Ir o contido principal

Ditame 30/21

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da axuda extraordinaria para as persoas traballadoras afectadas por un expediente de regulación temporal de emprego como consecuencia da crise derivada pola Covid-19
  1. ANTECEDENTES

O día 1 de xullo de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da axuda extraordinaria para as persoas traballadoras afectadas por un expediente de regulación temporal de emprego como consecuencia da crise derivada pola Covid-19. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos “a figura dos expedientes de regulación temporal de supón a suspensión con carácter temporal dos contratos ou a redución de xornada por un tempo determinado cando existan causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción o derivadas de forza maior, como foi a pandemia”.

 

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido destácanse os seguintes aspectos:

 

Segundo o artigo 1, esta orde ten por obxecto compensar a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras que se encontren afectadas por un ERTE derivado da Covid-19, con suspensión total ou parcial do seu contrato.

O crédito orzamentario para financiar estas axudas é de 3.000.000€ (artigo 3).

O artigo 4 recolle os requisitos que deben concorrer nas persoas beneficiarias en relación á súa situación en ERTE e ás rendas obtidas no período impositivo de 2020.

A contía da axuda será de 500 euros por persoa beneficiaria (artigo 5).

O procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva e regúlase no artigo 7, segundo o cal o criterio a ter en conta é o da duración da situación en ERTE.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a contar desde o día seguinte ao da publicación desta orde (artigo 10) e o prazo de resolución fíxase en 3 meses desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación (artigo 13).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da axuda extraordinaria para as persoas traballadoras afectadas por un expediente de regulación temporal de emprego como consecuencia da crise derivada pola Covid-19” consta de: Exposición de motivos, vinte artigos, tres disposicións  adicionais e dúas finais.

 

O día 12 de xullo de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e tres consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

 

 

 

 

 

 

DITAME 30/2021

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da axuda extraordinaria para as persoas traballadoras afectadas por un expediente de regulación temporal de emprego como consecuencia da crise derivada pola Covid-19, da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 1 de xullo de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de xullo de 2021, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.

Este Comité observa que no texto do proxecto normativo sometido a ditame non se recolle a regulación do pagamento das axudas e considera que se deberían recoller os aspectos relativos ao mesmo.

 Segunda

Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

 Terceira

Na exposición de motivos bótase en falta a fórmula empregada en todos os proxectos normativos sometidos a ditame na cal se indica que no procedemento de tramitación do devandito texto se consultou ao Consello Galego de Relacións Laborais.

  

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 Primeira.-Artigo 4. Requisitos das persoas beneficiarias.

O apartado b) deste precepto esixe que as persoas beneficiarias das axudas se encontren incluídas nun ERTE no período temporal do 14 de marzo de 2020 ao 31 de xullo de 2021, ambos inclusive, ao menos 12 meses , aínda que sexa de maneira interrompida.

Este Comité considera que se deberían ter en conta criterios de proporcionalidade no suposto de contratos a tempo parcial.

 Segunda.- Artigo 4. Requisitos das persoas beneficiarias.

Pola súa banda, o apartado c) deste artigo establece como requisito que o importe das rendas obtidas durante o período impositivo 2020 no Imposto sobre a Renda de Persoas Físicas non excedese de 14.000 euros.

Este Comité propón que se modifique esa redacción de xeito que se requira que o importe da totalidade dos rendementos declarados no período impositivo 2020 no Imposto sobre a Renda de Persoas Físicas non excedese de 14.000 euros.

 Terceira.- Artigo 13. Tramitación e resolución das axudas.

Segundo o apartado 3 deste artigo, o prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses a contar dende a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Este Comité considera que o devandito prazo debería abreviarse ao máximo, xa que resulta excesivo tendo en conta, especialmente, o carácter social destas axudas.

 

Número ditame
30