- ANTECEDENTES
O día 24 de febreiro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para as anualidade 2022.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos “as empresas de economía social teñen demostrado a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente facilitar a súa consolidación como un dos factores que pode permitir a existencia de estruturas permanentes de emprego de calidade.
A consolidación das entidades de economía social é crucial nestes tempos de crise nos que existe unha grave perturbación na economía galega provocada pola COVID-19, motivo polo que se fai necesario fortalecer a actividade económica no eido da economía social, mediante axudas que apoien a súa consolidación, con fórmulas amparadas polas excepcións do artigos 107, apartado 3, letras b) e c) do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE), fórmulas que por unha banda tratan de poñer remedio a unha grave perturbación económica da economía Galega e por outra facilitar o desenvolvemento e a consolidación da economía social, ao tempo que se garante o mantemento dun emprego de calidade.
Nesta orde apoiase a consolidación das entidades da economía social co obxectivo de contribuír ao seu mantemento e á súa mellora competitiva con especial incidencia na transformación dixital e na eficiencia enerxética”.
Poderanse acoller ás subvencións reguladas neste proxecto as sociedades cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego que cumpran os requisitos relacionados no artigo 5.
O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2022, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito (artigo 27) e o prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses desde a presentación da solicitude sen que poda superar o 31 de decembro de 2022 (artigo 16).
Pola súa banda, o artigo 19 prevé o pagamento dun anticipo do 90% do importe da subvención concedida, que se realizará de oficio agás oposición expresa da entidade interesada.
En canto ao financiamento das axudas, o artigo 30 fixa en 1.800.000 € o orzamento total para esta convocatoria.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2021, publicada no DOG o día 18 de agosto de 2021, e o ditame emitido polo Consello con data 12 de xullo de 2021 (ditame 29/2021), obsérvase que se tivo en conta parcialmente unha consideración sobre o fondo manifestada polas organizacións sindicais e empresarial.
Con respecto á orde anterior destácanse os seguintes aspectos:
O artigo 1, no seu parágrafo dous, engade a mellora na eficiencia enerxética como impulso á actividade económica, incremento da competitividade e a creación de empregos de calidade.
No artigo 6 cámbianse as liñas de axuda por conceptos subvencionables.
O artigo 7, ó substituírse no artigo anterior as liñas de axuda por conceptos subvencionables, cambia a súa redacción, quedando deste xeito:
“A contía da axuda será equivalente ao 80 % do custo total dos gastos subvencionables, cos límites seguintes: 3.000 € para cada un dos gastos incluídos nos conceptos 3, 8, 9, e 10 do artigo 6”. Os conceptos do artigo 6 referidos son: márketing, comunicación ou relanzamento comercial; obtención de certificados de calidade; e plan de protección de datos.
No artigo 9 establécese que as axudas establecidas na orde quedan sometidas ao réxime de axudas de minimis e se marcan os límites cuantitativos establecidos nos diferentes regulamentos.
O orzamento previsto no artigo 30 para as axudas, baixa de 2.875.000 € previstos para a anterior convocatoria a 1.800.000 €.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2022” consta de: exposición de motivos, trinta artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.
O día 7 de marzo de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e unha consideración específica de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Contén así mesmo, como Anexo, unha consideración específica non unánime manifestada polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT- Galicia.
|
DITAME 5/2022
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2022, da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de febreiro de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de marzo de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira
Entendendo que a economía social está chamada a xogar un importante papel en época de crise, este Comité considera que non hai correlación entre os recursos destinados a este sector a través de diversas ordes de axudas e os destinados a outros sectores e empresas, así como ás súas persoas traballadoras, nunha situación socio-económica como a actual.
Segunda
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.
Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.-Artigo 19. Pagamentos anticipados.
Este artigo prevé o pagamento de ata o 90 % do importe da subvención concedida para cada anualidade que se realizará de oficio tras a aceptación da subvención.
Tendo en conta a resposta da consellería, este comité reitera a nosa valoración positiva do anticipo para as entidades de economía social e considera, por tanto, que esta regulación dos anticipos pode ser a norma habitual para todas as orde de axudas que tramite a Consellería de Emprego e Igualdade.
ANEXO
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA.
Artigo 5. Entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo.
O apartado 1 deste precepto relaciona os requisitos que deben cumprir as entidades para poderen ser beneficiarias destas axudas, entre eles, o de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social, tal e como recolle a letra e) do dito apartado.
As organizacións sindicais que fan parte deste Comité consideran que se deberían engadir as obrigas laborais dentro do disposto nese ítem.