I. ANTECEDENTES
O día 4 de novembro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego, da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao financiamento do “Programa de primeira experiencia profesional nas administracións públicas”, de contratación de persoas mozas desempregadas no seo dos servizos prestados pola administración pública galega, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, esta orde regula o programa de primeira experiencia profesional nas administracións públicas, e establece as bases que han de rexer a concesión de subvencións públicas destinadas a financiar o devandito programa.
O «Programa de primeira experiencia profesional nas administracións públicas» supón un apoio operativo ao obxectivo estratéxico de mellorar a empregabilidade das persoas mozas destinatarias finais do Investimento 1, «Emprego Xove», incluída no Compoñente 23 «Novas políticas públicas para un mercado de traballo dinámico, resiliente e inclusivo», encadrado na política panca VIII «Nova economía dos coidados e políticas de emprego» do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Ao tratarse dun proxecto novo non hai orde nin ditame anterior.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
O artigo 1, parágrafo primeiro establece que a presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia non competitiva das subvencións do “Programa de primeira experiencia profesional nas administracións públicas
Así mesmo, no parágrafo terceiro se establece que “será obxecto das subvencións reguladas na presente norma, a contratación de persoas mozas desempregadas, maiores de 16 e menores de 30 anos, na modalidade de contrato en prácticas por parte das entidades que integran o sector público autonómico de Galicia...”
O artigo 3, persoas e entidades beneficiarias, establece que poderán ser entidades beneficiarias da subvención os órganos da Administración da Xunta de Galicia e os seus organismos autónomos, así como as demais entidades que integran o sector público autonómico de Galicia segundo o artigo 3 da Lei 16/2010, de 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Segundo o artigo 5, a actividade subvencionada consistirá na contratación de contrato en prácticas das persoas destinatarias, como medio de adquisición de práctica profesional.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao financiamento do “Programa de primeira experiencia profesional nas administracións públicas”, de contratación de persoas mozas desempregadas no seo dos servizos prestados pola administración pública galega, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022”, consta de: exposición de motivos, vinte e catro artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 22 de novembro de 2021 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Así mesmo, como anexo I, contén unha consideración xeral de carácter non unánime sobre a valoración da norma manifestada polas organizacións sindicais e, como anexo II, unha consideración xeral manifestada pola CIG.
| DITAME 51/2021 |
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao financiamento do “Programa de primeira experiencia profesional nas administracións públicas”, de contratación de persoas mozas desempregadas no seo dos servizos prestados pola administración pública galega, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de novembro de 2021, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de novembro de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira. – Artigo 3. Persoas e entidades beneficiarias da subvención
O enunciado do artigo refírese a persoas en entidades beneficiarias, mentres que o contido do mesmo refírese exclusivamente a entidades beneficiarias.
Segunda. – Artigo 5. Actividade subvencionada.
No apartado primeiro do artigo 5, na letra c) o Comité considera que os contratos debería de ter unha maior duración para garantir a estabilidade.
No apartado primeiro do artigo 5, na letra d) o Comité considera que falta regulación sobre a acreditación da formación referida.
No apartado primeiro do artigo 5, na letra e) o Comité considera que habería que garantir uns mínimos da conciliación á que se refire esta letra.
Terceira. – Artigo 11. Prazo de presentación das solicitudes.
O artigo concede un prazo para a presentación das solicitudes de dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación no DOG.
Este Comité considera que sería máis axeitado establecer un prazo máis amplo de 30 días hábiles.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:
Primeira.
En relación co parágrafo segundo da exposición de motivos do proxecto normativo que se somete a ditame, as organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello consideran que a frase “no eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia” é superflua e, ademais, é impropia nunha norma xurídica.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CIG
Consideración xeral:
Entendendo que se pretende facilitar unha experiencia laboral a persoas que carecen da mesma o deseño desta orde debera ir enfocado non tanto ás administracións públicas como senón a entidades ou empresas.
Ao noso pensar, as Administracións deben ter outro tipo de programas para promover a mellora da empregabilidade e para o fomento da inserción laboral e que non deben depender deste tipo de axudas (a través de contratos en prácticas) que entendemos nos fan mais que ofertar man de obra barata as administracións.
Rexeitamos a filosofía que está detrás de esta orde que encubre as responsabilidades da Administración a necesidade da mesma de abrir procesos de selección para reforzar os sevizos públicos e de solucionar os problemas de prestación de servicios polas carencias de persoal.