Ir o contido principal

Ditame 28/21

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Proxecto de decreto polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción en Galicia e o seu rexistro administrativo.
  1. ANTECEDENTES

O día 28 de xuño de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega proxecto de decreto polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción en Galicia e o seu rexistro administrativo. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

O procedemento para a acreditación das empresas de inserción, o proceso de incorporación a estas das persoas en exclusión e a participación dos distintos organismos implicados recóllense no Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, se crea o seu rexistro administrativo e se establecen as medidas para o fomento da inserción sociolaboral, desenvolvido pola Orde do 29 de decembro de 2008 pola que se regula o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral e a organización e funcionamento do seu rexistro administrativo.

Segundo a exposición de motivos, é necesario actualizar as previsións recollidas nas ditas normas, para adaptalas á  Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción e na Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, e en execución do compromiso recollido na Estratexia de Economía Social de Galicia.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido destácanse os seguintes aspectos:

O artigo 1 deste proxecto establece, como obxecto da norma:

  1. a) Regular o procedemento de cualificación das empresas de inserción na Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. b) Establecer a organización e funcionamento do Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia.
  3. c) Determinar o procedemento para incorporar as persoas afectadas polas situacións de exclusión social ás empresas de inserción e realizar o seu seguimento.

Os requisitos que deben concorrer nas empresas de inserción e as súas entidades promotoras relaciónanse no artigo 3.

A sección segunda do Capítulo II regula o procedemento de cualificación provisional como empresa de inserción. Unha vez obtida a dita cualificación, a empresa interesada debe solicitar no prazo máximo dun ano a cualificación definitiva (artigo 12); este procedemento regúlase na sección terceira.

Pola súa banda, o artigo 17 recolle as causas de descualificación como empresa de inserción.

O Rexistro administrativo de empresas de inserción de Galicia, cuxo funcionamento se regula no Capítulo III deste proxecto, ten por obxecto a inscrición das empresas que obtivesen a cualificación de empresas de inserción, así como de outros actos rexistrais que se determinen neste decreto (artigo 19).

Para a incorporación dunha persoa a unha empresa de inserción, o artigo 24 esixe que concorran as seguintes circunstancias:

- que se atopa en situación ou risco de exclusión social.

- que está desempregada e inscrita no Servizo Público de Emprego.

- que non ten prestado servizos na mesma ou noutra empresa de inserción nos dous anos anteriores.

O itinerario de inserción, regulado no artigo 26, é o marco de traballo no que as partes intervenientes establecen de mutuo acordo as actuacións necesarias para lograr unha plena participación social e laboral da persoa traballadora. O seguimento dos ditos itinerarios recóllese no artigo 28.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de decreto polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción en Galicia e o seu rexistro administrativo” consta de: Exposición de motivos, vinte e oito artigos, dúas disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha derrogatoria e dúas finais.

O día 12 de xullo de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e tres consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como Anexo, unha consideración específica non unánime manifestada polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT- Galicia.

 

 

DITAME 28/2021

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de decreto polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción en Galicia e o seu rexistro administrativo, da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de xuño de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de xullo de 2021, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira

No texto emprégase o masculino xenérico ( por exemplo “traballadores” nos artigos 13 e 22, entre outros) que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva.

Obsérvase o emprego das letras j e k na clasificación dos artigos 9, 13 e 21, impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Pola súa banda, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Segunda

Na exposición de motivos bótase en falta a fórmula empregada en todos os proxectos normativos sometidos a ditame na cal se indica que no procedemento de tramitación do devandito texto se consultou ao Consello Galego de Relacións Laborais.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.-Artigo 4. Forma de presentación das solicitudes e da documentación complementaria.

No apartado 2 deste precepto faise referencia ás persoas interesadas cando as destinatarias das axudas son entidades, polo que se considera que debería corrixirse a dita referencia.

O mesmo se observa nos artigos 5, 9, 10, 13 e 14.

Segunda.-Artigo 6. Resolución.

O apartado 3 deste artigo fixa o prazo para resolver e notificar en 3 meses.

Este Comité considera que se debería indicar que se trata dun prazo máximo.

Terceira.-Artigo 26. Itinerario de inserción.

Este artigo recolle a posibilidade de que o itinerario sexa realizado ben polo servizo público de emprego ben pola entidade beneficiaria das axudas.

Este Comité propón que se articulen as medidas precisas para asegurar a necesaria coordinación entre estas distintas opcións.

 

ANEXO

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA.

Artigo 2. Persoas beneficiarias dun proceso de inserción a través dunha empresa de inserción.

Segundo o último parágrafo do apartado 2 deste precepto, considerarase que unha persoa se atopa en situación ou risco de exclusión cando sexa perceptora da renda de inclusión social de Galicia ou forme parte da unidade de convivencia dunha persoa perceptora.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que no dito parágrafo se deberían incluír, así mesmo, as persoas perceptoras do ingreso mínimo vital.

En coherencia, tamén deberían modificarse neste senso os artigos 14 e 28.

Número ditame
28