Ir o contido principal

Ditame 41/21

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para os anos 2022 e 2023.
I. ANTECEDENTES

O día 18 de outubro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para os anos 2022 e 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

As cooperativas, xunto con outras entidades entre as que se atopan as sociedades laborais, forman parte da denominada economía social nos termos en que a define a Lei 6/2016, do 4 de maio, de economía social de Galicia; é dicir, como o conxunto das actividades económicas e empresariais que no ámbito privado levan a cabo aquelas entidades que perseguen ben o interese colectivo das persoas que as integran, ben o interese xeral económico ou social, ou ambos.

Segundo establece a exposición de motivos do proxecto normativo, “as axudas nel recollidas forman parte da actividade de fomento da economía social despregada pola Xunta de Galicia para incentivar a realización de actividades de promoción e formación, por parte de entidades que se incorporen á Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior (publicado no DOG o día 21 de xaneiro de 2021) e o ditame emitido polo Consello con data 18 de outubro de 2020 (Ditame 22/2020), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destacan as modificacións:

En canto aos criterios obxectivos de concesión, recollidos no artigo 19, cómpre sinalar que a relevancia dos efectos esperados, tendo en conta a súa capacidade de impacto e, especialmente, a súa potencialidade para xerar emprego, singularmente emprego feminino e nos colectivos máis desfavorecidos valórase con ata 5 puntos, mentres que na orde anterior se podían outorgar ata 10 puntos. Isto mesmo acontece co carácter innovador das actividades propostas en canto ao seu obxecto, finalidade ou metodoloxía, así como a idoneidade e coherencia do seu deseño para acadar a finalidade pretendida.

Engádese un novo criterio, valorado con 5 puntos, para o caso de que se trate de actividades formativas dirixidas ao emprendemento na economía social para persoas menores de 30 anos.

Pola súa banda, o apartado g) segue a recoller a presentación conxunta de solicitudes como criterio avaliable; pero este novo proxecto engade a posibilidade de sumar 5 puntos adicionais no caso de que algunhas das participantes nesa solicitude conxunta sexan determinadas entidades.

Entre a documentación xustificativa para o pagamento que require o artigo 28, está a relación de facturas e outros documentos xustificativos dos gastos realizados. Na orde anterior recollíase de xeito específico o contido e forma desta relación, mentres que na actual orde fai referencia a un modelo publicado na web da Consellería de Emprego e Igualdade ao que se debe adecuar a dita relación.

Finalmente, cómpre destacar o incremento do orzamento asignado a estas axudas en 49.000€ (artigo 37).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para os anos 2022 e 2023” consta de: Exposición de motivos, trinta e oito artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.

O día 27 de outubro de 2021 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén 1 consideración xeral e sete consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais CIG, S.N. de CCOO de Galicia e UGT-Galicia.

 

 

DITAME 41/2021

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para os anos 2022 e 2023, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de outubro de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de novembro de 2020, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 Nos artigos 25 e 28 utilízanse na clasificación as letras “j” e “k”.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Por outra banda, obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 Primeira.- Artigo 8. Gastos subvencionables.

Este Comité considera que debería engadirse un apartado específico onde se concrete que será subvencionable o custo das persoas profesionais que puidesen ser necesarias para atender a persoas con determinadas discapacidades (por exemplo, unha persoa intérprete da linguaxe de signos), sempre que sexa necesario para desenvolver a actividade subvencionada e estea debidamente xustificada a necesidade.

Segunda.- Artigo 9. Contía das axudas.

Segundo o apartado 2, os gastos de material, papelería e fotocopias será elixible ata o límite de 8 euros por cada alumno/a [sic].

Este Comité considera que debería actualizarse a contía das axudas en relacións ao IPC, xa que a dita contía non se incrementou desde hai 6 exercicios.

Terceira.- Artigo 10. Incentivo adicional.

O apartado 2 fixa un incentivo máximo de 1.000 euros por cada entidade de economía social constituída, cun máximo de 10.000 euros por entidade beneficiaria.

Este Comité entende que ese límite pode frear a actividade cooperativa.

Cuarta.- Artigo 19. Criterios obxectivos de concesión.

Entre os criterios de valoración non se inclúe o emprego da lingua galega na realización das actividades.

Este Comité Delegado entende que debería incluírse como criterio de valoración o emprego da lingua galega, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Quinta.- Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias.

Segundo o disposto no apartado 1.d) deste artigo, a entidade beneficiaria debe estar ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter algunha débeda pendente, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Sexta.- Artigo 27. Xustificación e pagamento.

Segundo o apartado 11 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres as entidades beneficiarias sexan debedoras en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

Este Comité considera que a dita resolución de procedencia de reintegro debería ter carácter firme, do mesmo xeito que figura noutras ordes.

Sétima.- Artigo 36. Xustificación das accións subvencionadas.

O apartado 2 deste precepto establece que o prazo límite para xustificar as accións realizadas ata o 31 de outubro de 2022, será o 31 de outubro de 2022.

Este Comité considera que se debería ampliar o prazo de xustificación, tendo en conta o prazo de finalización da execución.

 

ANEXO

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG,  S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA:

 Artigo 19. Criterios obxectivos de adxudicación das subvencións.

En relación coa consideración específica unánime cuarta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea.

 

Número ditame
41