Ir o contido principal

Ditame 16/22

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Proxecto de decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2023

I. ANTECEDENTES

O día 21 de xuño de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, que achega o proxecto de decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Vistos o borrador agora remitido, o texto do decreto do exercicio anterior, publicado no DOG o día 7 de xullo de 2021 e o ditame emitido polo Consello con data 7 de xuño de 2021 (Ditame 23/2021), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Segundo este proxecto de decreto “óptase polo 25 de xullo, festa de Santiago Apóstolo, como Día Nacional de Galicia. Por coincidir en domingo o día 1 de xaneiro, Aninovo, substitúese polo día 17 de maio, Día das Letras Galegas”.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2023” consta de: Exposición de motivos, tres artigos e dúas disposicións finais.

O día 1 de xullo de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, as seguintes consideracións de carácter non unánime: dúas consideracións xerais manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e SN de CC.OO. (Anexo I) e dúas consideracións xerais manifestadas polas organizacións sindicais CIG e SN de CC.OO. (Anexo II).

DITAME 16/2022

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia no calendario laboral para o ano 2023, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 21 de xuño de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 1 de xullo de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.

Primeira.- Artigo 3. Cómputo de prazos.
Segundo este precepto, as festas laborais sinaladas no artigo 1 terán o carácter de días inhábiles para os efectos de cómputo de prazos.

Este Comité considera que se debería completar o contido deste artigo 3 cunha referencia ás festividades locais do artigo 2 no senso de indicar que as ditas festividades terán, tamén, a consideración de días inhábiles cando a sede do órgano competente se sitúe na localidade correspondente.

Segunda.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Así mesmo obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións derradeiras [sic] non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais” antes de enuncialas.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA.

Primeira.
En relación con certas festas laborais referenciadas ao santoral católico, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que debería procurarse o uso de denominacións de índole laica, non confesionais.

Segunda.
As organizacións sindicais CIG, UGT- Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia fan constar, como consideración de carácter xeral, a necesidade de que o Goberno galego inste ao Goberno do Estado para levar a cabo as modificacións regulamentarias oportunas co fin de que a Comunidade Autónoma de Galicia dispoña dunha maior marxe de manobra para poder fixar as súas festas, co respecto, de ser o caso, dos compromisos internacionais asumidos polo Estado nesta materia.

De facerse a modificación que se suxire, sería posible que, dada a preponderancia na regulamentación actual de festas de natureza relixiosa, a Comunidade Autónoma galega poda optar por outras festas de carácter cívico ou laico.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG E S.N. DE CCOO DE GALICIA.

Primeira.
De acordo coa liña argumental de anos precedentes e xa que existe unha resolución do Parlamento Galego aprobada o día 9 de marzo de 2006, que establece “instar á Xunta de Galicia a sumarse expresamente aos actos do 10 de marzo e recoñecela como data de referencia de todos os esforzos e sacrificios que os traballadores e traballadoras galegas fixeron en 1972, para contribuír a traer pacificamente a democracia”, estas dúas organizacións sindicais avogan pola necesidade de institucionalizar o día 10 de marzo, como “Día da clase obreira galega”.

Segunda.
Proponse o cambio legal da denominación da festa do 25 de xullo, que figura no artigo 1 deste proxecto normativo como “Día Nacional de Galicia”, para que pase a designarse como “Día da Patria Galega”.

Número ditame
16