- ANTECEDENTES
O día 11 de novembro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo se establece na exposición de motivos, “o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, polo que a Xunta de Galicia aposta por impulsar o traballo autónomo, como un xeito máis de incorporación ao mercado de traballo, motivo polo que se establecen estas axudas sen concorrencia entre as persoas solicitantes”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no DOG o día 24 de setembro de 2021 e o ditame emitido polo Consello con data 12 de xullo de 2021 (Ditame 27/2021), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
A única novidade destacable neste proxecto, respecto da orde de axudas publicada para o exercicio anterior, é que engade uns requistos específicos que deben concorrer nas persoas beneficiarias do Bono Autónomo Concilia II, Bono Autónomo servizo para o coidado de menores e Bono Autónomo servizo para o coidado de maiores ou dependentes (artigo 6).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022” consta de: Exposición de motivos, vinte e seis artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 29 de nvembro de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral non unánime manifestada polas organizacións sindicais CIG, S.N. de CCOO de Galicia e UGT- Galicia (Anexo I) e unha xeral non unánime manifestada pola CIG (Anexo II).
|
DITAME 57/2021
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022”, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de novembro de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de noevmbro de 2021 , acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira
Este Comité propón que se revise ao longo do texto do proxecto normativo a terminoloxía empregada ao referirse ás persoas destinatarias da subvención; fálase indistintamente de persoas ou entidades beneficiarias ou interesadas cando a referencia debe facerse, en todos os casos, ás persoas autónomas ou entidades beneficiarias ou interesadas para que a redacción sexa máis ampla e clara.
Segunda
Este Comité propón unha revisión do texto sometido a ditame cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva, xa que se observa o emprego do masculino xenérico (por exemplo, “o beneficiario” no artigo 23).
Pola súa banda, as disposicións adicionais deberían encaixarse baixo o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Obsérvase o mesmo respecto das disposicións finais.
Finalmente, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 17. Resolución e recursos.
O apartado 2 fixa o prazo para resolver e notificar en tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.
Este Comité considera que, dado que o procedemento de tramitación das axudas é relativamente simple, o dito prazo é excesivo polo que debería reducirse.
Segunda.- Artigo 19. Xustificación e pagamento.
Segundo o disposto no último apartado deste artigo, non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa administración.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA
As organizacións sindicais que integran este Comité non comparten a inclusión do bono autónomo para o servizo de coidado de menores neste proxecto normativo, xa que o consideran un elemento discriminatorio ao concederse sen esixir máis requisito que o de ser unha persoa autónoma, cando xa existe un bono coidado de menores para o conxunto da poboación cuns criterios e requisitos que non se aplican neste caso. Proponse, polo tanto, que se suprima do texto da orde.
ANEXO II
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:
En coherencia co manifestado na Exposición de motivos deste proxecto de orde, a CIG considera que debería contemplarse a posibilidade de engadir unha cláusula de acción positiva dirixida a favorecer que as persoas contratadas ao abeiro desta orde sexan, preferiblemente, mulleres.