Ir o contido principal

Ditame 28/22

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023

I. ANTECEDENTES

O día 14 de outubro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos esta orde financia “plans de formación de ámbito autonómico compostos por actividades formativas dirixidas á capacitación para o diálogo social e a negociación colectiva, promovidos polas organizacións sindicais ou asociacións empresariais representativas no devandito ámbito autonómico”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para os exercicios de 2021 e 2022 (publicado no DOG o día 3 de setembro de 2021) e o ditame emitido polo Consello con data 24 de maio de 2021 (Ditame 18/2021), obsérvase que se tiveron en conta algunhas consideracións de fondo das manifestadas polo Comité, así como unha de carácter formal.

Respecto da orde anterior, obsérvanse as seguintes modificacións:

O artigo 4 introduce a relación das axudas que se entenderán incompatibles coa subvención regulada neste proxecto.

En canto ao financiamento, obsérvase que a contía total increméntase en 29.249 euros (584.213€) tendo en conta, ademais, que a dita contía asígnase a unha única anualidade, mentres que a orde anterior a distribuía en dúas anualidades (artigo 6).

En canto ao período de execución das actividades formativas, o artigo 9 establece que deberán executarse entre a data de notificación da concesión da axuda e o 31.10.2023, mentres que na orde anterior se fixaba o período dun ano desde esa notificación.

Entre a documentación complementaria que esixe o artigo 13, xa non se recolle o estudo das necesidades formativas detectadas na materia obxecto de subvención, a identificación do colectivo destinatario nin o plan de seguimento e avaliación das actuacións, todo isto en relación co plan de formación solicitado.
O artigo 17 engade a posibilidade de que non se apliquen os criterios de valoración no suposto de que, instruídas todas as solicitudes, o importe das axudas que se concedan sexa inferior ou igual ao orzamento previsto na orde.

O réxime de anticipos que recolle o artigo 18 presenta varias modificacións. Así, o primeiro anticipo págase de oficio no momento en conste a aceptación da subvención, sen que a entidade beneficiaria teña que solicitalo. Ao igual que na orde anterior, este anticipo sería do 25%.

O segundo anticipo (do 35%) pode pedirse unha vez acreditado o inicio do plan de formación e, unha vez acreditada a execución do 50% do plan de formación, procederase ao pagamento anticipado do 40% restante da subvención concedida.

O prazo de presentación da documentación xustificativa remata o 15 de novembro de 2023, segundo o artigo 21. A orde anterior fixaba un período de 3 meses a contar desde a finalización do prazo de execución, ademais de regular a xustificación relativa aos anticipos, previsión que se elimina neste novo proxecto.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023” consta de: Exposición de motivos, vinte e nove artigos, unha disposición adicional e tres finais.

O día 28 de outubro de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xeral e nove específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén, como anexo, dúas consideracións específicas de carácter non unánime manifestadas pola CEG.

DITAME 28/2022

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de outubro de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de outubro de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.
Este Comité considera que tendo en conta que, nos exercicios 2019 e 2020, non se realizaron convocatorias das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva, cando noutras comunidades si se publicaron convocatorias, habería de explicitarse o destino dos fondos previstos para tal fin neses exercicios e aclarar se se teñen reanualizado e sumado nas convocatorias para os anos 2021 e 2022 ou, no seu caso, nesta nova convocatoria.

Segunda.
A disposición adicional primeira debería figurar como disposición adicional única.

Ademais, este Comité considera que as tres disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega. Finalmente, chama a atención que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Artigo 2. Liñas e actividades subvencionables.
O primeiro inciso do apartado 1 deste precepto recolle os plans de formación para cuxa realización se conceden as axudas.
Este Comité considera que o termo destacado en cursiva se debería eliminar e facerse a referencia a “actividades ou iniciativas formativas”.

Segunda.- Artigo 2. Liñas e actividades subvencionables.
Este Comité considera que se debería clarificar a diferenza real que existe entre os conceptos de curso, xornada e seminario.

Terceira.- Artigo 4. Réxime de concesión e incompatibilidades.
Este artigo engade unha serie de incompatibilidades coas axudas previstas nesta orde, en particular, coas axudas á creación e funcionamento dos gabinetes técnicos.

Este Comité considera que se debería aclarar que se trata de axudas complementarias que serían incompatibles unicamente en canto aos gastos que subvencionan, xa que o persoal dos gabinetes técnicos poden ter encomendada o deseño, coordinación, seguimento e avaliación das accións formativas subvencionadas con esta orde, sen realizar a impartición concreta das accións formativas.

Cuarta.- Artigo 5. Entidades beneficiarias.
Segundo os apartados 1.a) 1º e 2º, poden ser entidades beneficiarias da liña I de axudas as organizacións sindicais e empresariais que participan en dito ámbito nos termos establecidos, respectivamente, na Lei Orgánica de Liberdade Sindical e no Estatuto dos Traballadores.

Este Comité reitera a necesidade de que se especifique que se trata das organizacións sindicais e empresariais de carácter intersectorial.

Ademais, chama a atención o feito de que na resposta remitida pola Subdirección Xeral de Relacións Laborais ao ditame do exercicio anterior, se indicaba que esta consideración fora aceptada cando nin na orde finalmente publicada nin no novo proxecto normativo se observa o considerado.

Quinta.- Artigo 9. Gastos subvencionables e período de imputación.
O apartado 1 deste precepto fixa, como límite máximo para a execución das accións formativas, o 31 de outubro de 2023.

Este Comité considera que se debería recuperar a previsión contida na orde para o anterior exercicio, que fixaba o prazo dun ano desde a notificación da resolución de concesión da axuda.

Así mesmo, e en consecuencia, proponse que se recupere o prazo de tres meses desde a finalización do período de execución para presentar a documentación xustificativa, tal e como prevía a orde anterior e que o actual artigo 21 fixa no 15 de novembro de 2023.

Sexta.- Artigo 9. Gastos subvencionables e período de imputación.
Respecto do apartado 4.b, este Comité propón que o límite da suma do custos indirectos se fixe no 15% do custo total da actividade, xa que o actual límite do 10% é demasiado baixo.

Así mesmo, considérase que dentro dos custos de persoal de apoio interno e externo, deben engadirse expresamente os necesarios para coordinar a actividade formativa, ademais dos gastos para a súa xestión e execución.

Sétima.- Artigo 13. Documentación complementaria.
O apartado 8º deste precepto esixe achegar, xunto coa solicitude, outras actuacións que, sen custo adicional, as organizacións realicen no desenvolvemento das actividades formativas.

Este Comité propón que se elimine o inciso destacado en cursiva.

Oitava.- Artigo 13. Documentación complementaria.
O apartado 4 relaciona a documentación que deben achegar, adicionalmente, os membros asociados da entidade beneficiaria que se comprometan a executar a totalidade ou parte da actividade que fundamenta a concesión da subvención en nome e por conta desta.

Este Comité considera que procede mellorar a redacción deste apartado indicando que no caso dos membros asociados soamente resulta esixible a documentación que figura nos apartados c), d) e e), adaptando a redacción do devandito artigo ao previsto no artigo 8 da Lei 9/2017, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia.

Novena.- Artigo 17. Criterios de valoración das solicitudes.
O apartado 1.a) valora con ata 70 puntos a representatividade das organizacións solicitantes das axudas.

Este Comité propón que se incremente a dita puntuación ata 80 puntos.


ANEXO

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira. - Artigo 13. Documentación complementaria.
Segundo o apartado 1.c) deste precepto, as organizacións empresariais ou fundacións ou outras entidades constituídas por estas deben achegar un certificado onde conste o número de empresas cos que conta.

A CEG considera que para as axudas reguladas na liña I, debería admitirse a posibilidade de acreditar a representatividade en función do criterio de participación institucional.

Segunda. - Artigo 17. Criterios de valoración das solicitudes.
A representatividade das asociacións empresariais acreditarase mediante certificado emitido polo representante legal, onde se indique o número de empresas cos que contan con respecto á totalidade de empresas das entidades concorrentes, segundo dispón o apartado 1.a) 2º deste artigo.

Na mesma liña que a consideración anterior, a CEG propón que se permita acreditar a representatividade en función do criterio de participación institucional.

Número ditame
28