Ir o contido principal

Ditame 34/20

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:08
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións no marco do Plan de Formación para o Emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á súa convocatoria para os exercicios de 2021 e 2022.

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a  concesión de subvencións no marco do Plan de Formación para o Emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á súa convocatoria para os exercicios de 2021 e 2022, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de decembro de 2020, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de decembro de 2020, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

 

Primeira.

Este Comité considera que a formación para o emprego é un eixo vertebrador no desenvolvemento da vida económica, industrial e social e un instrumento esencial para garantir a formación ao longo da vida, a mellora da empregabilidade das persoas desempregadas, a necesaria adaptación dos traballadores e traballadoras e das empresas á unha sociedade baseada no coñecemento e o mantemento da capacidade profesional das persoas traballadoras, especialmente nos supostos de cambios e mutacións dos procesos produtivos.

 

Son as empresas, as persoas traballadoras e as súas respectivas organizacións representativas, as que mellor coñecen a evolución do tecido produtivo e das propias necesidades deste.

Cómpre destacar o papel que o mercado laboral desenvolve como demandante de competencias, especialidades e aptitudes profesionais, sendo as necesidades presentes e futuras do tecido produtivo o elemento dinamizador e orientador dunha correcta política formativa no eido profesional.

 

Este Comité postula a necesidade de cambiar o actual modelo de formación para o emprego e a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación baseándose nas liñas programáticas seguintes:

 

  • Incrementar a cualificación da poboación activa, xestionar as transicións
  • Ofrecer novas oportunidades a persoas sen emprego así como actualizar e desenvolver as competencias das persoas traballadoras ocupadas, co fin de evitar a obsolescencia das súas competencias e preparalas para os cambios no mercado de traballo e a utilización das novas tecnoloxías e, deste modo, favorecer a mellora da competitividade das empresas e o mantemento e o crecemento do emprego e da súa calidade.
  • Mellorar a calidade da formación para o emprego sobre a base da determinación das prioridades de formación e en función das necesidades detectadas, así como o establecemento de fórmulas de avaliación do sistema.
  • Apostar por unha formación para o emprego que apoie ás PEMES e ás persoas traballadoras con mais dificultades de acceso ó emprego.
  • Garantir o carácter finalista dos fondos de formación; é dicir, que a formación para o emprego conte cun financiamento suficiente, con incorporación dos remanentes e reanualización dos fondos non realizados.
  • A continua redución de fondos dedicados á formación continua (que estivo ausente tres anos entre 2015 e 2017), que se financia con fondos finalistas das achegas sociais das persoas traballadoras e empresas non é xustificable e segue sen coñecerse o seu destino. A pesar de que este novo proxecto incrementa en 550.000€ o orzamento respecto da orde anterior publicada no DOG, segue a ser unha contía insuficiente.
  • Garantir que non existan períodos temporais sen convocatorias de plans de formación.
  • Regular a participación dos axentes sociais na gobernanza do sistema: na detección de necesidades, na planificación e no seguimento e avaliación da formación para o emprego.

 

Este Comité considera que o actual modelo de formación para o emprego non garante a calidade da formación nin a súa viabilidade e continuidade para satisfacer as demandas do tecido produtivo, a mellora da competitividade e de cualificación ao longo da vida das persoas traballadoras.

 

Na actualidade non existe un sistema  que facilite a participación dos axentes sociais no xerme da formación, no establecemento dos obxectivos de cualificación das persoas e, aínda menos, na distribución dos recursos que se xeran coa aportación de empresas e persoas traballadoras, ao que se debe engadir o descoñecemento na execución e aplicación de fondos e, no seu caso, o remanente da última convocatoria.

 

Segunda

Este Comité debería emitir o seu ditame sobre a versión definitiva da norma e obsérvase que o contido do Anexo VI non foi concretado coas organizacións sindicais e empresariais previamente no seo da Comisión Galega de Formación Continua, que aínda non foi convocada ao afecto.

 

Terceira.

Un dos obxectivos que este proxecto recolle tanto na exposición de motivos como no seu artigo 2 é o de ofrecer unha formación que atenda aos requirimentos de produtividade e competitividade  das empresas e capacitar para o desempeño do emprego cualificado.

 

Este Comité non entende como se pode atender ao dito obxectivo sen incluír especificamente na oferta a formación sectorial e considera, en consecuencia, que debería habilitarse unha liña específica de programación sectorial. Do contrario, estaríase a quitar un dereito de formación para o cal as empresas, ao igual que as persoas traballadoras,  contribúen a través do pago das súas correspondentes cotas.

 

Cuarta.

Nos artigos 29 e 62 utilízanse as letras j e k, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego e Igualdade xustifica o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

 

Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enuncialas. Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

 

Finalmente no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.-Artigo 3. Programas de formación.

Este Comité considera que a elaboración da oferta formativa debería ser competencia das organizacións sindicais e empresarial, xa que son fieis coñecedoras das necesidades reais de cualificación, e non circunscribirse ao catálogo do SEPE nin, aínda menos, ter cabida unha formación exclusivamente certificable.

 

Neste proxecto normativo figura un Anexo VI cuxo contido debería ter sido acordado coas organizacións sindicais e empresarial na Comisión Galega de Formación Continua, Comisión que tería que convocarse antes de remitir este texto para ditame.

 

Segunda.- Artigo 4. Financiamento.

A dotación orzamentaria é claramente deficiente e, a pesar de incrementarse en 550.000€ respecto da orde anterior finalmente publicado no DOG, este Comité segue a considerala insuficiente e entende que se debería incluír a totalidade dos fondos finalistas recadados para este fin.

 

Terceira.- Artigo 12. Determinación do importe da subvención.

Este Comité observa que os módulos económicos aplicables seguen sen ser suficientes e, ademais, considera que se dispersan os recursos noutros programas de formación que deberían estar englobados nesta orde de formación continua.

 

Entendemos que debería prevalecer a calidade das accións formativas sobre a súa execución ao menor custo posible e que os ditos módulos deberían revisarse, como mínimo, en función do recollido na Orde TMS/368/2019 do 28 de marzo pola que se desenvolve o Real Decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o Emprego no ámbito laboral, en relación coa oferta formativa das administracións competentes e o seu financiamento, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvenciones públicas destinadas ao seu financiamento.

 

Cuarta.- Artigo 13. Custos subvencionables.

Este Comité considera que os custos subvencionables deberían adaptarse aos prezos reais de mercado para non prexudicar a calidade da formación nin desincentivar a inversión dos centros e entidades de formación.

 

Quinta. - Artigo 13. Custos subvencionables.

No apartado 3.b.1º deste artigo inclúense, como custos asociados á actividade formativa, os custos de persoal de apoio.

 

Este Comité entende que os custos de persoal deben ser, en todo caso, custos directos dada a natureza das actividades que desempeña este persoal (entre outras, a selección do alumnado) imprescindibles para o desenvolvemento das accións e directamente relacionadas con elas.

 

Sexta.- Artigo 13. Custos subvencionables.

Segundo o apartado 3.b, a suma do custos indirectos non poderá superar o 10% do custo total da actividade formativa subvencionable realizada e xustificada.

 

Este Comité considera este límite absolutamente insuficiente e aleatorio, así como lonxe da realidade de mercado.

 

O mesmo se observa no apartado 2 do artigo 18 respecto da imputación de alugueiros.

 

Sétima.- Artigo 15. Actividades vinculadas á docencia: subconceptos de imputación.

O apartado 2 deste artigo inclúe, entre os custos de docencia, os de preparación.

 

Este Comité propón que se elimine esa inclusión, xa que a preparación é unha labor do persoal de apoio, non de docencia.

 

Oitava.- Artigo 15. Actividades vinculadas á docencia: subconceptos de imputación.

Respecto ao apartado 5, este Comité considera que o control da actividade docente debería ser tido en conta, recoñecido e considerado dentro dos custos directos da acción formativa e dentro das actividades vinculadas á docencia. Ademais, debería ser realizado polo persoal de apoio e coordinación, non polo persoal docente.

 

Novena.- Artigo 18. Custos directos de aluguer e arrendamento financeiro.

Segundo o apartado 2 deste artigo, a imputación de alugueiros entre os conceptos de instalacións e maquinaria non poderá superar o 10% da subvención concedida para a impartición da acción formativa.

 

Este Comité propón que se incremente o dito límite xa que, en moitos casos, resulta insuficiente para cubrir todos os custos directos que xera unha acción formativa por este concepto onde se deben imputar, entre outros conceptos, as aulas ou os sistemas de control biométrico.

 

Décima.- Artigo 24. Custos de persoal de apoio asociados á actividade formativa.

Respecto do previsto no apartado 3 deste precepto, este Comité considera que se debería eliminar o requisito de que a entidade beneficiaria debe crear un sistema de valor probatorio baseado en partes diarios de traballos para o persoal de apoio.

 

A propia natureza dos gastos indica que son gastos indirectos, non directamente imputables a accións formativas concretas ou que poden corresponderse con varias delas ou coa totalidade do plan.

Ou ben se recolle un apartado nos custos directos que teña en conta as tarefas efectivamente realizadas e imputables a unha acción formativa (a listaxe de traballos é longa) ou ben non se esixe unha delimitación tan precisa dunhas tarefas que serían indirectas.

 

En calquera caso, o labor burocrático de realizar partes diarios de traballo alonga ese mesmo traballo innecesariamente e xera problemas engadidos na execución.

 

Décima primeira.- Artigo 30. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

Este artigo relaciona a documentación que debe acompañar á solicitude e inclúe, no seu apartado c), a documentación que acredite que a entidade solicitante está acreditada e/ou inscrita pola administración pública competente, para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral en Galicia nas especialidades formativas obxecto da formación.

 

Este Comité considera que debería aclararse a que tipo de documento se está a referir o devandito apartado xa que o único trámite establecido no Real Decreto-Lei 4/2015 é o de solicitar a inscrición no rexistro para organizar e impartir formación distinta das especialidades previstas no Catálogo de especialidades formativas.

 

Décima segunda.- Artigo 30. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

Segundo o apartado 1.e) deste precepto o programa de formación conterá, entre outros aspectos, “o ámbito territorial de aplicación do programa e ámbito sectorial, de ser o caso”.

 

Este Comité propón suprimir a parte en cursiva xa que os plans transversais van dirixidos a todos os sectores en xeral e, agora que xa non se convocan plans sectoriais, carece de sentido a dita especificación.

 

Décima terceira.- Artigo 34. Criterios de avaliación.

Este Comité considera que, con carácter xeral, os criterios de avaliación deben circunscribirse á idoneidade da programación solicitada en atención ao público e ao territorio a que vai dirixida, á capacidade e experiencia da entidade que a vai executar e á calidade das accións, de xeito que os demais criterios non procederían.

 

Sobre o establecido no apartado 1.g) respecto ás persoas formadoras, este Comité considera que non debería puntuarse especificamente o feito de que aquelas formen parte do cadro persoal xa que non son, necesariamente, persoal estable senón que depende de cada especialidade e da calendarización da programación que impartan.

 

Décima cuarta.- Artigo 34. Criterios de avaliación.

O apartado 1.h) valora con ata 4 puntos a eficiencia económica do plan en función do custo-hora participante previsto.

 

Este Comité considera que non debería ser un criterio a valorar a eficiencia económica atendendo á minoración do custo/hora/alumno, xa que estaría a primar o aforro económico fronte á calidade.

 

Polo tanto, propón que se elimine este criterio e que se primen outros aspectos vencellados á calidade da formación, xa que o que debería primar é atender aos obxectivos da orde e pos resultados da mesma.

 

Décima quinta.- Artigo 34. Criterios de avaliación.

Entre os criterios de valoración non se inclúe o emprego da lingua galega na realización das actividades que soamente se valora como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

 

Este Comité Delegado entende que debería incluírse como criterio de valoración o emprego da lingua galega, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

 

Décima sexta.- Artigo 41. Obrigas en relación coa execución da actividade formativa.

O apartado 11 impón ás entidades a obriga de informar ás persoas participantes en situación de desemprego das axudas e bolsas que poidan solicitar á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral e facilitaralles os modelos de solicitude normalizada así como, se adquiriu o compromiso de remisión telemática,  remitirá á citada Dirección Xeral nos dez primeiros días de cada mes a correspondente documentación de solicitude xunto coa xustificación de asistencia á formación.

 

Este Comité considera que esta imposición obriga ao centro a facerse cargo dunha tarefa que non é competencia súa e que, ademais, non é compensada, xa que se mantén o límite do 10% de gastos asociados independentemente de que asuman esta tarefa. Así mesmo, non é posible coñecer o volume de alumnos que debe ser xestionado nin as tarefas que iso implicará.

 

Décima sétima.- Artigo 41. Obrigas en relación coa execución da actividade formativa.

Segundo o apartado 14, a entidade beneficiaria debe aboar mensualmente ao persoal docente a súa remuneración a través de transferencia bancaria, sen que exima desta obriga o feito de que a entidade non percibise os anticipos previstos na orde.

 

Este Comité considera que sería conveniente que a Administración fixera fronte ás súas obrigas de pago ás entidades beneficiarias coa mesma dilixencia que lles esixe a estas.

 

Décima oitava.- Artigo 42. Especificacións de control de asistencia por razóns de saúde.

O apartado 2 deste artigo establece que, na modalidade de impartición presencial, poderase seguir empregando o control biométrico de asistencia para persoal docente e alumnado mediante pegada dixital sempre que se garanta a seguridade e a hixiene suficiente a través do uso de xeles ou composicións hidroalcohólicas.

 

Este Comité considera que, ademais, se debería prever a limpeza dos dispositivos de control de asistencia conforme á normativa ao respecto.

 

Décima novena.- Artigo 53. Subcontratación.

O inciso final do apartado 3 establece que no caso de que se trate dun arrendamento con carácter permanente, non se considerará subcontratación.

 

Este Comité propón que se elimine o inciso “con carácter permanente”, xa que o arrendamento debería atender ás necesidades reais da actividade e non á antigüidade do contrato.

 

Vixésima.- Artigo 54. Xustificación do valor de mercado.

O primeiro apartado deste precepto establece que se considerará como unha única contratación a entrega de bens ou prestación de servizos realizada por distintos provedores, cando resulte posible a súa contratación conxunta cun único provedor.

 

Este Comité propón que se elimine esa regulación, xa que é contraria á eficiencia económica e á optimización dos custos que parece querer perseguir este proxecto normativo.

 

Vixésima primeira.- Artigo 58. Pagamento e liquidación das subvencións.

Os pagos regulados neste artigo, tanto os anticipos (apartado 2) como o resto do importe (apartado 6), deberían ser obxecto de concreción e calendarización por parte da Administración xa que, de xeito habitual, se veñen dilatando no tempo co consecuente prexuízo para as entidades executoras.

 

Este Comité propón os seguintes prazos máximos para facer efectivos os pagos:

- O primeiro anticipo debería facerse efectivo no prazo dos tres meses seguintes á emisión da resolución de concesión.

- O segundo anticipo debería facerse efectivo no prazo dos tres meses seguintes á acreditación do inicio da actividade formativa.

- O último pago debería facerse efectivo no prazo dos seis meses seguintes á finalización e xustificación da actividade formativa.

 

 

Vixésima segunda.- Artigo 60. Documentación xustificativa.

Segundo o apartado 5, unha vez revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias e sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde, o Servizo de Xestión Administrativa da Promoción laboral da Dirección Xeral de Orientación e Promoción laboral, emitirá certificación para poder facer efectiva a correspondente liquidación da subvención concedida.

 

Este Comité propón que se fixe un prazo máximo para a emisión desa certificación  pola Dirección Xeral.

 

Vixésima terceira.- Artigo 68. Xustificación dos custos directos de publicidade.

Este Comité considera que, no apartado 3 deste precepto, debería facerse referencia exclusivamente ao financiamento da Consellería, polo que propón que se elimine a publicidade do Ministerio competente en materia de emprego.

 

Vixésima cuarta.- Artigo 70. Xustificación dos custos indirectos.

O segundo apartado obriga ás entidades a remitir un certificado asinado polo representante legal da  beneficiaria no que conste, por cada persoa traballadora imputada: o cargo que ocupa, a actividade desenvolvida para o plan de formación, as datas de dedicación a este e o número de horas empregadas, cunha descrición da actividade concreta realizada ou criterios de imputación de custos.

O devandito certificado acompañarase dunha declaración asinada por cada unha das persoas traballadoras incluídas nel, que especifique os días de dedicación, identifique as horas empregadas e describa as tarefas realizadas en cada unha delas.

 

Este Comité  propón que se elimine da certificación o detalle das tarefas por consideralo excesivo, ineficiente e desproporcionado, ao igual que a esixencia do artigo 14.4 de asinar partes diarios.

 

Moitas das tarefas son reiterativas polo que esta obriga incide nunha maior carga burocrática que non aporta ningunha evidencia.

 

Vixésima quinta.- Artigo 77. Rateos por diminución de alumnado.

Este Comité propón que se flexibilicen os rateos contidos neste artigo en función da realidade do desenvolvemento das accións e que se teñan en conta, en todo caso, os gastos xa ocasionados polos alumnos cesantes.

 

Vixésima sexta.- Artigo 78. Incumprimentos e reintegro.

Este Comité considera que se debería aclarar, respecto do apartado 2, a fórmula concreta do 25% dos obxectivos, xa que ter en conta o alumnado finalizado para penalizar ás entidades beneficiarias non parece moi axeitado ao penalizarse unha situación totalmente allea a elas.

 

 

ANEXO I

 

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA, E S.N. DE CCOO DE GALICIA:

 

Artigo 34. Criterios de avaliación.

En relación coa consideración específica unánime décima quinta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar a maiores, o seguinte:

 

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

 

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde  non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea.

 

 

 

ANEXO II

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Primeira.- Artigo 7. Modalidades de impartición.

A CEG considera que a teleformación constitúe unha modalidade que facilita o acceso á formación a aqueles colectivos con maiores dificultades para conciliar a súa formación con outras obrigas, polo que aínda que valora positivamente o feito de que no novo proxecto se incorpore a posibilidade de levar a cabo a formación de xeito telemático,  propón que non se descarte esta opción cando se trata de accións relativas a certificados de profesionalidade, cuxa duración e ampla, nunha convocatoria destinada prioritariamente a persoas que se atopan en activo.

 

Así mesmo, os centros viñeron adaptando as súas accións ás novas tecnoloxías co obxectivo de dar unha facilidade de acceso maior a todas as  persoas interesadas en formarse, polo que non parece razoable limitar esta modalidade, especialmente para as persoas ocupadas, cuxa dispoñibilidade é menor.

 

Segunda.- Artigo 9. Módulo formativo transversal.

Segundo o apartado 1, para dar cumprimento ao establecido no artigo 26 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposición legais da Comunidade Autónoma en materia de igualdade, na totalidade das actividades formativas de formación profesional para o emprego ou de inserción laboral activa financiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria introducirase un módulo formativo transversal sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica.

 

A casuística do alumnado do últimos anos indica que este módulo xa foi cursado por unha gran maioría e, en consecuencia, están exentos de realizalo.

 

A CEG propón que se permita substituír o dito módulo sobre igualdade por outro, a proposta do centro e previa autorización, para que o custo sexa aproveitado en accións de formación máis idóneas.

 

Así mesmo, para a acreditación documental de ter realizado dito módulo, non debería ser preciso presentar o diploma ante a Administración, xa que ela é a encargada de expedilo.

 

Terceira.- Artigo 53. Subcontratación.

Respecto do apartado 2 e en relación á modalidade de contratación da docencia, a CEG propón que se contemple a posibilidade de contratación con empresas docentes tal e como se recolle no proxecto de Real Decreto polo que se desenvolve a Lei 30/2015 e, segundo o cal, “a contratación pola entidade adxudicataria do persoal docente non se considerará subcontratación. Por contratación de persoal docente enténdese, a estes efectos, tanto a contratación de persoas físicas como a contratación de entidades que proporcionen o persoal docente requirido”.

 

Chama a atención o feito de que si se permita a contratación dun docente a través dun contrato mercantil, pero non a dunha empresa especializada que poida impartir docencia, polo que se pon de manifesto unha situación de desvantaxe competitiva  para a prestación do dito servizo.

 

A CEG non considera razoable que non se teña en conta a posibilidade de recorrer a unha entidade especializada que, nunha materia específica, pode aportar docentes acreditados para a súa impartición, cando a norma estatal si o prevé.

 

Cuarta.- Artigo 41. Obrigas en relación coa execución da actividade formativa.

O apartado 15 obriga ás entidades beneficiarias a dispoñer dun sistema de control biométrico para o seguimento e control do alumnado e do persoal docente, compatible co sistema establecido polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

 

A CEG considera que se debería flexibilizar o emprego doutros sistemas de control de presenza, en particular o uso de control de firma manuscrita, tendo en conta as circunstancias nas que se vai a desenvolver a formación o vindeiro ano por mor da situación derivada do COVID-19.

 

ANEXO III

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

Primeira.- Artigo 30. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

A CIG propón eliminar o ítem 7 do apartado 1.e) deste artigo, segundo o cal o programa de formación debe incluír a anualidade prevista, total ou parcial, de ser o caso, indicando o número de horas imputadas a cada anualidade, para a realización de actividades formativas.

A CIG non comparte que se esixa presentar ese dato no momento da solicitude xa que as circunstancias poden variar entre o momento da presentación da solicitude e o de inicio da actividade formativa e esta obriga dará lugar, na práctica, ao abandono de cursos por imposibilidade de execución.

Segunda.- Artigo 34. Criterios de avaliación.

O apartado 1.e) deste precepto valora con ata 5 puntos o investimento tecnolóxico da entidade no momento da presentación da solicitude.

A CIG propón suprimir este criterio como avaliable, xa que non consideran que se trate dun criterio que poida ser obxecto dunha medición exacta, comprobable e obxectiva.

 

Número ditame
34