideración específica cuarta non unánime contida no anexo II e realizada por la Confederación de Empresarios de Galicia, non se aceptou no texto da anterior orde, pero hai un incremento da contía de 1.000 euros no proxecto da nova orde.

 Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

En canto ao financiamento das axudas (artigo 1), obsérvase un incremento de 38.000 euros no importe total dos créditos asignados.

No artigo 4.1, parágrafo primeiro, a contía máxima da subvención increméntase e 1.000 euros respecto a orde anterior, pasando de 25.000 euros a 26.000 euros.

A contía establecida no parágrafo segundo do artigo 4.2, increméntase así mesmo, en 1.000 euros, pasando de 28.000 euros a 29.000 euros.

No artigo 12, criterios de valoración das solicitudes, no apartado 1, parágrafo dous, as contías mínimas a considerar aumentan de 70 citas para cada servizo de orientación a 120 citas para as entidades en xeral. Así mesmo, aumentan de 40 citas a 65 para as entidades sen ánimo de lucro que atendan a persoas con discapacidade, e entidades que teñan por obxecto a atención a un colectivo específico de persoas en determinadas situacións de exclusión social.

No artigo 12, no apartado dous, cambian número de servizos mínimos de orientación laboral exixidos, pasando de 200 da orde anterior a 250 na nova para as entidades sen ánimo de lucro que prioritariamente atendan a persoas con discapacidade; e de 300 da orde anterior a 350 na nova, para o resto de entidades.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2022” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O 25 de novembro reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén catro consideracións xerais e catorce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Así mesmo contén, como anexos, unha consideracións xeral de carácter non unánime seguintes: unha específica manifestadas polas organizacións sindicais CIG,  CC.OO. de Galicia e UGT-Galicia (Anexo I) e catro específica manifestadas pola CEG (Anexo II).

 

 

 

DITAME 52/2021

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2022, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de novembro de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 25 de decembro de 2021 acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

  

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:

Primeira.

Entende este comité que debera recuperarse a actividade de prospección de emprego e, en consecuencia, adaptar o articulado deste texto para darlle cabida.

Hai que ter en conta, ademais, que o artigo 1 deste proxecto establece como un dos seus obxectivos a asistencia para o autoemprego.

Na Exposición de motivos establécese que “os elementos que caracterizan ao Programa de orientación laboral que prestarán as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde concordan cos definidos no Real Decreto 7/2015, de 16 de xaneiro, polo que se aproba a Carteira Común de Servizos do Sistema Nacional de Emprego”.

Segundo o artigo 7 do dito Real Decreto, son servizos incluídos na Carteira Común:

a)Servizo de orientación profesional.

b)Servizo de colocación e de asesoramento a empresas.

c)Servizo de colocación e cualificación para o emprego.

d)Servizo de asesoramento para o autoemprego e o emprendemento.

O artigo 9 da mesma norma establece que a xestión de ofertas e demandas de emprego comprenderá, en particular, a prospección e identificación de ofertas de emprego potenciais e de necesidades de persoal por parte dos empregadores.

Dacordo con esta previsión legal, debería considerarse a recuperación da actividade de prospección de emprego na Orde para o exercicio de 2022.

As dúas actividades (orientación e prospección) deberían ir paralelas para facer efectiva a reinserción laboral.

Segunda.

Este Comité considera que se debería financiar a contratación do persoal de apoio que colabore nas funcións de orientación.

Terceira.

Tendo en conta a situación socioeconómica na que nos atopamos e ante a previsión do incremento do desemprego que se experimentará e o consecuente incremento da necesidade de contar con máis persoal orientador, este Comité considera que se debería incrementar o orzamento previsto para estas axudas.

Cuarta.

Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic], respecto a que veñan encaixadas baixo un título común.

Tamén se observa que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, polo que propón a súa corrección.

  

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. – Artigo 4. Contía e modalidade das subvencións,  período subvencionable e compatibilidade das axudas.

No apartado 1 deste artigo recóllense as contías a subvencionar e establécense as retribucións totais que se subvencionarán.

Este Comité considera que sería necesario que, a este respecto, se englobase e se especificase no artigo 4 que se subvencionará o total do custo da persoa traballadora, incluída a indemnización que puidera corresponder e aqueloutras que poidan esixirse legalmente. Ademais, considera que o aumento da contía máxima da subvención en 1.000 euros non é suficiente.

Segunda. – Artigo 3. Actividades do servizo de orientación laboral.

O comité entende que o apartado 3.3, cando se refire a “persoas mozas”, debería haber unha aclaración do que se entende como tales.

 Terceira. – Artigo 4. Contía das subvencións e período subvencionable.

Este Comité considera que se debería engadir un novo apartado que estableza como subvencionable ata un 15% do total da subvención aprobada, en concepto de gastos xerais, materiais, técnicos, axudas de custo e desprazamentos que se xeren polo desenvolvemento das accións recollidas na presente orde”.

Cuarta.- Artigo 5. Presentación de solicitudes e prazo.

No segundo parágrafo do apartado 1, menciónanse as persoas interesadas que presentan a solicitude presencialmente, cando a referencia debería facerse ás entidades interesadas.

Quinta.- Artigo 9. Procedemento, competencia e resolución.

Segundo o apartado 7, a resolución e a notificación deberanse producir nun prazo de tres meses.

Este Comité considera que deberían especificar que o prazo será, como máximo, de tres meses.

Sexta.- Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.

Este Comité propón que se engada un novo criterio que valore o nivel de estabilidade do persoal que presta os servizos de orientación nas entidades solicitantes das axudas.

Sétima.- Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.

Respecto aos apartados 1 e 2 deste artigo, que establecen un corte previo de acceso ás axudas así como de asignación de financiamento en función do número de servizos prestados, este Comité considera que se trata dun criterio inadecuado, cando é o propio Servizo Público de Emprego quen marca a axenda do persoal de orientación  das entidades.

Deste xeito, pode haber localidades grandes cun elevado número de servizos e outras localidades pequenas con poucos, o que non é representativo nin da calidade nin do bo servizo prestado.

Oitava.- Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.

Este artigo, no seu apartado 3.A.c), inclúe como criterio de valoración a redución no financiamento das accións subvencionadas por achegas económicas da entidade.

Na exposición de motivos alúdese ao ámbito de colaboración co Servizo Público de Emprego. Así, na medida en que as entidades beneficiarias son colaboradoras do SPE e, ademais, estamos ante políticas públicas de emprego, non semella procedente establecer como criterio avaliable o cofinanciamento, polo que este Comité propón suprimilo.

Novena.- Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.

Entre os criterios de valoración non se inclúe o emprego da lingua galega na elaboración e realización dos proxectos.

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité entende que debería recuperarse a redacción da orde de 2013 (DOG de 19 de abril de 2013) para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Décima.- Artigo 13. Requisitos e selección do persoal técnico de orientación.

Este Comité considera que se debería manter a puntuación de 4,75 puntos prevista na orde correspondente á anualidade 2020 para a Experiencia Profesional (no borrador para 2021 redúcese a 3,5 puntos), tendo en conta a importancia deste factor para adquirir as competencias necesarias para o desenvolvemento e prestación dun Servizo de calidade.

Por outra banda, considera este Comité que deberían valorarse especificamente os coñecementos e experiencia das persoas que presten o servizo en xestión de redes sociais, acceso e xestión de páxinas web e a súa información, formación no ámbito das TIC (antes valorado con ata 2 puntos), máis tendo en consideración a importancia que polas circunstancias actuais cobra a capacidade para asesorar ás persoas usuarias sobre acceso a plataformas web para formación ou busca de emprego e xestións de trámites de xeito telemático (citas, solicitude de prestacións…) entre outras.

Décima primeira.- Artigo 14. Pagamento da subvención

O apartado 1.c) deste artigo esixe a todas as entidades beneficiarias a presentación dunha fotografía do cartel informativo e a súa localización.

Este Comité considera excesiva a necesidade de achegar novamente esa documentación, que soamente sería precisa no caso de novas contratacións ou novas ubicacións.

Décima segunda.- Artigo 14. Pagamento da subvención

No apartado 1.d), ítem 1º, establécese que deben presentarse os contratos de traballo do persoal subvencionado e comunicación dos mesmos a través de Contrat@.

Este Comité considera que se debería especificar que esta obriga non procede no caso dos contratos obren xa en poder da Administración e propón que, cando se trate de persoas con contrato indefinido que xa viñeron prestando eses mesmos servizos, soamente se esixa indicar o expediente en que obra xa esa información.

Décima terceira.- Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias.

No apartado 2.I.c) esíxese a obtención dunha autorización previa por parte da Dirección Xeral de Formación e Colación.

Este Comité propón que esa autorización sexa substituída por unha comunicación á Dirección Xeral.

Décima cuarta.- Artigo 17. Perda do dereito ao cobro e reintegro.

Segundo o apartado 1.h) deste artigo, o retraso no inicio das tarefas de orientación por causas non imputables á administración comportará o reintegro ou desconto da parte proporcional dos gasto subvencionado.

Hai que ter en conta que o devandito retraso pode deberse, ademais, a causas que non sexan imputables á entidade beneficiaria, polo que este Comité considera que debería especificarse que os retrasos debidos a causas de forza maior non darán lugar a reintegro.

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG , UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA

Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.

En relación coa consideración específica unánime novena, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea.

 

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3. Actividades do servizo de orientación laboral.

A CEG propón que, entre as actividades do servizo, se inclúa a prospección e captación de ofertas de emprego e se recupere a figura da persoa prospectora con financiamento específico previsto na orde do exercicio anterior, que recollía a xestión e cobertura de ofertas de emprego entre as funcións do persoal subvencionado.

Así mesmo, a prospección debe comprender tamén a asistencia ao autoemprego, dado que no artigo 1 deste proxecto figura como un dos seus obxectivos e está incluída na carteira común de servizos do Real Decreto 7/2015, do 16 de xaneiro, polo que se aproba a Carteira Común de Servizos do Sistema Nacional de Emprego.

Segunda.- Artigo 3. Actividades do servizo de orientación laboral.

A CEG propón ampliar o contido do apartado 3 deste artigo, referido ás persoas destinatarias das accións, para dar cabida as persoas pensionistas da Seguridade Social por incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez ou de pensionista de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade, de xeito que estas persoas poidan acollerse ás medidas de igualdade de oportunidades e non discriminación no acceso ao emprego, e para dar unha amplitude eficaz á definición de discapacidade, prevista no artigo 1 da Convención Internacional dos Dereitos das persoas con discapacidade.

En consecuencia, debería modificarse tanto este artigo como os demais que correspondan.

Terceira. Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.

En opinión da CEG, as contías mínimas establecidas no parágrafo terceiro do apartado 1 deberían ter en conta a circunstancia de que, nalgúns casos, as persoas con discapacidade acoden aos servizos de orientación das entidades non especializadas.

Cuarta. - Artigo 13. Requisitos e selección do persoal técnico de orientación.

No segundo parágrafo do apartado 4 faise referencia ao proceso de substitución no caso de baixas sucesivas.

A CEG propón que se aclare a redacción do devandito parágrafo para coñecer exactamente os prazos a que deben cinguirse as entidades, tanto máis cando existe a posibilidade de ser penalizadas, tal e como establece o

Número ditame
52