I. ANTECEDENTES
O día 18 de maio de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Formación para o Emprego da Consellería de Emprego e Igualdade, remitindo proxecto de orde pola que se regula o procedemento de autorización para a impartición de accións formativas de formación para o emprego non financiadas con fondos públicos conducentes á obtención de certificados de profesionalidade. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
O Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o Emprego no ámbito laboral, establece no seu artigo 5.1.g que, no ámbito da formación profesional para o emprego, na iniciativa de formación non financiada con fondos públicos desenvolvida por centros e entidades de formación de iniciativa privada dirixida á obtención de certificados de profesionalidade poderán participar os traballadores ocupados ou desempregados que cumpran os requisitos de acceso establecidos na normativa reguladora dos certificados de profesionalidade.
Segundo a exposición de motivos, “esta orde formula unha reforma en profundidade do procedemento regulado pola Orde anterior, aportando unha maior flexibilidade e coherencia ao texto e adaptando a normativa reguladora a lóxica evolución consecuencia da entrada en vigor de novos textos normativos, o decurso do tempo e á complexidade actual da situación sanitaria e laboral”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da Orde publicada no DOG o día 7 de febreiro de 2014 e o ditame emitido con data 25 de novembro de 2013 (ditame 44/2013), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
As modificacións a destacar son as seguintes:
Segundo o artigo 8, o prazo para presentar as solicitudes estará aberto todo o ano, mentres que a orde anterior esixía presentar a solicitude con polo menos 3 meses de antelación ao comezo da actividade formativa. Así mesmo, o prazo para resolver redúcese de 3 meses a 30 días (artigo 9).
Regúlase dun xeito máis pormenorizado a execución das acción (artigo 13). Ademais, introdúcese a posibilidade de teleformación (artigo 17).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula o procedemento de autorización para a impartición de accións formativas de formación para o emprego non financiadas con fondos públicos conducentes á obtención de certificados de profesionalidade” consta de: Exposición de motivos, vinte e dous artigos, unha disposición adicional, unha disposición derrogatoria e unha final.
O día 31 de maio de 2021 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e seis consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.
Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.
DITAME 21/2021
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se regula o procedemento de autorización para a impartición de accións formativas de formación para o emprego non financiadas con fondos públicos conducentes á obtención de certificados de profesionalidade”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de maio de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 31 de maio de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Este Comité observa a utilización do masculino xenérico (por exemplo, “alumnos” no artigo 17) e o abuso das barras (“alumno/a” ou titor/a nos artigos15 e 21 entre outros), polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva. Hai que ter en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.
Ademais, no artigo 5 emprégase a letra k na clasificación.
Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Pola súa banda, as disposicións adicionais deberían encaixarse baixo o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Finalmente, a disposición derradeira debería denominarse disposición final para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Artigo 4. Declaración responsable que forma parte da solicitude.
O apartado 1 deste artigo relaciona os aspectos que se farán constar na declaración responsable que se contén na solicitude e inclúe, no ítem g), “que a acción formativa non se financia con fondos públicos”.
Este Comité considera contraditoria esta previsión xa que, na práctica, se vén observando que non todos os fondos procedentes das diferentes administracións públicas teñen a consideración de fondos públicos aos efectos desta orde, polo que propón que se modifique a redacción.
Segunda.- Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
Entre a documentación complementaria que debe achegarse, o apartado 1.d) deste precepto esixe a acreditación do pagamento da taxa de solicitude de autorización para impartir accións formativas.
Este Comité considera que as taxas esixidas son moi elevadas, sobre todo cando se trata de competencias clave, polo que consideran que as ditas taxas deberían eliminarse.
Subsidiariamente, proponse que as ditas taxas sexan obxecto dunha rebaixa substancial.
Terceira.- Artigo 9. Procedemento de tramitación.
No seu apartado 5, este artigo prevé que “a resolución de autorización establecerá as condicións, obrigación e determinacións accesorias a que deba suxeitarse a entidade autorizada”.
Este Comité considera que se debería aclarar que se entende por “obrigación e determinación accesorias”, tendo en conta que é requisito para a impartición das accións a inscrición dos centros e, polo tanto, o cumprimento dos requisitos establecidos para a súa homologación que xa figuran nos certificados de profesionalidade.
Cuarta.- Artigo 21. Formación práctica en centros de traballo.
No apartado 2 relaciónase o contido do convenio entre a empresa e a entidade de formación.
Este Comité considera que se deberían engadir os seguintes aspectos:
– Tutores e tutoras designados pola empresa e o centro de formación que se encargarán de realziar o seguimento e a avaliación do alumnado, de conformidade co programa formativo do certificado de profesionalidade.
– O contido das prácticas, recollendo as tarefas concretas a desenvolver polo alumnado
Quinta.- Artigo 21. Formación práctica en centros de traballo.
Segundo o apartado 7 deste artigo, as empresas nas que se realicen as prácticas comunicarán á representación legal dos traballadores na empresa a relación do alumnado que vai realizar as prácticas, así como as datas e horarios de realización.
Este Comité considera que se debería especificar que esa comunicación debe facerse, en todo caso, antes do comezo das prácticas e que, ademais da relación do alumnado, datas e horarios, debe informarse así mesmo do acordo co centro de formación.
Sexta.– Disposición Adicional segunda.
Esta disposición establece que, en todo o non disposto nesta orde, será de aplicación o disposto na Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, e no Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, que a desenvolve.
Aso mesmo serán de aplicación, o Real Decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, e a orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro, que o desenvolve.
Este Comité considera que tamén é necesario ter en conta todo o recollido no Real Decreto que desenvolve cada certificado de profesionalidade ao que pertenzan os módulos de prácticas.
ANEXO
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Artigo 19. Deberes do alumnado.
A Confederación de Empresarios de Galicia entende que, no que respecta ás obrigas do alumnado, deberían recollerse aspectos relacionados coa boa execución das accións e o máximo aproveitamento da formación, tales como o cumprimento horario, ausencias xustificadas ou as normas de conduta, aspectos que poden quedar recollidos nun regulamento de réxime interno que deba ser adxuntado á solicitude.
Así mesmo, é de importancia contemplar as causas obxectivas de exclusión do alumnado.