Ir o contido principal

Ditame 36/23

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:07
Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2024.
  1. ANTECEDENTES

 

O día 23 de outubro de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2024.

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos, esta orde “establece as axudas para o ano 2023 referentes a creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial, en cumprimento do disposto na Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e co fin de facilitar ás asociacións empresariais e ás organizacións sindicais intersectoriais o exercicio das funcións e facultades a que se refire a referida lei, en concreto a promoción do funcionamento dos seus gabinetes técnicos”.

 

 

Con respecto ao texto da orde anterior, cómpre destacar unha modificación:

 

En canto aos criterios de valoración das solicitudes recollidos no artigo 19, obsérvase o incremento da puntuación outorgada polo emprego efectivo da lingua galega de 1 a 3 puntos.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2023 (publicado no DOG o día 6 de febreiro de 2023) e o ditame emitido polo Consello con data 28 de novembro de 2022 (Ditame 34/2022), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

 

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2024” consta de: Exposición de motivos, trinta e dous artigos, dúas disposicións adicionais e tres finais.

 

O día 9 de novembro de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e seis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións específicas de carácter non unánime seguintes: unha manifestada polas organizacións sindicais SN de CCOO de Galicia e UGT e pola Confederación de Empresarios de Galicia (ANEXO I), unha manifestada pola CEG (ANEXO II) e dúas consideracións manifestadas pola CIG (ANEXO III).

 

 

 

 

DITAME 36/2023

 

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2024, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de novembro de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

 

 

 

 

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS

 

Primeira.

Este Comité considera que se deberían incrementar as contías das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento do gabinetes técnicos, xa que as actuais resultan insuficientes para o seu mantemento.

 

Segunda.

Obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.

 

Finalmente, as tres disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.- Artigo 2. Actividades subvencionables.

Este Comité considera que se deberían recuperar, como subvencionables, as actividades de formación, xa que resulta necesario desenvolvelas simultaneamente coas actividades de información e difusión.

 

Segunda.- Artigo 8. Requisitos dos gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral

Este artigo recolle no seu último parágrafo, como novidade, que os gabinetes cuxa creación tivese lugar en convocatorias anteriores terán que manter a súa actividade durante todo o ano natural.

 

Este Comité considera que este parágrafo debería eliminarse xa que impón unha obriga retroactiva.

 

Subsidiariamente, proponse que sexa esixible unicamente a partir dun prazo desde a publicación da nova convocatoria no DOGA e que sexa flexible a súa interpretación.

 

Sen prexuízo do antes sinalado, tamén debería clarificarse que implica esta obriga nos supostos de baixas (voluntarias e outras situacións) das persoas contratadas.

 

Terceira.- Artigo 9. Gastos subvencionables e período de imputación.

O apartado 3 do artigo 9 relaciona os gastos das actividades levadas a cabo que resultan imputables.

Pola súa banda, o artigo 24 relativo á documentación que debe presentarse a efectos de xustificación fai referencia, no seu apartado VI, aos gastos específicos das accións, botándose en falta mención expresa a estes últimos no antedito artigo 9.3.

 

Á vista disto, este Comité considera que debería haber unha concordancia entre os dous preceptos sinalados.

 

Cuarta.- Artigo 23. Xustificación da subvención.

O comité solicita que en vindeiras convocatorias da orde sexan incrementados os anticipos previstos neste artigo e se prevexa un anticipo do 90%, tal e como se fai noutros proxectos que se están a informar por este Comité, como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024.

 

Quinta.- Artigo 29. Gradación dos incumprimentos.

O artigo 27.1  determina o reintegro da totalidade da axuda concedida nos casos que relaciona.

 

O comité considera excesiva esta penalización para os casos descritos.

 

Por outra banda, considera que a letra b) do apartado 1 do mesmo artigo, debería ter unha redacción máis clara por existir unha sucesión de remisións a varios artigos. A citada letra b) remite ao artigo 26 que a súa vez remite aos artigos 11 e 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

 

Sexta.- Anexo VI. Modelo de xustificación técnica ou informe final da actividade subvencionada.

Este Comité considera que a ficha de seguimento de actuacións dos gabinetes técnicos (apartado H), debería ser reformulada xa que hai unha serie de actividades previstas no artigo 2 que non se recollen no dito apartado H.

 

 

 

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS SN de CCOO de Galicia, UGT-GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Artigo 24. Documentación requirida para a xustificación do pagamento.

 

No apartado 2, letra i), III, gastos de persoal, o comité solicita que se especifiquen de xeito diferenciado os documentos a presentar para os diferentes supostos: formación específica ou acreditación de experiencia.

 

 

 

ANEXO II

 

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CEG

 

Artigo 8. Requisitos dos gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral

 

Para poderen ser obxecto de subvención, os gabinetes técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial deberán estar integrados como mínimo por:

  1. 1 persoa cunha titulación de grado ou equivalente e contratada nos grupos de cotización 1 ou 2 a tempo completo, que acredite unha experiencia na elaboración de plans de igualdade e na implantación e seguimento de medidas de igualdade nas empresas de polo menos 2 anos, e unha formación mínima de 200 horas en materia de igualdade de xénero e de oportunidades entre mulleres e homes.
  2. ou unha persoa con titulación de “Técnico superior en promoción da igualdade de xénero”, contratada a tempo completo no grupo de cotización que lle corresponda como personal técnico superior.

Respecto do previsto no apartado a), solicítase que se manteña a redacción da orde reguladora de 2022, e polo tanto que se permita que a persoa adscrita ao gabinete teña experiencia e/ou formación e que a experiencia se teña en conta tamén como se configuraba na Orde de 2022. Na nova redacción é un requirimento moi excluínte para procesos selectivos do persoal mínimo dos Gabinetes.

 

ANEXO III

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG

 

 

Primeira.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.

A CIG propón que se estableza, neste precepto, que para poder ser beneficiarias da presente subvención, as entidades terán que contar, na actualidade, cun plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes rexistrado e en vigor, segundo o establecido nos artigos 45 e 46 da L.O. 3/2007.

 

Segunda.- Artigo 9. Gastos subvencionables e período de imputación.

O apartado 3.b) deste artigo permite imputar os gastos derivados da subcontratación.

 

A CIG considera que estes gastos deberían limitarse, unicamente, a actividades específicas e concretas dos gabinetes.

Número ditame
36