- ANTECEDENTES
O día 3 de maio de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos esta orde financia “plans de formación de ámbito autonómico compostos por actividades formativas dirixidas á capacitación para o diálogo social e a negociación colectiva, promovidos polas organizacións sindicais ou asociacións empresariais representativas no devandito ámbito autonómico”.
Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido destácanse os seguintes aspectos:
Segundo os artigos 2 e 5, a subvención regulada neste proxecto concédese para a realización de plans de formación compostos por actividades formativas dirixidas á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e a negociación colectiva promovidos polas organizacións sindicais ou empresariais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as fundacións ou outras entidades constituídas por aquelas (LIÑA I) e polas organizacións sindicais e empresariais que participan no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as fundacións ou outras entidades constituídas por aquelas (LIÑA II).
O artigo 2 regula aspectos como as áreas de formación (plans de igualdade, conciliación, etc), a duración das actividades ou o número máximo de participantes.
O crédito asignado a estas axudas é de 554.964 euros (artigo 6).
Pola súa banda, o artigo 9 relaciona os gastos subvencionables ao abeiro desta orde.
Os criterios de valoración das solicitudes recóllense no artigo 17 e son os seguintes:
- Representatividade das organizacións solicitantes
- Formulación xeral, deseño e contido do plan de formación
Cómpre destacar tamén o artigo 21, que regula o sistema de pagamento de ata tres anticipos do 25%, 35% e 40%, respectivamente, do importe da subvención concedida.
Finalmente, o artigo 22 establece que os plans de formación que se financien ao amparo desta convocatoria, poderanse executar durante un ano desde a data de notificación as entidades beneficiarias da resolución de concesión da subvención, agás que na resolución de concesión se estableza unha data posterior.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2021” consta de: Exposición de motivos, trinta artigos, unha disposición adicional e tres finais.
O día 24 de maio de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e oito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén, como anexo, dúas consideracións específicas de carácter non unánime manifestadas pola CEG.
|
DITAME 18/2021
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2021, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de maio de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de maio de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Este Comité considera que tendo en conta que non se realizaron convocatorias das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva en exercicios anteriores (anos 2019 e 2020), cando noutras comunidades si se publicaron convocatorias, habería de explicitarse o destino dos fondos previstos para tal fin en exercicios anteriores e aclarar se se teñen reanualizado e sumado nesta convocatoria.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Artigo 2. Liñas e actividades subvencionables.
O primeiro inciso do apartado 1 deste precepto recolle os plans de formación para cuxa realización se conceden as axudas.
Este Comité considera que o termo destacado en cursiva se debería eliminar e facerse a referencia a “actividades formativas ou iniciativas”.
Segunda.- Artigo 2. Liñas e actividades subvencionables.
No último ítem do apartado 1 faise mención aos talleres de expertos.
Este Comité considera que o termo axeitado é o de obradoiros.
Terceira.- Artigo 2. Liñas e actividades subvencionables.
Este Comité considera que a duración prevista no apartado 4 deste artigo para as actividades formativas subvencionables debería ampliarse e fixarse, en todo caso, en 48 horas xa que a prevista pode resultar escasa, por exemplo, no caso dos encontros internacionais.
Cuarta.- Artigo 5. Entidades beneficiarias.
Segundo os apartados 1.a) e1.b), poden ser entidades beneficiarias da liña I de axudas as organizacións sindicais e empresariais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Este Comité considera que se debería especificar que se trata das organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Quinta.- Artigo 13. Documentación complementaria.
Este Comité propón ampliar a redacción do apartado 1.b) deste artigo de xeito que se requira a documentación acreditativa da representatividade da organización solicitante no correspondente ámbito territorial, sectorial e intersectorial, segundo corresponda.
Sexta.- Artigo 13. Documentación complementaria.
O apartado 13º deste precepto esixe achegar, xunto coa solicitude, outras actuacións que, sen custo adicional, as organizacións realicen no desenvolvemento das actividades formativas.
Este Comité propón que se elimine o inciso destacado en cursiva.
Sétima.- Artigo 13. Documentación complementaria.
O apartado 4 relaciona a documentación que deben achegar, adicionalmente, os membros asociados da entidade beneficiaria que se comprometan a executar a totalidade ou parte da actividade que fundamenta a concesión da subvención en nome e por conta desta.
Este Comité considera que procede mellorar a redacción deste apartado indicando que no caso dos membros asociados soamente resulta esixible a documentación que figura nos apartados c), d) e e).
Oitava.- Artigo 17. Criterios de valoración das solicitudes.
O apartado 1.a) valora con ata 70 puntos a representatividade das organizacións solicitantes das axudas.
Este Comité propón que se incremente a dita puntuación ata 80 puntos.
ANEXO
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira. - Artigo 13. Documentación complementaria.
Segundo o apartado 1.c) deste precepto, as organizacións empresariais ou fundacións ou outras entidades constituídas por estas deben achegar un certificado onde conste o número de empresas cos que conta.
A CEG considera que para as axudas reguladas na liña I, debería admitirse a posibilidade de que acreditar a representatividade en función do criterio de participación institucional.
Segunda. - Artigo 17. Criterios de valoración das solicitudes.
A representatividade das asociacións empresariais acreditarase mediante certificado emitido polo representante legal, onde se indique o número de empresas cos que contan con respecto á totalidade de empresas das entidades concorrentes, segundo dispón o apartado 1.a) 2º deste artigo.
Na mesma liña que a consideración anterior, a CEG propón que se permita acreditar a representatividade en función do criterio de participación institucional.