Ir o contido principal

Ditame 3/18

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o Proxecto de orde pola que que se establecen as bases reguladoras dun programa a prol da contratación e formación das persoas mozas e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

I. ANTECEDENTES

O día 20 de febreiro de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Emprego, que achega o proxecto de orde pola que que se establecen as bases reguladoras dun programa a prol da contratación e formación das persoas mozas e se procede á súa convocatoria para o ano 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

A Xunta está a implementar a Axenda 20 para o Emprego, co fin de impulsar o emprego estable e de calidade e acadar un novo modelo produtivo de Galicia baseado no crecemento e no coñecemento.

Segundo a Exposición de motivos a Axenda 20 céntrase en tres retos: fomentar o emprego de calidade, reforzar a formación e especialización ao longo da vida laboral e mellorar e orientar os servizos públicos na atención ás persoas demandantes e empresas.

Esa sería a liña que segue este proxecto normativo, orientado cara as persoas mozas desempregadas.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no DOG o día 25 de agosto de 2017 e o ditame emitido polo Consello con data 20 de xullo de 2017 (Ditame 27/2017), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

No exercicio anterior, esta mesma orde subvencionaba a contratación e formación de persoas novas exclusivamente nos sectores vinculados á Industria 4.0 e ao sector agroalimentario, mentres que o actual proxecto non se circunscribe a ningún sector.
Ás entidades beneficiarias xa non se lles esixe contar cun mínimo de cinco persoas traballadoras no data de presentación da solicitude nin ter unha estabilidade laboral mínima do 60% no mes anterior ao da solicitude como requisitos para poder acceder a estas axudas (artigo 6).

O artigo 23, relativo á contía dos incentivos, engade unha serie de supostos nos que a contía base se verá incrementada nun 25%.

O artigo 29 relaciona as obrigas cuxo incumprimento da lugar ao reintegro da axuda recibida, especificando cando procede un reintegro parcial e cando un total.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que que se establecen as bases reguladoras dun programa a prol da contratación e formación das persoas mozas e se procede á súa convocatoria para o ano 2018” consta de: trinta e cinco artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.

O día 23 de febreiro de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e once específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime seguintes: dúas xerais e dez específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e catro específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 3/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que que se establecen as bases reguladoras dun programa a prol da contratación e formación das persoas mozas e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de febreiro de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Obsérvanse numerosos erros ortográficos e lingüísticos ao longo do proxecto normativo (“el año 2017” no artigo 4.2, “participar no programa no programa de contratación xuvenil” no artigo 6.4, “extíngase” e “producísense” no artigo 6.5, “as empresas que así o soliciten na solicitude” no artigo 30.1, entre outros), así como o emprego do masculino xenérico (“os cidadáns” no artigo 7.3) e das barras (“galego/a”, “vinculado/a” ou “nado/a” no artigo 5) que non se considera a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero. Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.

Así mesmo, obsérvase o emprego da letra j na clasificación, que é impropia do alfabeto galego e debería substituírse pola que corresponda.

Por todo isto, proponse a revisión do texto do proxecto normativo sometido a ditame.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias colaboradoras do programa.
O apartado 3.e) deste precepto establece que non poderán obter a condición de beneficiaria as persoas ou entidades que teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

O mesmo obsérvase respecto do previsto nos artigos 16.c), 27.4 e 34.3

Segunda.- Artigo 7. Solicitudes e prazos.
O primeiro parágrafo do apartado 2 establece que: “a obriga de relacionarse electronicamente coa administración na presentación das persoas físicas vén motivada polo feito de que as persoas beneficiarias ás que vai dirixida esta orde de subvencións son autónomas que exercen unha actividade económica e dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, en calquera actividade comercial que realicen”.

Este Comité propón que se suprima a parte en cursiva por empregar unha linguaxe impropia dunha norma xurídica.

Terceira.- Artigo 7. Solicitudes e prazos.
O apartado 3 deste artigo obriga á presentación das solicitudes por medios electrónicos.

Este Comité considera que, na medida en que as persoas autónomas poden ser beneficiarias destas axudas, debería respectarse a posibilidade legal de optar por realizar calquera trámite presencialmente.

Cuarta.- Artigo 7. Solicitudes e prazos.
O apartado 4 deste artigo establece que o prazo xeral para a presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2018.

Este Comité considera que se deberían concordar os dous prazos previstos neste apartado para evitar períodos de lagoas ao longo do ano.

Quinta.- Artigo 23. Contías dos incentivos.
O apartado 2 relaciona os supostos nos que procede incrementar nun 25% a contía xeral das axudas e inclúe, entre eles, o colectivo das persoas maiores de 45 anos.

Esta previsión é contraditoria co requisito que recolle o artigo 22.1.a), segundo o cal a persoa pola que se solicita a subvención debe ser menor de 30 anos.

Sexta.- Artigo 34. Xustificación e pagamento.
O apartado 2 deste artigo esixe presentar, entre outra documentación, o plan formativo xustificativo da formación no ítem segundo e detallar os seus contidos no ítem terceiro.

Este Comité considera que hai que substituír a referencia ao “plan formativo” pola de “accións formativas”, tal e como figura ao longo do texto do proxecto normativo.
Sétima.- Artigo 33. Contías dos incentivos e condicións da percepción.
Este artigo establece que a formación incentivaranse cunha axuda de 2.000 euros por cada persoa moza contratada que a reciba na súa integridade e que cumpra os requisitos establecidos no artigo 22.

Este Comité considera que esta regulación pode dar lugar a adxudicacións arbitrarias das contías, polo que propón que se concreten uns criterios mínimos para determinar a contía específica a adxudicar.

Oitava.- Artigo 35. Incumprimento de obrigas e reintegro.
Este Comité considera que se debería especificar no texto da orde en que casos procede o reintegro das axudas concedidas e que porcentaxe se debe reintegrar en cada un deles.

Novena.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das consideracións finais.

Décima.- Disposición adicional terceira.
Nesta disposición figura un último parágrafo polo cal a BDNS debe dar traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Este Comité considera que existe un erro e que este parágrafo debe introducirse na disposición adicional segunda relativa a Información sobre xestión e subvencións.

Décimo primeira.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.

CONSIDERACIÓNS XERAIS:

Primeira.
As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas, mediante subvencións directas e bonificacións das cotas da Seguridade Social, ten producido escasos resultados en cantidade e, sobre todo, en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais, ademais de mermar os recursos orzamentarios e os ingresos do sistema público da Seguridade Social.

Xa que logo, esas políticas deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

Segunda.
As organizacións sindicais non comparten, como xa se ten considerado nalgún ditame anterior, que a formación para o emprego se desagregue en diferentes ordes e non responda a unha planificación global, con consecuencias como o minúsculo éxito da convocatoria anterior que afectou a vinte persoas traballadoras en toda Galicia.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

Primeira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias colaboradoras do programa.
As organizacións sindicais consideran que debería recuperarse o previsto na Orde para o exercicio anterior, a cal esixía ás entidades solicitantes das axudas contar cun mínimo de cinco persoas traballadoras na data da presentación da solicitude, así como presentar unha taxa mínima de estabilidade, se ben se considera que a dita taxa mínima debería elevarse ao 75% e que este requisito se esixa respecto dos seis meses anteriores ao da solicitude.

Segunda.- Artigo 21. Ámbito de aplicación e contratacións subvencionables.
Segundo este artigo, os incentivos previstos neste proxecto normativo serán de aplicación ás contratacións cunha duración inicial mínima dun ano.

Sen prexuízo do disposto na consideración xeral deste Anexo I, as organizacións sindicais propoñen que se elimine a posibilidade de subvencionar a contratación temporal por medio destes incentivos xa que sería contraditorio co obxectivo de favorecer o emprego estable e de calidade que persegue este proxecto de orde.

Terceira.- Artigo 22. Requisitos.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que, para o cálculo do incremento do persoal neto e no que respecta ás baixas por xubilación, soamente se teña en conta a xubilación anticipada.

Cuarta.- Artigo 23. Contía dos incentivos.
Este precepto establece que as novas contratacións incentivaranse cunha axuda de 5.000 euros por cada persoa desempregada contratada.

Sen prexuízo do sinalado na consideración xeral deste Anexo I, enténdese que o custo máximo subvencionable debería ser o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Formúlase a mesma consideración respecto dos artigos 15.3 e 33.

Quinta .- Artigo 28. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este precepto obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada polo período mínimo dun ano.

As organizacións sindicais consideran que a dita obriga debería fixarse nun mínimo de cinco anos para evitar que se perverta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras.

Sexta .- Artigo 30. Accións subvencionables e requisitos.
Respecto das accións formativas, as organizacións sindicais consideran que se deberían incrementar as horas de formación ata equiparar, a lo menos, ao establecido para o contrato de formación e aprendizaxe (25% da xornada no primeiro ano).

Sétima .- Artigo 33. Contías dos incentivos e condicións de percepción.
As organizacións sindicais consideran que é esaxerada a contía do incentivo por unha formación incontrolada: pode chegar a 40 euros/hora. Debería reducirse sensiblemente e aplicárselle os mesmos requisitos de topes de gastos que na Orde do 22 de agosto de 2017, pola que se convocan subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión.

Oitava .- Artigo 34. Xustificación e pagamento.
Respecto do apartado 2 deste artigo no que se relaciona a documentación xustificativa a presentar, as organizacións sindicais entenden que as accións formativas deberían formar parte do Plan de formación da empresa, do que ten que darse coñecemento á representación legal dos traballadores e das traballadoras.

Novena .- Artigo 34. Xustificación e pagamento.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a xustificación recollida neste precepto é excesivamente laxa en termos económicos.

Décima .- Artigo 34. Xustificación e pagamento.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a empresa debería certificar a cada persoa traballadora a formación recibida.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 12. Instrución do procedemento.
Segundo o apartado 3 deste artigo, entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola que se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o que solicitou a axuda.

A CEG considera que debería articularse unha fórmula que permita ás entidades levar a cabo a substitución da persoa neste momento do procedemento, do mesmo xeito que se prevé esta posibilidade no artigo 28 para o momento posterior á concesión da axuda.

Segunda.- Artigo 13. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste precepto fixa o prazo para resolver as solicitudes e notificar a dita resolución en tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano tramitador.

A CEG considera que debería circunscribirse a un período inferior, dado o período de vixencia do proxecto normativo e ao tratarse, ademais, dun procedemento sen concorrencia competitiva.

Terceira.- Artigo 24. Exclusións.
O apartado 3 deste precepto exclúe dos beneficios regulados no programa as contratacións realizadas con persoas traballadoras que, nos 24 meses anteriores á data de contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido.

A CEG considera que esa exclusión debería afectar, unicamente, ás contratacións dos 12 meses anteriores, tendo en conta as circunstancias do tecido empresarial.

Cuarta.- Artigo 32. Lugar de impartición das accións.
Segundo este artigo, as entidades beneficiarias desenvolverán as accións formativas exclusivamente nas súas instalacións.

En relación co previsto no artigo 31, que permite ás entidades beneficiarias recorrer á contratación para desenvolver as accións formativas, a CEG propón que prevexa a posibilidade de levar a cabo a formación en outros centros e/ou entidades acreditadas para impartila.

Número ditame
3