Ir o contido principal

Ditame 11/22

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se procede á segunda convocatoria, para os exercicios 2022 e 2023, de subvencións para o financiamento das accións formativas do plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023.
  1. ANTECEDENTES

O día 12 de abril de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se procede á segunda convocatoria, para os exercicios 2022 e 2023, de subvencións para o financiamento das accións formativas do plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023.

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

O mesmo día 12 de abril tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais un novo proxecto de orde que modifica parcialmente a “orde do 16 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023, e se realiza a súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022”.

Esta modificación, conxuntamente coas normas subsistentes da normativa modificada, sería aplicable a este proxecto de orde.

Segundo a exposición de motivos, mediante a orde do 16 de abril de 2021, DOG núm. 81 do 30 de abril, a Consellería de Emprego e Igualdade estableceu as bases reguladoras para as accións formativas do Plan formativa para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021 e 2023 e realizou a súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022.

No ano 2021 foi  obxecto do ditame 10.21 a “ orde do 16 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023, e se realiza a súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022”.

Este proxecto de orde limítase a realizar a segunda convocatoria.

 O artigo 1, establece como obxecto do proxecto a segunda convocatoria no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia de subvencións para o financiamento das accións formativas do plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2022-2023.

En canto ao financiamento, establecido no artigo 2, destínase a esta segunda convocatoria un crédito por importe total de 49.766.589 €, distribuído en dúas anualidades.

Segundo o artigo 3, poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións as entidades que, na data de entrada en vigor da correspondente convocatoria, sexan titulares de centros ou entidades de formación acreditados e/ou inscritos para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia naquelas especialidades formativas conducentes á obtención de certificados de profesionalidade ou naquelas competencias clave para as que soliciten subvención, xa sexa na modalidade presencial, de teleformación ou mixta.

Vistos o borrador agora remitido, os textos das ordes que regulaban as bases e a convocatoria para o exercicio anterior, publicados no DOG o día 30 de abril de 2021 e o ditame emitido  con data 4 de marzo de 2021 (Ditame 10/2021), obsérvase que se tiveron en conta parcialmente unha consideración xeral de carácter unánime e cinco consideracións específicas de carácter unánime manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do contido do novo proxecto poden destacarse os seguintes aspectos:

 No artigo 2 increméntase o financiamento en 5.476.320 euros con respecto á orde anterior.

O artigo 12 establece  que as accións formativas non poderán impartirse nunha modalidade que non estea expresamente permitida pola normativa reguladora o programa formativo vixente para cada especialidade e que, por tanto, no poderán ser obxecto de subvención.

Así mesmo, establece que a formación presencial desenvolvida mediante aula virtual deberá impartirse obrigatoriamente a través do campus virtual que, para estes efectos, a Consellería de Emprego e Igualdade porá á disposición das entidades de formación.

Cambia a redacción e parte do contido do artigo 14, establecendo que con carácter xeral, o número máximo de edicións dunha determinada especialidade formativa que se poderán impartir nunha comarca será de dúas. Este límite incrementarase até as tres edicións naquelas comarcas nas que, a data do 1 de xaneiro de 2021, a súa poboación fose superior aos 75.000 habitantes.

A estes efectos, as comarcas cuxa cifra de poboación supera os 75.000 habitantes son as seguintes: A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, O Morrazo, Pontevedra, O Salnés e Vigo.

Así mesmo, establece que ara cada número de censo poderanse solicitar, como máximo, dúas edicións dunha especialidade formativa, e que límite de edicións establecido nos parágrafos anteriores non será de aplicación cando se trate de competencias clave.

 De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se procede á segunda convocatoria, para os exercicios 2022 e 2023, de subvencións para o financiamento das accións formativas do plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023” consta de: Exposición de motivos, dezaoito artigos e dúas disposicións finais.

O día 28 de abril de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e catro consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

 

 

DITAME 11/2022

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o orde pola que se procede á segunda convocatoria, para os exercicios 2022 e 2023, de subvencións para o financiamento das accións formativas do plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de abril de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de abril de 2022, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 Primeira

Este Comité remítese ao recollido no ditame 10/2021 (emitido sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR301K polo que se establecen as accións formativas do plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023, e se procede á súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022) respecto daquelas consideracións que proceda manter á vista deste novo proxecto e que non foron tidas en conta.

 Segunda

Obsérvase que, na exposición de motivos do proxecto informado, falta a referencia á preceptiva consulta ao Consello Galego de Relacións Laborais.

 Terceira

Este Comité considera que esta orde debería cinguirse a aspectos propios da mesma e non incorporar contido que veña a afectar ás bases reguladoras destas subvencións e incluso prever, no caso do artigo 3, un contido diferente do previsto nas bases da Orde de 2021.

Cuarta

As dúas disposicións finais deberían aparecer encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 2. Financiamento

En relación ao incremento da reserva de crédito do 40% para as especialidades formativas máis demandadas ou con maiores perspectivas de emprego relacionadas no Anexo V, este Comité considera que se deberían ofrecer garantías de que, despois da rebaixa na orde de modificación de bases desta convocatoria de 20 a 5 puntos na valoración técnica, estas accións terán a capacidade de ser priorizadas nas adxudicacións.

Estamos a falar dos únicos anexos nos que se permite a participación dos axentes sociais para fixar as prioridades das accións a desenvolver e cómpre lembrar que a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o sistema de Formación Profesional para o Emprego no ámbito laboral, consideraba aos axentes sociais como parte da gobernanza do sistema e atribuíalles a función de participar no proceso de detección de necesidades formativas e de priorización das accións formación.

Segunda.- Artigo 14. Límite de edicións a impartir

Segundo prevé este artigo, “con carácter xeral, o número máximo de edicións dunha determinada especialidade formativa que se poderán impartir nunha comarca será de dúas. Este límite incrementarase ata as tres edicións naquelas comarcas nas que, a data do 1 de xaneiro de 2021, a súa poboación fose superior aos 75.000 habitantes”. Ademais, establécese que “para cada número de censo poderanse solicitar, como máximo, dúas edicións dunha especialidade formativa”.

Na liña do alegado na consideración específica primeira no ditame 10.2022, este Comité entende que se está procedendo a unha limitación excesiva nas resolucións e que, lonxe de resolver os problemas que se pretenden solucionar, van a crearse novos problemas e non se van a poder cubrir as necesidades das comarcas máis grandes.

Terceira.- Artigo 17. Prazos de xustificación das accións formativas.

En relación a este artigo, este Comité considera que cómpre buscar o compromiso da administración para establecer mecanismos que eviten os problemas futuros de financiamento e atenuar os impactos dos retrasos nos pagamentos das liquidacións e anticipos, así como establecer mecanismos que axilicen os procedementos de pagos e liquidacións as entidades.

Cuarta.- Artigo 18. Anexos

En relación ao Anexo I, este Comité entende que os criterios de reparto dos fondos deberían ser máis claros e ofrecer maior seguridade para as entidades solicitantes e non estar submetidos ao arbitrio do que se decida en función do número de solicitudes presentadas para cada convocatoria, o tipo de especialidades elixidas ou as comarcas desde as que se solicitan.

Este sistema posibilita que, nunha comarca grande, as localidades máis poboadas con maior valoración técnica nas solicitudes, queden sen facer formación porque existan centros en localidades menos poboadas que se levan todos os fondos.

Entendemos que o financiamento desta orde debe dar resposta ás necesidades formativas das persoas traballadoras desempregadas é as necesidades das empresas de cubrir determinadas vacantes no mercado laboral.

En relación cos anexos IV e V, este Comité considera que para a súa elaboración se debería ter en conta a participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas na determinación, con criterios obxectivos, das especialidades priorizadas a incluír. Isto tendo en conta, por unha banda, a diminución experimentada na valoración das accións formativas relativas a especialidades cunha maior demanda ou con maiores perspectivas de emprego, segundo a modificación da orde de bases, e, por outra banda, a reserva de crédito do 40% para as mesmas  que prevé o artigo 2 deste proxecto de orde.

A selección de accións formativas que máis puntúan non se adaptan á demanda real das persoas en formación e das empresas. Ademais, os contidos do catálogo son ríxidos, deixando fora accións formativas de grande interese (como ocorre, por exemplo, coa soldadura MIG/MAG e TIG  ou as especialidades de cociña e restaurante-bar).

Número ditame
11