Ir o contido principal

Ditame 3/22

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Ditame sobre o proxecto de ORDE pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para promover a práctica profesional e a formación en competencias brandas das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos – PROGRAMA TALENTO 30
I. ANTECEDENTES

O día 14 de febreiro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da dirección xeral de Formación e Colocación da Consellería de Emprego e Igualade, que achega proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras  e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para promover a práctica profesional e a formación en competencias brandas das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos – PROGRAMA TALENTO 30.

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos:

Os incentivos para promover a práctica profesional e a formación en competencias brandas para persoas mozas menores de 30 anos (PROGRAMA TALENTO 30) responden á necesidade de proporcionar aos nosos mozos e mozas unha práctica profesional no posto de traballo que lles permita ou ben mellorar as súas cualificacións profesionais (no caso daquelas persoas mozas que carezan de cualificación profesional recoñecida polo sistema de formación profesional para o emprego ou o sistema educativo), ou ben adquirir a experiencia profesional necesaria para asegurar unha carreira profesional cunha evolución progresiva e ascendente dentro do mercado laboral galego. Adicionalmente, o Programa Talento 30 quere dotar aos mozos e mozas galegas con competencias cruciais para desenvolverse adecuadamente na contorna laboral e para asegurar o seu progreso profesional: as competencias brandas. Segundo a OCDE, o noso mercado laboral carece especialmente de competencias tales como a resolución de problemas complexos, habilidades de comunicación verbal, asertividade ou habilidades de relación social, carencias todas elas que é frecuente atopar nas persoas mozas que queren acceder ao mercado laboral.

O financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde realizarase con cargo á aplicación 11.05.322A.470.0 (proxecto 2021 00152) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, polo importe de 10.080.664 euros, e con cargo á mesma aplicación ou a que resulte equivalente dos orzamentos para 2023 por importe de 2.160.000 euros. A aplicación mencionada está financiada por fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

Segundo o artigo 1. 1 esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas cales se rexerá, en réxime de concorrencia non competitiva e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria das subvencións establecidas pola Consellería de Emprego e Igualdade para facilitar un período de práctica profesional acompañada dun proceso de formación para o emprego ás persoas menores de 30 anos, facilitando así a inserción laboral das persoas mozas en Galicia, e dotándoas de competencias para o emprego que as acompañen durante a súa vida laboral, coa finalidade última de promover a súa empregabilidade e a retención do talento mozo na nosa Comunidade Autónoma.

Na orde establécense dúas liña de axuda:

  • Liña 1: programa talento 30 en prácticas. Programa de incentivos á contratación para a obtención da práctica profesional axeitada ao nivel de estudos das persoas menores de 30 anos.
  • Liña 2: programa talento 30 formación en alternancia. Programa de incentivos para contratos de formación en alternancia de persoas menores de 30 anos sen cualificación profesional.

Ademais, establécese tamén que por medio desta convocatoria, as empresas poderán solicitar axudas para os contratos en prácticas e para os contratos para a formación e a aprendizaxe baseados no previsto no artigo 11 do Estatuto dos Traballadores, segundo a redacción vixente antes da entrada en vigor do apartado un do artigo primeiro do Real Decreto Lei 32/2021, de 28 de decembro, e que resultarán aplicables ata a súa duración máxima, nos termos recollidos no citado precepto.

Ao tratarse dun novo proxecto normativo, non hai novidades con respecto a outros anteriores.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

  1. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “orde pola que se establecen as bases reguladoras  e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para promover a práctica profesional e a formación en competencias brandas das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos – PROGRAMA TALENTO 30” consta de: Exposición de motivos, corenta e un artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 24 de febreiro de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e oito consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Así mesmo contén, como anexos, dúas consideración específicas non unánimes manifestadas polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT- Galicia (Anexo I) e unha consideración específica non unánimes manifestada pola CEG (Anexo II).

 

 

 

DITAME 03/2022

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras  e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para promover a práctica profesional e a formación en competencias brandas das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos – PROGRAMA TALENTO 30, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de febreiro de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.

Obsérvase que ao longo do texto emprégase a letra j na clasificación dos artigos

Este comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego. Nas respostas remitidas pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración noutros ditames, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Así mesmo, obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Segunda.

O comité suxire que se revise a redacción do artigo 40, pois existe algún erro. En concreto na primeira frase onde falta a conxunción “ou” entre a palabra “axudas” e a palabra “subvencións”.

Terceira.

O comité quere resaltar a importancia de que este programa se centre nos proxectos educativos, na formación, e na oferta de dunha experiencia práctica real para facilitar a inserción das persoas desempregadas ao mercado laboral. Deste modo tamén pode contribuír, aínda que sexa indirectamente, á estabilidade no emprego mediante a mellora da cualificación e da empregabilidade das persoas contratadas

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira. Artigo 1.- Obxecto e finalidade.

O apartado dous do artigo establece que para obter as axudas os contratos deben de celebrarse con persoas menores de 30 anos.

O comité considera que deberían aumentarse a idade para as persoas con algunha discapacidade e para as persoas referidas no artigo 11.4, d), modificado polo artigo primeiro do Real Decreto-Lei 32/2021 de 28 de decembro.

Así mesmo, o comité entende que no apartado 3 deste mesmo artigo, debería de facerse referencia a disposición transitoria  primeira do Real Decreto-Lei 32/202.,1 de 28 de decembro.

Segunda. Artigo 5. Entidades beneficiarias.

Na letra e) do apartado 3 deste artigo establécese que non poderán ser beneficiarias da axuda, as entidades que non estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou que teñan pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

O comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

Por outra banda, o comité considera que debería revisarse a redacción do artigo 19.10  para que estea en concordancia coa nova redacción da letra e) do apartado 3 proposta no parágrafo anterior.

Terceira. Artigo 8. Definicións.

O comité entende que no apartado 6 deste artigo debería de eliminarse a palabra “expertos”, co obxectivo de garantir a calidade da formación e adecuar o redactado deste apartado ao recollido no Real Decreto-lei 32/2021 en relación aos contratos formativos.

Cuarta. Artigo 9. Solicitudes e prazos.

O apartado 4 deste artigo establécese como data límite para a presentación das solicitudes o día 15 de outubro de 2022.

O comité quere propoñer que na vindeira orde se teñan en conta as actividades desenvolvidas dende o día 16 de outubro ata o remate do ano natural.

Quinta. Artigo 12.- Comprobación de datos.

O apartado 2 deste artigo refírese a “persoas interesadas”.

O comité entende que en concordancia co artigo 5 debería de referirse a “entidades beneficiarias”.

Sexta. Artigo 20. Réxime de incompatibilidades e exclusións.

O comité entende que no terceiro guión do apartado 2, con respecto á expresión “ou empresas de carácter vinculado”, debería de facerse unha referencia máis clara á normativa aplicable e aos criterios que determinan a devandita vinculación.

Sétima. Artigo 28. Requisitos dos contratos.

Este comité propoñe engadir un punto novo que diga que no non recollido expresamente estarase ao disposto no Real Decreto-Lei 32/2021, de 28 de decembro.

Oitava. Artigos 29 e 38. Actividades formativas e competencias brandas: programa e formación. Actividades formativas específicas en competencias brandas: programa de formación.

O comité propoñe engadir que as entidades formativas estean acreditadas ou inscritas conforme a normativa vixente na comunidade autónoma.

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG E SN DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA.

Primeira. Artigo 7. Contía das axudas.

O apartado 4 deste artigo establece que o importe da subvención en ningún caso pode ser de tal contía que supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade solicitante

Este comité propoñe que non poda ser de tal contía que supere o custo da Seguridade Social.

Segunda. Artigo 10. Documentación para a solicitude de subvención.

A letra c) deste artigo refírese as relacións laborais iniciadas con anterioridade á data de notificación da resolución de concesión da axuda.

O comité considera que a orde debería primar a contratación de persoas desempregadas e non as relacións laborais xa iniciadas.

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. Artigo 7 (e concordantes). Contía das axudas.

Este artigo, no seu apartado 2, dispón que as persoas mozas serán contratadas a tempo completo durante un período mínimo de 12 meses.

Tendo en consideración a vixente redacción do artigo 11 do Estatuto das persoas traballadoras establecida polo Real Decreto-lei 32/2021  (que dispón que nos contratos formativos para a formación en alternancia co traballo retribuído por conta allea a duración do contrato será dun mínimo de tres meses e que no contrato para a obtención da práctica profesional a duración mínima é de seis meses), debería considerarse a redución do devandito período mínimo aos seis meses, en lugar dos doce establecidos no proxecto de Orde.

Número ditame
3