Ir o contido principal

Ditame 46/22

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2023.

I. ANTECEDENTES

O día 7 de decembro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do Servizo de Orientación Laboral da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos: “a finalidade do programa que recolle este proxecto é a mellora da empregabilidade e a cualificación das persoas desempregadas mediante a información, o diagnóstico individual, o asesoramento, a motivación e o acompañamento nos procesos de acceso e cambios laborais”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2022, publicado no DOG o día 26 de xaneiro de 2022 e o ditame emitido polo Consello con data 25 de novembro de 2021 (Ditame 52/2021), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

En canto ao financiamento das axudas (artigo 1), obsérvase un incremento de 34.617 euros no importe total dos créditos asignados.

Increméntase a contía máxima da subvención prevista no artigo 4, tanto no caso xeral (pasando de 26.000 a 27.000€) como no caso de que a beneficiaria sexa unha entidade sen ánimo de lucro que cumpra os requisitos sinalados no dito artigo (pasando de 29.000 a 30.000€).

Este artigo 4 establecía, na orde anterior, a incompatibilidade destas axudas con calquera outra que financie as mesmas actividades recollidas na resolución de concesión. O novo proxecto declara a incompatibilidade coas axudas que financien actividades cuxa realización interfira na xornada recollida na resolución de concesión fixando, en todo caso, o límite dos custos totais de contratación.

O artigo 12, no seu apartado 1, establece unhas limitacións ao financiamento en función do número de citas de orientación e itinerarios realizadas, incrementándose o número mínimo esixido con carácter xeral, que pasan de 120 a 200 citas por cada servizo de orientación subvencionado. No apartado 2 deste mesmo precepto prevé asignar o financiamento necesario para manter aqueles postos de orientación laboral que acaden un número mínimo de servizos de 400, con carácter xeral, cando na orde anterior esixíanse 350.
Unha novidade que engade este artigo é a previsión de que non procederá a baremación das entidades que unicamente soliciten o mantemento de servizos, cando cumpran os requisitos sinalados ao efecto.

O artigo 13 recolle o cadro de requisitos para superar a fase de baremación do currículo na selección do persoal técnico. Na orde anterior valorábase con ata 3,5 puntos a experiencia profesional; no novo proxecto outórgase esa puntuación á experiencia profesional directamente relacionada co posto e engade a previsión de valorar con ara 2 puntos a experiencia indirectamente relacionada co posto.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2023” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O 14 de decembro reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén catro consideracións xerais e dez consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Así mesmo contén, como anexos, as consideracións específicas de carácter non unánime seguintes: unha manifestada polas organizacións sindicais CIG, SN de CC.OO. de Galicia e UGT-Galicia (Anexo I) e unha manifestada pola CEG (Anexo II).

DITAME 46/2022

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2023, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de decembro de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de decembro de 2022 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:
Primeira.
Entende este comité que debera recuperarse a actividade de prospección de emprego e, en consecuencia, adaptar o articulado deste texto para darlle cabida.
Hai que ter en conta, ademais, que o artigo 1 deste proxecto establece como un dos seus obxectivos a asistencia para o autoemprego.

Na Exposición de motivos establécese que “os elementos que caracterizan ao Programa de orientación laboral que prestarán as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde concordan cos definidos no Real Decreto 7/2015, de 16 de xaneiro, polo que se aproba a Carteira Común de Servizos do Sistema Nacional de Emprego”.

Segundo o artigo 7 do dito Real Decreto, son servizos incluídos na Carteira Común:
a)Servizo de orientación profesional.
b)Servizo de colocación e de asesoramento a empresas.
c)Servizo de colocación e cualificación para o emprego.
d)Servizo de asesoramento para o autoemprego e o emprendemento.

O artigo 9 da mesma norma establece que a xestión de ofertas e demandas de emprego comprenderá, en particular, a prospección e identificación de ofertas de emprego potenciais e de necesidades de persoal por parte dos empregadores.

Dacordo con esta previsión legal, debería considerarse a recuperación da actividade de prospección de emprego na Orde para o exercicio de 2023.

As dúas actividades (orientación e prospección) deberían ir paralelas para facer efectiva a reinserción laboral.

Segunda.
Este Comité considera que se debería financiar a contratación do persoal de apoio que colabore nas funcións de orientación.

Terceira.
Tendo en conta a situación socioeconómica na que nos atopamos e ante a previsión do incremento do desemprego que se experimentará e o consecuente incremento da necesidade de contar con máis persoal orientador, este Comité considera insuficiente o pequeno incremento do orzamento previsto para estas axudas, polo que propón que se articule un incremento maior.

Cuarta.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic], respecto a que veñan encaixadas baixo un título común.

Tamén se observa que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, polo que propón a súa corrección.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. – Artigo 4. Contía e modalidade das subvencións, período subvencionable e compatibilidade das axudas.
No apartado 1 deste artigo recóllense as contías a subvencionar e establécense as retribucións totais que se subvencionarán.

Este Comité considera que o aumento da contía máxima da subvención en 1.000 euros non é suficiente para cubrir o total do custo segundo a normativa ou convenio colectivo aplicable.

Segunda. – Artigo 4. Contía das subvencións e período subvencionable.
Este Comité considera que se debería engadir un novo apartado que estableza como subvencionable ata un 15% do total da subvención aprobada, en concepto de gastos xerais, materiais, técnicos, axudas de custo e desprazamentos que se xeren polo desenvolvemento das accións recollidas na presente orde.

Terceira. – Artigo 5. Presentación de solicitudes e prazo.
No segundo parágrafo do apartado 1, menciónanse as persoas interesadas que presentan a solicitude presencialmente, cando a referencia debería facerse ás entidades interesadas.

Na resposta a este ditame indícase que na denominación “persoas interesadas” caben tanto as persoas físicas como xurídicas e, ao respecto, este Comité recorda que unicamente as persoas xurídicas poden ser beneficiarias das axudas reguladas neste proxecto.

Cuarta.- Artigo 9. Procedemento, competencia e resolución.
Segundo o apartado 7, a resolución e a notificación deberanse producir nun prazo de tres meses.

Este Comité considera que deberían especificar que o prazo será, como máximo, de tres meses.

Quinta.- Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.
Este artigo, no seu apartado 3.A.c), inclúe como criterio de valoración a redución no financiamento das accións subvencionadas por achegas económicas da entidade.

Na exposición de motivos alúdese ao ámbito de colaboración co Servizo Público de Emprego. Así, na medida en que as entidades beneficiarias son colaboradoras do SPE e, ademais, estamos ante políticas públicas de emprego, non semella procedente establecer como criterio avaliable o cofinanciamento, polo que este Comité propón suprimilo.

Sexta.- Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.
Entre os criterios de valoración non se inclúe o emprego da lingua galega na elaboración e realización dos proxectos.

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité entende que debería recuperarse a redacción da orde de 2013 (DOG de 19 de abril de 2013) para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Sétima.- Artigo 13. Requisitos e selección do persoal técnico de orientación.
Este Comité considera que deberían valorarse especificamente os coñecementos e experiencia das persoas que presten o servizo en xestión de redes sociais, acceso e xestión de páxinas web e a súa información, formación no ámbito das TIC (antes valorado con ata 2 puntos), máis tendo en consideración a importancia que polas circunstancias actuais cobra a capacidade para asesorar ás persoas usuarias sobre acceso a plataformas web para formación ou busca de emprego e xestións de trámites de xeito telemático (citas, solicitude de prestacións…) entre outras. Ademais, debería recuperarse a puntuación prevista para os coñecementos ofimáticos, que se viu reducida de 1 punto a 0,75 con este novo proxecto.

Oitava.- Artigo 14. Pagamento da subvención
O apartado 1.c) deste artigo esixe a todas as entidades beneficiarias a presentación dunha fotografía do cartel informativo e a súa localización.

Este Comité considera excesiva a necesidade de achegar novamente esa documentación, que soamente sería precisa no caso de novas contratacións, novas ubicacións ou cambios no propio cartel.

Novena.- Artigo 14. Pagamento da subvención
No apartado 1.d), ítem 1º, establécese que deben presentarse os contratos de traballo do persoal subvencionado e comunicación dos mesmos a través de Contrat@.

Este Comité considera que se debería especificar que esta obriga non procede no caso dos contratos obren xa en poder da Administración e propón que, cando se trate de persoas con contrato indefinido que xa viñeron prestando eses mesmos servizos, soamente se esixa indicar o expediente en que obra xa esa información.

Décima.- Artigo 17. Perda do dereito ao cobro e reintegro.
Segundo o apartado 1.h) deste artigo, o retraso no inicio das tarefas de orientación por causas non imputables á administración comportará o reintegro ou desconto da parte proporcional dos gasto subvencionado.

Hai que ter en conta que o devandito retraso pode deberse, ademais, a causas que non sexan imputables á entidade beneficiaria, polo que este Comité considera que debería articularse a posibilidade de solicitar unha autorización para ampliar os prazos das obrigas que poden xerar atraso cando este se debe a causas de forza maior para que non dean lugar a reintegro.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG , UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA

Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.
En relación coa consideración específica unánime sexta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 3. Actividades do servizo de orientación laboral.
A CEG propón que, entre as actividades do servizo, se inclúa a prospección e captación de ofertas de emprego e se recupere a figura da persoa prospectora con financiamento específico previsto na orde do exercicio anterior, que recollía a xestión e cobertura de ofertas de emprego entre as funcións do persoal subvencionado.

Así mesmo, a prospección debe comprender tamén a asistencia ao autoemprego, dado que no artigo 1 deste proxecto figura como un dos seus obxectivos e está incluída na carteira común de servizos do Real Decreto 7/2015, do 16 de xaneiro, polo que se aproba a Carteira Común de Servizos do Sistema Nacional de Emprego.

Número ditame
46