Ir o contido principal

Ditame 16/21

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 e o Programa II , de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.
  1. ANTECEDENTES

O día 15 de abril de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado  parcialmente con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia  2014-2020  e o Programa II , de  axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos: “co obxectivo de favorecer a creación de novos empregos estables, a inserción laboral de persoas en desemprego e contribuír ao desenvolvemento e crecemento das pequenas unidades produtivas, deséñase un programa específico para apoiar e incidir naquelas persoas traballadoras autónomas e persoas profesionais que con potencialidade para crear emprego non adoptan tal decisión polo risco ou carga que pode supoñer a contratación das súas primeiras persoas traballadoras e o cambio de dimensión do seu negocio”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2020 (publicado no DOG o día 3 de febreiro de 2020) e o ditame emitido polo Consello con data 2 de decembro de 2019 (Ditame 50/2019), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións sobre o fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial. Tamén se tivo en conta, parcialmente, unha das consideracións de carácter formal.

 Do novo texto cómpre destacar as seguintes novidades:

O crédito asignado ao programa I increméntase en 272.381€, mentres que o asignado ao programa II redúcese en 350.000€ (artigo 4).

Neste mesmo artigo prevese agora que a distribución provincial dos créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas sexa directamente proporcional á  porcentaxe do paro rexistrado en cada provincia a 31 de decembro de 2020, segundo os datos de paro rexistrados do Servizo Público de Emprego de Galicia (para o programa I) ou directamente proporcional ao número de persoas autónomas dadas de alta en cada provincia a 31 de decembro de 2020 (para o programa II).

Respecto á contía das axudas, obsérvase en ambos programas a inclusión dun novo suposto que dá lugar ao incremento da contía nun 25%: cando se trate dunha profesión ou oficio en que a muller esté subrepresentada (artigos 20 e 38).

Pola súa banda, o artigo 39 recolle os supostos de exclusión dos beneficios e obsérvase que xa non están excluídos os contratos realizados con persoas que nos 24 ou 3 meses anteriores á data da contratación, segundo os casos, prestasen servizos na mesma empresa. Tampouco se exclúe xa ás persoas que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención.

Finalmente, no programa II obsérvase que se elimina a obriga de que as contratacións, para ser subvencionables, se teñan que formalizar nos tres primeiros anos de actividade (artigo 30).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado  parcialmente con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia  2014-2020  e o Programa II , de  axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021” consta de: Exposición de motivos, corenta e oito artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 23 de abril de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e sete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións non unánimes seguintes: unha xeral e catro específicas manifestadas por UGT- Galicia, SN de CCOO de Galicia e a CEG (Anexo I) e dúas específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).

 

 

DITAME 16/2021

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado  parcialmente con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia  2014-2020  e o Programa II , de  axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de abril de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de abril de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.

Este Comité considera que se debería recuperar a liña de axuda que subvencionaba a asistencia técnica, independentemente da natureza dos fondos con que se financie.

Segunda.

Obsérvase unha redución global do orzamento asignado a estas axudas que ascende a 77.619 euros.

Este Comité non comparte a mingua experimentada no orzamento e considera que, en atención ao tipo de axudas reguladas neste texto normativo, se incremente a contía orzamentada.

 Terceira.

Este Comité propón que se revise ao longo do texto do proxecto normativo a terminoloxía empregada ao referirse ás persoas destinatarias da subvención; fálase indistintamente de persoas beneficiarias ou interesadas ou de entidades beneficiarias cando a referencia debe facerse, en todo caso, as persoas autónomas beneficiarias ou interesadas.

Cuarta.

Obsérvase que nos artigos 19, 23, 30 e 41 emprégase a letra j na clasificación.

Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

No artigo 4.5 faise referencia ao número de autónomos dados de alta en cada provincia, cando o correcto sería falar de persoas autónomas dadas de alta en cada provincia para respectar a linguaxe igualitaria.

Pola súa banda, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

 

Primeira.- Artigo 5. Definicións.

A pesar do título deste artigo, obsérvase que nel se entremezclan definicións con temas procedimentais que non encaixan, polo tanto, dentro deste artigo.

Este Comité propón que o segundo parágrafo do apartado 1 deste precepto se recolla noutro artigo, xa que enxerido no medio das definicións pode pasar desapercibido polas persoas autónomas beneficiarias.

Segunda.- Artigo 21. Presentación das solicitudes.

Respecto do Programa I, este artigo fixa como data límite para presentar as solicitudes o 30 de setembro de 2021. O mesmo prazo máxima fixa, con carácter xeral, o artigo 31 para o Programa II.

Este Comité considera que estes prazos deben ser ampliados xa que, tendo en conta a data na que se está procedendo a tramitar o proxecto normativo, é previsible que o período desde a data de publicación da orde ata a finalización do prazo establecido poida resultar escaso.

Terceira.- Artigo 22. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

No apartado 4 deste artigo disponse que  “Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedor por resolución de reintegro”.

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible; propón, así mesmo, que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

 Cuarta.- Artigo 28. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.

O apartado 4 deste precepto recolle os supostos no que procede o reintegro total da axuda polo incumprimento das obrigas recollidas na aliña g) do artigo 27.

Este Comité considera que ese reintegro debería ser proporcional ao tempo que reste para o cumprimento desas obrigas, e propón que este apartado se integre no apartado que regula os supostos de reintegro parcial.

Quinta.- Artigo 28. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.

Segundo o apartado 10, “procederá ao reintegro do 5% da axuda concedida no caso do incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles”.

Este Comité considera que esa sanción é desproporcionada, polo que propón que se rebaixe a porcentaxe de reintegro recollida.

Sexta.- Artigo 29. Obxecto dos bonos de contratación por conta allea e formación.

O apartado 2.b alude ao bono de formación dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde. A continuación o artigo 30 sinala que poderán ser beneficiarias das axudas reguladas por esta orde as persoas traballadoras autónomas pola primeira contratación.

En consecuencia, este Comité considera que se debería substituír a redacción do antedito apartado 2.b) pola que segue: “b) Bono formación dirixido ás persoas traballadoras autónomas que contraten persoal por medio desta orde”.

 Sétima.- Artigo 44. Accións subvencionables e requisitos.

Segundo o apartado 1 deste artigo, as persoas autónomas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras subvencionadas por medio do programa de contratación.

Este Comité considera que o correcto sería facer referencia aos contratos subvencionados mediante os cales se emprega a esas persoas.

 

ANEXO I

 

 CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

 

CONSIDERACIÓN XERAL

As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais.

Xa que logo, eses recursos públicos deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:

1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

            2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.

            3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

 

Primeira.- Artigo 29. Obxecto dos bonos de contratación por conta allea e formación.

As organizacións sindicais cuestionan a utilización do bono de formación recollido no apartado 2.b) como instrumento para mellorar a formación das persoas traballadoras contratadas ao abeiro desta orde, xa que non garante a calidade da dita formación nin o acceso en igualdade a ela.

Formúlase a mesma consideración para todos os artigos que desenvolven este programa na Sección 3ª.

Segunda.- Artigo 34. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 2 deste artigo dispón que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán,en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 80% do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o conxunto dos incentivos non deberían superar, en ningún caso, unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada, en coherencia co manifestado noutros ditames.

 Terceira.- Artigo 42. Obrigas das persoas beneficiarias.

O apartados 1 e 2 deste artigo obrigan á persoa beneficiaria a manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada por un tempo mínimo de dous anos e no suposto da segunda e terceira contratación indefinida subvencionada, a persoa beneficiaria está obrigada a  manter  durante dous anos a contar desde a data  da realización da contratación subvencionada, o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal, respectivamente.

As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, xa que se da o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que se debería incrementar ata cinco anos o referido período.

Cuarta.- Artigo 46. Contía dos incentivos e condicións da percepción.

As organizacións sindicais consideran que é esaxerada a contía do incentivo por unha formación incontrolada e que, polo tanto, debería reducirse.

 

ANEXO II

 

 CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

 

Primeira. – Artigo 19. Persoas beneficiarias.

A CEG propón que a posibilidade de beneficiarse desta axuda se faga extensible a aquelas persoas que desempeñen un traballo por conta allea inferior a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais, sempre que cumpran os demais requisitos de acceso esixidos no proxecto normativo co obxecto de que poidan crear o seu propio posto de traballo.

Segunda. – Artigo 43. Reintegros nos bonos de contratación.

No apartado 2 deste artigo estipula que cando as substitucións se realices transcorrido o prazo establecido no artigo 42.3, entenderase que se produce un incumprimento parcial. Neste caso, a contía que se reintegrará será a correspondente aos meses nos que o posto estivese vacante.

A CEG propón que se modifique a redacción para que o sistema de cálculo prevexa a devolución exclusivamente pola parte do mes na que o posto estivo vacante, de xeito que se faga referencia aos días nos que o posto estivo vacante e non aos meses.

 

Número ditame
16