Ir o contido principal

Ditame 17/23

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2023-2025 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, para o exercicio 2023.

I. ANTECEDENTES

O día 16 de maio de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Colocación, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2023-2025 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, para o exercicio 2023.

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, “o obxectivo desta orde consiste en axilizar o proceso de concesión de subvencións e axustar ao máximo posible o momento no que xorden as necesidades de contratación ás que vai dirixida a formación, facilitando así a creación de emprego de xeito inmediato mediante a contratación directa dunha porcentaxe das persoas desempregadas formadas, ligando, en consecuencia, formación e emprego, e permitindo crear postos de traballo especializados e sustentables”, engadindo que “a presente norma vencella de xeito directo formación e emprego, asociando a necesidade da empresa de contar con persoas traballadoras cualificadas e adaptadas ás súas formas de produción, coa procura activa de emprego por parte das persoas traballadoras desempregadas”.

Respecto da mesma resolución para o exercicio anterior, cómpre destacar os seguintes aspectos:

En primeiro lugar, obsérvase a supresión da Liña II de axudas que recollía a orde anterior, de infrarrepresentación feminina destinada a impartir accións formativas con compromiso de contratación dirixidas a mulleres desempregadas, correspondentes a aquelas ocupacións en que exista infrarrepresentación feminina.

O artigo 15 establece que o procedemento de concesión destas axudas será o de concorrencia non competitiva, a diferenza do previsto na orde anterior que recollía varios criterios a teren conta na valoración das solicitudes presentadas.

O prazo de resolución das solicitudes redúcese de 3 meses a un mes, segundo o artigo 17.

Tamén se reduce (de 7 a 5 días hábiles antes do inicio da acción formativa) o prazo para incorporar ao aplicativo SIFO a información que relaciona o artigo 21.2.

O artigo 27 é unha novidade, e regula os requisitos que debe cumprir a entidade beneficiaria respecto da difusión das accións formativas.

En canto ao financiamento, obsérvase unha minoración do orzamento global de 10.851.666€ (artigo 43).

O artigo 44 esixe un compromiso de contratación do 60% do alumnado aprobado e/ou formado, mentres que a orde anterior esixía un 40%.

En canto ao prazo de presentación de solicitudes, a orde anterior fixaba un mes desde a entrada en vigor da norma. No novo proxecto o prazo remata o día 30 de setembro de 2023 (artigo 45).

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para pola que establecen as bases para o período 2022-2024 e se convocan axudas para o exercicio 2022-2023, publicado no DOG o día 18 de maio de 2022 e o ditame emitido polo Consello con data 6 de abril de 2022 (Ditame 7/2022), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións xerais de carácter formal manifestada polas organizacións sindicais e empresarial.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2023-2025 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, para o exercicio 2023” consta de: Exposición de motivos, corenta e oito artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 24 de maio de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais de carácter unánime e tres consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de empresarios de Galicia.

Así mesmo contén, como anexo, tres consideración xerais e dúas específicas de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais.

DITAME 17/2023

En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2023-2025 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, para o exercicio 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de maio de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
A pesar de que en 2022 se recibiu xunto coa resposta remitida ás consideracións contidas no ditame 7/22, este comité reitera a necesidade de que se lle envíe, xunto co proxecto normativo e restante documentación, a folla estatística da execución da anterior orde.

Segunda.
As bases reguladoras contidas nesta orde son aplicables para o período 2023-2025.

O comité de ditames entende que as bases reguladoras deben de ter vocación de continuidade no tempo e que debería evitarse a publicación de novas bases reguladoras por cada período temporal das novas convocatorias, polo tanto deberían ter vocación de permanencia non vinculada a cada convocatoria para facilitar a aplicación das bases sen cambios e abarcar un espectro temporal maior.

Terceira.
O capítulo VI da presente orde titúlase “Primeira convocatoria”.

O comité de ditames considera que debería titularse “Primeira convocatoria para o exercicio 2023”, para que quede especificado o período que comprende.

Cuarta.
Este Comité observa que neste proxecto normativo utilízanse as letras j e k nos artigos 8 e 38, que son impropias do alfabeto galego.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Desde a Consellería de promoción do Emprego e Igualdade tense xustificado o emprego das ditas letras facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que non necesariamente sexan coincidentes en galego e castelán.

Obsérvase tamén que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

O mesmo se observa respecto das disposicións finais.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
O artigo 6.6 establece que non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde, aquelas nas cales concorran algunhas das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 6.7 da Orde TMS/368/2019, de 28 de marzo”.

O artigo 10.1, nos apartados c, d e e, establece que non poderán obter a condición de beneficiario as entidades que non estean ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social o ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos que regulamentariamente se determinen.

Este comité propón que se recolla a posibilidade de subsanar a débeda no caso de que a entidade beneficiaria non sexa coñecedora da súa existencia.

Segunda.-Artigo 21. Medios de execución das accións formativas.
O apartado 8 do artigo 21 establece que “As empresas beneficiarias non poderán exceder os límites na imputación de custos relativos á subcontratación da docencia a través dun servizo externo. A estes efectos será de aplicación o disposto na normativa vixente en materia de contratación pública, no senso de fixar como límites máximos as porcentaxes recollidas no artigo 131.1, letras a) e b), gastos xerais de estrutura, do Real Decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas”.

O comité suxire que se expliciten os límites máximos aos que se refire o parágrafo anterior na propia orde.

Terceira.-Artigo 43. Financiamento.
Este Comité considera que se debería motivar a diminución de 10.851.666€ experimentada no orzamento total asignado a estas axudas.

ANEXO

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG,SN. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA:

Consideracións xerais

Primeira.
As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais.
Xa que logo, eses recursos públicos deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.
Segunda.
Entendemos que o obxectivo último e real deste proxecto normativo é a transferencia de recursos económicos do Erario a determinadas empresas, simplemente porque estas cumpran coa súa obriga legal de formar ao persoal no desempeño laboral que elas precisen, polo que se deturpa claramente a función legal de adicar os recursos públicos e as cotizacións para Formación Profesional das persoas traballadoras e do conxunto das empresas, ás súas finalidades naturais.

Débese ter presente que as empresas privadas xa teñen acceso á formación para o emprego nas súas diferentes convocatorias e ao traveso da formación bonificada para persoas ocupadas.

Por outro lado, resulta sorprendente a alta flexibilización dos criterios e requisitos de impartición, execución e xustificación para esta e outras liñas subvencionais dirixidas en exclusiva á empresa privada, con respecto a rixidez que se manifesta nas normas que regulan as convocatorias de accións formativas de alcance máis xeral.

Finalmente, consideramos que a regulación do “novo modelo de formación” que prevé legalmente a participación determinante dos interlocutores sociais máis representativos no deseño e a planificación da formación, non se está a respectar na tramitación deste proxecto normativo.

Terceira.
As organizacións sindicais que integran o Consello lembra que o criterio unánime deste comité de ditames manifestado en diversos ditames anteriores é que "non atopa moito sentido nin xustificación á segregación desta Orde, cando podería quedar perfectamente regulada a través da orde xeral de Accións Formativas para persoas traballadoras desempregadas, como vía de programación específica".

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
Na redacción deste artigo non se recolle o requisito, que aparecía en ordes anteriores, de que as empresas empreguen a cincuenta ou máis persoas traballadoras en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia para poder ser beneficiarias das axudas recollidas neste proxecto de orde.

Así mesmo, tampouco se recolle, como se facía en ordes anteriores, a previsiónde que “non poderán ser beneficiarias as empresas ou agrupacións que reducisen o número total de persoas traballadoras nin o número total de persoas traballadoras con contrato indefinido no período dos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da subvención”, salvo nunha serie de casos exceptuados.

As organizacións sindicais propoñen que se recuperen ambas previsións.

Segunda.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
O artigo 6.3, no seu parágrafo dous, establece que tampouco poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde de bases as empresas e entidades que, nos seis meses anteriores á solicitude, reduciran o seu cadro de persoal nunha porcentaxe igual ou superior ao 15%. Para estes efectos só se terán en conta as persoas con contrato indefinido, non sendo computables as extincións de contrato por causas obxectivas ou despidos disciplinarios declarados ou recoñecidos como procedentes, nin as baixas producidas por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.

Número ditame
17