ANTECEDENTES
O día 12 de abril de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se modifica parcialmente a orde do 16 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023, e se realiza a súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativos, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
A orde do 16 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR301K para o período 2021-2023, ten por obxecto concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo aos criterios que rexerán a concesión de axudas para realizar de cursos de formación profesional para o emprego dirixidos prioritariamente á cualificación profesional das persoas traballadoras desempregadas.
Segundo a exposición de motivos, a presente orde modificadora, mantendo o principio de seguridade xurídica, simplifica e axiliza determinados trámites e procedementos regulados na orde de bases do 16 de abril de 2021, gañando en operatividade e eficacia, e resolve e aclara determinadas dúbidas formuladas en relación coa interpretación dalgún dos seus artigosreguladores.
No ano 2021 foron obxecto do ditame 10.21 a “orde do 16 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023, e se realiza a súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022”.
Este proxecto limítase a modificar parcialmente as bases reguladoras establecidas na anterior orde.
Vistos o borrador agora remitido, os texto da orde que regulaba as bases e a convocatoria para o exercicio anterior, publicados no DOG o día 30 de abril de 2021 e o ditame emitido con data 4 de marzo de 2021 (Ditame 10/2021), obsérvase que se tiveron en conta parcialmente unha consideración xeral de carácter unánime e cinco consideracións específicas de carácter unánime manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do contido do novo proxecto poden destacarse as seguintes modificacións con respecto do anterior:
O artigo 1, modifica o artigo 2 no relativo á programación, financiamento e reservas de crédito.
O artigo 2, modifica o artigo 4.2 relativo á forma e lugar de presentación das solicitudes e a documentación complementaria, establecendo no parágrafo quinto, que cada convocatoria poderá establecer límites relativos ao número de edicións de especialidades formativas e/ou familias profesionais a impartir por comarca.
O artigo 3, modifica o artigo 6.1 f) relativo á documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento, suprimindo do segundo parágrafo a obriga de indicar os medios tecnolóxicos na memoria explicativa.
O artigo 4, modifica o apartado 1.2º do artigo 10, relativo ós criterios de avaliación, aumentando de 5 a 20 puntos a valoración das accións formativas de especialidades formativas cunha maior demanda ou con maiores perspectivas de emprego.
O artigo 5, modifica o apartado 2. k) do artigo 15, suprimindo a referencia á aula virtual, e o apartado 5 do mesmo artigo, cambiando a redacción e facendo referencia a un sistema de control biómetrico da asistencia.
O artigo 6, modifica o artigo 18.7.b) relativo á execución da actividade por parte das entidades beneficiarias, cambiando a redacción do parágrafo cinco onde se establece a obriga de desenvolver a formación presencial no aula virtual a través do campus virtual.
Así mesmo, no parágrafo seis, engádese a posibilidade de perder o dereito a percibir a liquidación correspondente á sesión non mecanizada.
O artigo 7, modifica o artigo 18.17, relativo á execución da actividade, cambiando o prazo de 15 días por un prazo de 5 días.
O artigo 8, modifica o artigo 21.5, relativo á subvención das accións formativas, establecendo unha contía máxima de 5 €/hora.
O artigo 9, modifica o artigo 26.3, relativo ao seguimento e control dos cursos, suprimindo a obriga da entidade de facilitar as credenciais que permitan o acceso ao aula.
O artigo 10, modifica os apartados 3 e 7 do artigo 31, relativo ás modalidades de impartición.
O apartado 3 do artigo establece que se considerará teleformación cando a parte presencial sexa igual ou inferior ao 20% da súa duración total. Así mesmo, establece que as accións formativas nas modalidades mixtas, o número de horas de teleformación será inferior ao 80% das horas da acción formativa. Tamén establece a prohibición de impartir modalidades que non estean expresamente permitidas pola normativa reguladora e os programas formativos vixentes.
No apartado 7, cámbiase a autorización necesaria da xefatura territorial pola comunicación previa á xefatura territorial para facer uso da aula virtual para o seguimento da acción formativa por alumnos que non podas asistir por causas sobrevidas consecuencia do COVID-19.
O artigo 11, modifica o artigo 33.5, relativo á selección do alumnado, establece que o número máximo de alumnos por acción formativa será de 30 e un mínimo de 10. Tamén establece a número de alumnos por titor en relación coa xornada semanal destes: 40 horas, 80 alumnos, reducíndose proporcionalmente.
O Artigo 12, modifica os apartados 2 e 10 do artigo 36, relativo aos módulos
Transversais.
No apartado 2, engádense dous parágrafos facendo no primeiro referencia ao Real Decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, e establecendo a obriga de que a formación en prevención de riscos laborais sexa levada a cabo por persoal cualificado.
No apartado 10, permítese realizar os módulos transversais en calquera momento dentro das datas estipuladas para as accións formativas e prohibe simultanear os contidos dos módulos transversais cos contidos do programa formativo.
O artigo 13, modifica o artigo 40.6, relativo ao financiamento.
Ao final do parágrafo primeiro elimínase a referencia á compensación que aboa a entidade de formación beneficiaria á empresa en cuxo centro de traballo teñan lugar as prácticas.
Engádese unha disposición transitoria onde establécese que esta orde non será de aplicación as accións formativas impartidas ao abeiro da primeira convocatoria.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “pola que se modifica parcialmente a orde do 16 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023, e se realiza a súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022” consta de: Exposición de motivos, trece artigos, unha disposición transitoria e unha disposición final.
O día 28 de abril de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e catro consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
|
DITAME 10/2022
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o orde pola que se modifica parcialmente a orde do 16 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023, e se realiza a súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de abril de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de abril de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira
Este Comité remítese ao recollido no ditame 10/2021 (emitido sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR301K polo que se establecen as accións formativas do plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023, e se procede á súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022) respecto daquelas consideracións que proceda manter á vista deste novo proxecto e que non foron tidas en conta.
Segunda
Obsérvase que, na exposición de motivos do proxecto informado, falta a referencia á preceptiva consulta ao Consello Galego de Relacións Laborais.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.- Artigo 1. Modificación do artigo 2 relativo á programación, financiamento e reservas de crédito.
No novo redactado do artigo recóllese que “Cada convocatoria, ademais de cumprir o que ao respecto dispón o capítulo IV da presente orde, especificará as accións formativas que se consideran prioritarias, o financiamento e as reservas de crédito que, de ser o caso, se establezan para determinadas accións formativas que se detallarán no correspondente anexo, e fixará, de ser o caso, o número límite de edicións de accións formativas por especialidade que se financien por entidade de formación, por numero de censo e/ou por comarca, segundo se determine”.
Este Comité considera que o que se pretende arranxar con esta nova redacción ao efecto de corrixir as resolucións para estender a formación a determinadas comarcas e/ou especialidades formativas vai a alterar e a complicar máis a actual situación de resolucións, creando problemas maiores dos que actualmente existen.
Entendemos que unha mellor solución a esta problemática podería obterse se, despois do primeiro reparto, os excedentes de fondos puideran ser incluídos novamente no novo reparto sen atender a limitacións, podendo entrar nese reparto de novo as especialidades xa concedidas.
Formúlase o mesmo respecto do previsto no artigo 2 deste proxecto normativo.
Segunda.- Artigo 4. Modificación do apartado 1.2º) do artigo 10, relativo aos criterios de avaliación
O artigo 10.1.2º), tras esta modificación, outorga 5 puntos no suposto de acciones formativas relativas a especialidades formativas cunha maior demanda ou con maiores perspectivas de emprego, cando na orde de 2021 valorábase con 20 puntos.
Este Comité considera esa diminución na valoración técnica debería ser motivada e posta en relación coa previsión do incremento do 40% da reserva de crédito para as accións de especialidades formativas máis demandadas ou con maiores perspectivas de emprego dos anexos V das convocatorias.
Terceira.- Artigo 11. Modificación do artigo 33.5, relativo á selección do alumnado
Este Comité solicita que se xustifique a limitación que introduce este artigo ao número máximo de participantes na modalidade de teleformación, que fixa en 30 persoas.
Cuarta.- Artigo 13. Modificación do artigo 40.6, relativo ao financiamento
Este Comité considera que non procede recoller este contido neste proxecto normativo dado que afecta á convocatoria das subvencións, a cal se regula nun novo proxecto que se informa como ditame 11.2022.