Ir o contido principal

Ditame 15/20

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:08
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se procede a modificación parcial de distintas ordes de convocatorias de subvencións financiadas por esta consellería no ámbito da formación profesional para o emprego a consecuencia da situación e evolución do COVID19.
  1. ANTECEDENTES

 

O día 24 de xullo de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se procede a modificación parcial de distintas ordes de convocatorias de subvencións financiadas por esta consellería no ámbito da formación profesional para o emprego a consecuencia da situación e evolución do COVID19. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Á vista da situación excepcional creada pola epidemia COVID-19, faise necesario posibilitar instrumentos e habilitar alternativas que permitan a continuidade ordinaria na impartición das accións formativas financiadas por esta consellería no ámbito da formación profesional para o emprego.

 

Segundo a exposición de motivos, cómpre modificar determinados artigos das bases reguladoras e  convocatorias nos procedementos TR301K, TR301P e TR302A para adecuar á situación de forza maior determinados aspectos relacionados co control de asistencia dos participantes introducindo alternativas, a maiores do control biométrico baseado na pegada dixital, que acrediten o control de presenza do persoal docente e do alumnado.

 

O capítulo I modifica a Orde do 2 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións no marco do Plan de formación para o emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2019 e 2020 (código de procedemento TR302A).

O artigo 1 modifica o artigo 43 da orde e permite que o alumnado, ocupado e desempregado, e o persoal docente rexistren a súa impresión dixital na propia entidade formadora, posibilidade que na orde publicada no DOG do 27 de maio de 2019 se reservaba unicamente para as persoas traballadoras ocupadas. Esíxese, ademais, que a correspondencia entre as impresións dixitais e a persoa que identifican se acredite mediante declaración responsable.

O artigo 2 engade un novo artigo ás bases reguladoras, 43.bis, aplicable ás entidades beneficiarias que impartan accións formativas subvencionadas no marco deste procedemento, que continúen ou comecen a súa execución con posterioridade ao 13 de marzo. Recolle medidas en materia de control de asistencia e de horarios en aras a garantir a seguridade e hixiene, así como respectar as disposicións que limitan o aforo.

O capítulo II recolle as mesmas disposicións respecto da orde do 13 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2019-2021 e se procede á primeira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, para os exercicios 2019-2020 (código de procedemento TR301P), e se establecen as bases do Programa de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata para os exercicios 2020-2021 (código de procedemento TR349X).

 

Finalmente, o capítulo III recolle a posibilidade de que tanto o alumnado e o persoal docente rexistren a súa impresión dixital na propia entidade formadora, debendo acreditar a correspondencia entre as impresións dixitais e a persoa que identifican  mediante declaración responsable.

 

Prevé, ademais, que no relativo á realización do módulo de prácticas non laborais dos certificados de profesionalidade, o control de asistencia non requirirá o control biométrico, e estará limitado a controis de asistencia que deberán asinar diariamente.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO.

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se procede á modificación parcial de distintas ordes de convocatorias de subvencións financiadas por esta consellería no ámbito da formación profesional para o emprego a consecuencia da situación e evolución do COVID19 ” consta de: Exposición de motivos, cinco artigos e unha disposición derradeira única.

 

O día 29 de xullo de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e unha específica, unánimes, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

 

 

 

DITAME 15/2020

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o “proxecto de Orde pola que se procede á modificación parcial de distintas ordes de convocatorias de subvencións financiadas por esta consellería no ámbito da formación profesional para o emprego a consecuencia da situación e evolución do COVID19”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de xullo de 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de xullo de 2020, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

 

Considera este Comité que se debería retirar o sistema de pegada dixital mentres dure a emerxencia sanitaria derivada do Covid-19 e substituílo por medios alternativos tal e como aconsellan diferentes normas e instrucións das autoridades sanitarias.

 

De manterse este sistema, sería necesario establecer un protocolo relativo a como proceder para respectar as medidas de hixiene necesarias e como cumprir coas recomendacións sanitarias (protocolo de hixiene para as persoas usuarias que inclúa a desinfección das mans antes e despois de cada fichaxe e protocolo de limpeza dos terminais), o que non figura no proxecto normativo sometido a ditame.

 

O Comité manifesta ademais que, ante as dificultades para aplicar o sistema de pegada dixital nestas circunstancias e, co obxecto de reducir o paliar a carga administrativa esixida ás entidades formadoras, sería tamén necesaria certa flexibilidade nos prazos de remisión dos partes de asistencia mentres dure esta situación excepcional.

 

Finalmente, o Comité quere subliñar que non comparte que no proxecto de orde se traslade a responsabilidade do control do alumnado e do persoal docente ás entidades formadoras e que a Administración asuma só un papel fiscalizador.

 

 

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Artigo 2.- Redacción do artigo 43 bis das bases reguladoras.

 

Este precepto recolle a creación dun novo artigo 43.bis na Orde de 2 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións no marco do Plan de formación para o emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á súa convocatoria para os exercicios 2019 e 2020, artigo que dispón, no seu apartado 1, que “as entidades beneficiarias que impartan accións formativas subvencionadas no marco do procedemento TR302A, que continúen ou comecen a súa execución con posterioridade ao 13 de marzo de 2020, poderán aplicar, a partires da entrada en vigor desta orde, por razóns de saúde e para cumprir con disposicións que limiten o aforo, o establecido neste artigo en materia de controis de asistencia e de horarios, para a parte da acción formativa que se imparta con posterioridade á referida data”.

 

Este Comité considera que é arriscado establecer esa posibilidade, xa que o prazo en 2019 xa rematou no mes de setembro dese ano. Por iso, entende que este artigo precisa dunha redacción máis clara.

Número ditame
15