Ir o contido principal

Ditame 44/23

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-Economía Social) e se convocan para o ano 2024
  1. ANTECEDENTES

 

O día 9 de novembro de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social) e se convocan para o ano 2024. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos: “as empresas de economía social e singularmente as cooperativas, demostraron a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente activar suficientemente as súas potencialidades de emprendemento e autoemprego.

 

As subvencións establecidas nesta orde intégranse dentro das accións que a Consellería de Emprego e Igualdade pretende levar a cabo para conseguir un axeitado desenvolvemento en materia de economía social, no que respecta ao fomento do emprego e mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais, de xeito que redunde en beneficio e mellora do eido económico e socio-laboral da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Esta orde reflicte tamén a especial preocupación pola necesidade de incrementar o nivel de emprego da xuventude galega, elemento esencial de cara a conseguir unha adecuada inclusión social a longo prazo”.

 

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2023, publicada no DOG o día 10 de febreiro de 2023, e o ditame emitido polo Consello con data 9 de decembro de 2022 (ditame 44/2022), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións  manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial, de carácter formal.

 

 

O novo proxecto normativo soamente contén unha modificación salientable respecto á orde anterior:

 

En canto ao financiamento, obsérvase no artigo 39 un incremento de 700.000€ no orzamento previsto para o exercicio de 2024. No caso do programa I o crédito aumenta en 400.000€ e no caso do programa II aumenta en 300.000€.

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social) e se convocan para o ano 2023” consta de: Exposición de motivos, corenta artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais

 

 

O día 20 de novembro de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e cinco consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica non unánime manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello.

 

 

 

DITAME 44/2023

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-Economía Social) e se convocan para o ano 2024, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de novembro de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de novembro de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

 

 

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.

A pesar de que o ano anterior se achegaron xunto coa resposta ao ditame 44/2022, este Comité reitera a necesidade de que se acheguen, xunto co borrador de orde, os datos estatísticos de execución da orde do exercicio anterior, aínda que sexan datos provisionais, xa que a súa ausencia imposibilita valorar aspectos como a distribución de créditos entre os dous programas que conforman esta norma.

 

En consecuencia, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio 2021 que deben acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:

 

-             Número de solicitudes presentadas

-             Número de persoas traballadoras, desagregadas por sexos, afectadas por esas        solicitudes.

-             Número de solicitudes resoltas favorablemente

-             Número de persoas traballadoras, desagregadas por sexos, afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

 

Segunda.

Nos artigos 5, 11, 26, 27 e 32 emprégase na clasificación as letras j e k.

 

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Consellería, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Por outra banda obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024.

 

O mesmo se observa respecto das disposicións finais.

 

Ademais, no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE),  e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.-  Artigo 5. Definicións.

Nas letras k) e l) recóllense aspectos procedimentais que non encaixan neste artigo, onde unicamente se deberían recoller definicións, o cal debería ter sido modificado nesta convocatoria, tal e como se prevía na resposta remitida pola Consellería respecto desta mesma consideración no ditame 44/22, emitido sobre esta orde para o exercicio de 2023.

 

Segunda.- Artigo 17. Xustificación e pagamento.

O apartado 8 deste precepto recolle a modalidade de pagamento único pola totalidade.

 

Este Comité considera que debería preverse un réxime de anticipos igual que se fai respecto doutros tipos de axudas, especialmente neste caso, xa que se trata de fomentar o emprendemento en economía social, xa que a norma vai máis alá das dinámicas establecidas polas persoas que están en cada momento.

 

Terceira.- Artigo 19. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.

No apartado c) deste artigo establécese como obriga das beneficiarias “estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda”.

 

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

 

Este Comité quere poñer en relación esta consideración co contido do artigo 10, onde se regula a emenda das solicitudes.

 

Cuarta.- Artigo 20. Reintegro e perda do dereito ao cobramento da subvención.

Este Comité propón levar a cabo unha revisión deste artigo  xa que a numeración e estrutura empregados no mesmo pode resultar confuso.

 

Quinta.- Artigo 28. Obrigas das entidades beneficiarias.

Obsérvase que os artigos 6 e 19 fan referencia, no seu título, a persoas e entidades beneficiarias, considerando este Comité que a mesma referencia debería incluír este artigo 28 o seu título.

 

 

ANEXO

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

 

Artigo 28. Obrigas das entidades beneficiarias.

 

Os apartados 1 e 3 deste artigo, así como o apartado 1 do artigo 34, obrigan ás entidades beneficiarias a manter determinadas condicións por un período mínimo de dous anos.

 

As organizacións sindicais consideran que estas condicións deberíanse manter durante un período mínimo de cinco anos, para ser coherente coas mesmas consideracións feitas a outras liñas de axuda da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

 

 

Número ditame
44