- ANTECEDENTES
O día 29 de xuño de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos “as empresas de economía social teñen demostrado a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente facilitar a súa consolidación como un dos factores que pode permitir a existencia de estruturas permanentes de emprego de calidade”.
Nesta orde implántanse tres liñas de apoio á consolidación das entidades da economía social co obxectivo de contribuír á súa mellora competitiva con especial incidencia na transformación dixital: Unha liña orientada a investimentos enfocados á transformación dixital da entidade, outra liña destinada á profesionalización e desenvolvemento estratéxico mediante a contratación de servizos especializados para a elaboración de plans e estudos e unha final enfocada a mellorar a competitividade a través de investimentos comúns nos negocios.
Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido destácanse os seguintes aspectos:
Poderanse acoller ás subvencións reguladas neste proxecto as sociedades cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego que cumpran os requisitos relacionados no artigo 5.
Segundo o artigo 7 para a Liña I (Transformación dixital da entidade) prevese unha axuda de 10.000€, para a liña II (profesionalización e desenvolvemento estratéxico co apoio de servizos externos especializados, que impliquen novos métodos de organización, melloras nas rutinas e procedementos de xestión de traballo) a contía da axuda sería de 5.000€ e, finalmente, para a liña III (mellora da competitividade a través de investimentos comúns) fíxase unha axuda de 5.000€.
O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2021, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito (artigo 27) e o prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses desde a presentación da solicitude (artigo 16).
Pola súa banda, o artigo 19 prevé o pagamento dun anticipo do 90% do importe da subvención concedida para cada anualidade, que se realizará de oficio tras a aceptación da subvención por parte da entidade beneficiaria.
En canto ao financiamento das axudas, o artigo 30 fixa en 2.875.000€ o orzamento total para esta convocatoria.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022” consta de: Exposición de motivos, trinta artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.
O día 12 de xullo de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dúas consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Contén así mesmo, como Anexo, unha consideración específica non unánime manifestada polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT- Galicia.
|
DITAME 29/2021
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022, da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 29 de xuño de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de xullo de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira
Entendendo que a economía social está chamada a xogar un importante papel en época de crise, este Comité considera que non hai correlación entre os recursos destinados a este sector a través de diversas ordes de axudas e os destinados a outros sectores e empresas, así como ás súas persoas traballadoras, nunha situación socio-económica como a actual.
Segunda
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.
Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.-Artigo 19. Anticipos de pagamento.
Este artigo prevé o pagamento de ata o 90 % do importe da subvención concedida para cada anualidade que se realizará de oficio tras a aceptación da subvención.
Este Comité valora positivamente o anticipo para as entidades de economía social e suxire que, na liña de continuar co apoio ao terceiro sector ó que fai referencia a Exposición de Motivos deste proxecto normativo, esa regulación dos anticipos que recolle este artigo sexa común a todas as persoas e entidades beneficiarias das ordes de axudas que tramita a Consellería de Emprego e Igualdade.
Segunda.-Artigo 27. Presentación de solicitudes.
Segundo este precepto, o prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2021. Non obstante, se o período de presentación resultase inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir da publicación no DOG.
Tendo en conta a data na que este proxecto está a ser tramitado, así como a previsión da data de publicación no DOG, este Comité considera que estamos ante un prazo demasiado curto que debería ser ampliado.
En consecuencia, procedería tamén ampliar os prazos previstos nos artigos 28 e 29 relativos aos prazos de execución e de xustificación, respectivamente.
ANEXO
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA.
Artigo 5. Entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo.
O apartado 1 deste precepto relaciona os requisitos que deben cumprir as entidades para poderen ser beneficiarias destas axudas, entre eles, o de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social, tal e como recolle a letra e) do dito apartado.
As organizacións sindicais que fan parte deste Comité consideran que se deberían engadir as obrigas laborais dentro do disposto nese ítem.