Ir o contido principal

Ditame 2/20

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:51
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se procede á primeira convocatoria do procedemento polo que se subvencionan as accións formativas do plan técnica para mulleres desempregadas da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2020-2021

I. ANTECEDENTES

O día 24 de febreiro de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se procede á primeira convocatoria do procedemento polo que se subvencionan as accións formativas do plan técnica para mulleres desempregadas da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2020-2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Mediante esta orde convócanse as axudas cuxas bases foron obxecto do ditame 1/2020.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame e do seu contido destácanse os seguintes aspectos:

O crédito asignado a esta convocatoria é de 1.000.000 de euros segundo establece o artigo 2.

O prazo do que se disporá para presentar as solicitudes é dun mes (artigo 3).

Neste proxecto normativo tamén se fixan os prazos de comezo e remate das accións formativas (artigo 4) así como o prazo de xustificación dos gastos (artigo 5).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se procede á primeira convocatoria do procedemento polo que se subvencionan as accións formativas do plan técnica para mulleres desempregadas da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2020-2021” consta de: Exposición de motivos, sete artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 11 de marzo de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que non contén consideracións unánimes e recolle as seguintes consideracións non unánimes: 1 xeral manifestada pola CIG (Anexo I), 1 xeral manifestada por UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA e a CEG (Anexo II) e 1 xeral manifestada por UGT-GALICIA e SN DE CCOO DE GALICIA (Anexo III).

DITAME 2/2020

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se procede á primeira convocatoria do procedemento polo que se subvencionan as accións formativas do plan técnica para mulleres desempregadas da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2020-2021, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de febreiro de 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de marzo de 2020, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CIG.

A CIG considera que este proxecto ven encamiñado a dar cobertura a unha serie de medidas no marco do chamado diálogo social.

Na mesma liña de dar contido aos acordos, subscribiuse tamén un convenio de colaboración que concede unha subvención directa ás entidades asinantes para financiar gabinetes técnicos como se describe na cláusula segunda.

O devandito convenio adxudicouse por concesión directa, sen a preceptiva definición do obxecto das subvencións nin acreditación do seu interese público, social, económico, humanitario ou que xustifiquen a dificultade da súa convocatoria pública.

Baixo o criterio da CIG, predetermínase a identidade dos beneficiarios, con claro prexuízo doutros posíbeis interesados que se terían presentado no caso de que a convocatoria fose pública, como é o caso da propia CIG.

Polo exposto, a CIG decide non facer ningún tipo de achega ou aportación a este proxecto normativo ao entender que o convenio subscrito entre as organizacións asinantes exclúe deliberadamente a CIG, o que supón un trato discriminatorio e unha represalia por unha decisión sindical lexítima e soberana.
ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL MANIFESTADA POR UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E A CEG.

UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e a CEG trasladan a este ditame as consideracións contidas no ditame 6/2019 en todo o que lle sexa aplicable.

ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POR UGT-GALICIA E O SN DE CCOO DE GALICIA.

UGT-Galicia e o SN de CCOO de Galicia non atopan moito sentido nin xustificación á segregación desta Orde, cando podería quedar perfectamente regulada a través da Orde pola que se establecen as bases reguladoras con vixencia indefinida do procedemento polo que se subvencionan as accións formativas do plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia.

Número ditame
2