Ir o contido principal

Ditame 12/23

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023.

I. ANTECEDENTES
O día 13 de marzo de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo se establece na exposición de motivos, “o 97% do tecido empresarial de Galicia está constituído por persoas traballadoras autónomas e pequenas empresas e, dado o elevado numero de entidades singulares de poboación existentes en Galicia, así como a dispersión poboacional, xunto aos efectos dos múltiples peches perimetrais dos concellos decretados pola autoridade sanitaria galega, xustifican a consideración da totalidade das actividades das persoas traballadoras autónomas e pequenas empresas, que posúen especial peso en todos os sectores vencellados á agricultura, pesca, industria e servizos, como particularmente afectados pola pandemia no eido do territorio de Galicia”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no DOG o día 2 de febreiro de 2022 e o ditame emitido polo Consello con data 29 de novembro de 2021 (Ditame 57/2021), obsérvase que se tivo en conta, parcialmente, unha das consideracións de carácter formal manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Segundo o artigo 1, estas axudas buscan apoiar o coidado de menores, maiores ou persoas dependentes engadindo, o novo proxecto, o coidado das persoas con discapacidade.

No artigo 4 obsérvase a refundición, no bono autónomo concilia III, de dúas axudas que a orde anterior regulaba separadamente: o bono autónomo servizo para o coidado de menores e o bono autónomo servizo para o coidado de maiores ou dependentes.

En canto aos requisitos que establece o artigo 5, cómpre destacar a ampliación do prazo para realizar a contratación no caso do bono autónomo concilia I. A orde para o exercicio 2022 esixía que a dita contratación se realizara nos 15 días seguintes á finalización do período de descando por nacemento, adopción ou acollemento. O novo proxecto aumenta o dito prazo a un ano.

Finalmente, en canto ás obrigas das persoas autónomas ou entidades beneficiarias que recolle o artigo 19, eliminouse a previsión que a orde anterior contía sobre o suposto de extinción da relación laboral da persoa contatada, así como a regulación da súa substitución, non recollendo o novo proxecto normativo nada ao respecto.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023” consta de: Exposición de motivos, vinte e cinco artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 3 de abril de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e tres consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración xeral non unánime manifestada polas organizacións sindicais CIG, S.N. de CCOO de Galicia e UGT- Galicia.

DITAME 12/2023

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebt), e se procede á súa convocatoria para o ano 2023”, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de marzo de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de abril de 2023 , acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira
Este Comité propón que se revise ao longo do texto do proxecto normativo a terminoloxía empregada ao referirse ás persoas destinatarias da subvención; fálase indistintamente de persoas ou entidades beneficiarias ou interesadas cando a referencia debe facerse, ás persoas autónomas, tendo en conta que tanto na exposición de motivos como no artigo 5 se especifica claramente que as axudas van destinadas a persoas a título individual.

Segunda
Este Comité observa un erro de numeración ao conter o texto dous artigos numerados como 5.

Ademais, obsérvase que as disposicións adicionais deberían encaixarse baixo o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Obsérvase o mesmo respecto das disposicións finais.

Finalmente, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
Terceira
Este Comité considera necesario que se acheguen os datos estatísticos de execución da resolución do exercicio anterior para a xusta valoración da norma.

En consecuencia, tal e como se ten formulado respecto doutros proxecto normativos, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio anterior que deben acompañar a esta resolución cos seguintes datos:

- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras autónomas afectadas por esas solicitudes.
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 4. Accións subvencionables e importe da subvención.
Este Comité considera que os importes recollidos neste artigo son escasos e que procede a súa actualización debendo, en consecuencia, incrementarse o orzamento global asignado a estas axudas.

Segunda.- Artigo 15. Resolución e recursos.
O apartado 2 fixa o prazo para resolver e notificar en tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Este Comité considera que, dado que o procedemento de tramitación das axudas é relativamente simple, o dito prazo é excesivo polo que debería reducirse.

Terceira.- Artigo 17. Xustificación e pagamento.
Segundo o disposto no apartado 4 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa administración.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

ANEXO

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA

As organizacións sindicais que integran este Comité non comparten a inclusión do bono autónomo para o servizo de coidado de menores, maiores e persoas con discapacidade ou dependencia neste proxecto normativo, xa que o consideran un elemento discriminatorio ao concederse sen esixir máis requisito que o de ser unha persoa autónoma, cando xa existe un bono coidado de menores para o conxunto da poboación cuns criterios e requisitos que non se aplican neste caso. Proponse, polo tanto, que se suprima do texto da orde.

Número ditame
12