Ir o contido principal

Ditame 22/21

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do III Plan de Rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise da COVID-19 mediante axudas directas para o apoio á solvencia e redución do endebedamento do sector privado, a través do Programa I de persoas traballadoras autónomas en estimación obxectiva (TR600A), do Programa II de persoas traballadoras autónomas ou empresas con 10 persoas traballadoras ou menos e empresas de ata 25 persoas traballadoras cun volume de facturación de ata dous millóns de euros (TR600B) e do Programa III (TR 600C) de persoas traballadoras autónomas e empresas con máis de 10 persoas traballadoras e cun volume de facturación de máis de 2 millóns de euros, e empresas de máis de 25 persoas traballadoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.
  1. ANTECEDENTES

O día 27 de maio de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do  III Plan de Rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise da COVID-19 mediante axudas directas para o apoio á solvencia e redución do endebedamento do sector privado, a través do Programa I de persoas traballadoras autónomas en estimación obxectiva (TR600A),  do Programa II de  persoas traballadoras autónomas ou empresas con 10 persoas traballadoras ou menos e empresas de ata 25 persoas traballadoras cun volume de facturación de ata dous millóns de euros  (TR600B) e do Programa III (TR 600C) de persoas traballadoras autónomas e empresas con máis de 10 persoas traballadoras e cun volume de facturación de máis de 2 millóns de euros, e empresas de máis de 25 persoas traballadoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, “o Estado aprobou o Real Decreto Lei 5/2021, do 12 de marzo, de medidas extraordinarias de apoio a solvencia empresarial en resposta a pandemia da COVID-19, crea unha Liña Covid de axudas directas a persoas autónomas e empresas para o apoio á solvencia e redución do endebedamento do sector privado”.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido destácanse os seguintes aspectos:

O artigo 1 relaciona os tres programas que integran este III Plan de Rescate:

-Programa I de apoio as persoas traballadoras autónomas en estimación obxectiva

-Programa II de apoio as persoas traballadoras autónomas ou empresas con 10 persoas traballadoras ou menos e empresas de ata 25 persoas traballadoras cun volume de facturación de ata 2 millóns de euros.

-Programa III de apoio as persoas traballadoras autónomas, empresas con máis de 10 traballadores e cun volume de facturación de máis de 2 millóns de euros, ou empresas de máis de 25 persoas traballadoras.

O orzamento total asignado ás axudas reguladas neste proxecto de orde ascende a 214.470.000 euros, tal e como recolle o artigo 5.

Pola súa banda, o artigo 6 recolle que persoas traballadoras autónomas poden ser beneficiarias das axudas, en función da actividade económica que exerzan, a caída do volume de operacións anual no ano 2020 respecto do ano 2019 ou a caída do volume de operacións anual no IVE ou tributo indirecto equivalente comparando o ano 2020 e o 2019.

Ademais, establécese que poidan ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas de tempada e, finalmente, tamén poderán selo as  persoas de traballadoras e empresas que foron creadas entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de marzo de 2020 e empresas que teñan realizado unha modificación estrutural da sociedade mercantil entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de decembro de 2020.

Entre os requisitos esixidos no artigo 7 ás persoas beneficiarias destaca o ter cantidades pendentes de pago a provedores, acredores, financeiros e non financeiros ou débeda bancaria, ou outros custos fixos así como ter un resultado positivo no exercicio económico de 2019 ou, no caso de ter un resultado negativo, acrediten a súa solvencia económica.

O prazo de presentación de solicitudes fíxase nun mes no artigo 9 e o prazo máximo para resolver será o 31 de decembro de 2021, segundo prevé o artigo 16.

En canto aos compromisos  das persoas ou entidades beneficiarias, relaciónanse no artigo 19 e son os seguintes:

-Manter a actividade ata o 30 de xuño de 2022.

-Non repartir dividendos durante os anos 2021 e 2022.

-Non aprobar incrementos nas retribucións da alta dirección durante un período de 2 anos.

Pagarase o importe íntegro da axuda no momento en que se comprobe o cumprimento de todos os requisitos establecidos ao efecto e terá carácter de  pagamento anticipado (artigo 24).

Os tres programas que regula esta orde subvencionan os gastos realizados para o pago a provedores e outros acredores e o pago de custos fixos incorridos que cumpran os requisitos esixidos, respectivamente, no artigo 28, no artigo 32 e no artigo 36.

No programa I, o artigo 30 fixa en 3.000 euros o importe máximo das axudas. Para o programa II, o artigo 34 establece contías de 6.000, 7.000 ou 8.000 en función da caída do volume de operacións. Ademais, esas contías poden verse incrementadas en hasta 3.000 euros en función do número de persoas traballadoras coas que se conte. Finalmente, para o Programa III a contía das axudas que establece o artigo 38 oscila entre os 10.000 e 15.000 euros en función da caída do volume de operacións, contía que pode ser incrementada hasta en 15.000 euros en función do número de persoas traballadoras coas que conten.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do  III Plan de Rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise da COVID-19 mediante axudas directas para o apoio á solvencia e redución do endebedamento do sector privado, a través do Programa I de persoas traballadoras autónomas en estimación obxectiva (TR600A),  do Programa II de  persoas traballadoras autónomas ou empresas con 10 persoas traballadoras ou menos e empresas de ata 25 persoas traballadoras cun volume de facturación de ata dous millóns de euros  (TR600B) e do Programa III (TR 600C) de persoas traballadoras autónomas e empresas con máis de 10 persoas traballadoras e cun volume de facturación de máis de 2 millóns de euros, e empresas de máis de 25 persoas traballadoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021” consta de: Exposición de motivos, trinta e nove artigos, unha disposición  adicional e dúas finais.

O día 31 de maio de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e sete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén, como anexo, unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO de Galicia e por UGT-Galicia.

 

 

 

DITAME 22/2021

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do  III Plan de Rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise da COVID-19 mediante axudas directas para o apoio á solvencia e redución do endebedamento do sector privado, a través do Programa I de persoas traballadoras autónomas en estimación obxectiva (TR600A),  do Programa II de  persoas traballadoras autónomas ou empresas con 10 persoas traballadoras ou menos e empresas de ata 25 persoas traballadoras cun volume de facturación de ata dous millóns de euros  (TR600B) e do Programa III (TR 600C) de persoas traballadoras autónomas e empresas con máis de 10 persoas traballadoras e cun volume de facturación de máis de 2 millóns de euros, e empresas de máis de 25 persoas traballadoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de maio de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 31 de maio de 2021, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira

Este Comité considera que se debería clarificar a distribución dos importes entre os distintos tipos de programas e especificar, na exposición de motivos do texto normativo, os criterios empregados para levar a cabo o dito reparto.

Segunda

Este Comité considera que estamos ante a aplicación dunhas medidas que teñen unha gran relevancia, polo que debería asegurarse a máxima axilidade na tramitación e especialmente no procedemento administrativo de pago e liquidación das axudas.

Terceira

No texto emprégase o masculino xenérico ( por exemplo “beneficiarios” en varias ocasións ao longo da exposición de motivos) que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva.

No título do artigo 8 figura repetido o termo “con respecto”, polo que se debería corrixir ese erro.

Pola súa banda, obsérvase o emprego das letras j e k na clasificación.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras (que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega) non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.

  

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.-Artigo 7. Requisitos das persoas beneficiarias.

As axudas recollidas neste proxecto normativo diríxense a persoas traballadoras autónomas e empresas.

En consecuencia, este Comité considera que o título deste artigo debería ser “requisitos das persoas e  entidades beneficiarias”.

Obsérvase a necesidade de levar a cabo esta mesma corrección ao longo do texto normativo.

Segunda.-Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes.

Este precepto fixa en un mes o prazo de presentación das solicitudes a contar desde a publicación no DOG desta norma. Pero no último inciso, este precepto semella prever que o prazo poida permanecer aberto máis do dito mes ata o esgotamento do crédito.

Polo tanto, este Comité solicita que se aclare esta previsión.

Terceira.-Artigo 16. Resolución e recursos.

Segundo o apartado 3, o prazo máximo para resolver e notificar é o 31 de decembro de 2021, que se computará desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Este Comité entende que esa discordancia no redactado se trata dun erro que debe revisarse.

Cuarta.-Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento de axuda e reintegro.

Dada a natureza extraordinaria tanto das actuacións subvencionables destas bases reguladoras como da situación de estado de alarma e emerxencia sanitaria da cal derivan e que provocou que a maior parte de persoas autónomas e empresas solicitasen aprazamento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social ou á Administración da Comunidade Autónoma, ou mesmo non poidan afrontar transitoriamente a súa satisfacción puntual, sería conveniente establecer as circunstancias que permitan establecer a exención ás persoas beneficiarias da subvención do requisito de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou fronte á Administración pública da Comunidade Autónoma, no momento da concesión da axuda e do pagamento, de modo similar á regulación establecida para o anterior Plan de rescate (art. 18.6 da Orde do 17 de febreiro de 2021)

Quinta.-Artigo 25. Seguimento e control

O inciso final deste precepto prevé que, para levar a cabo as funcións de seguimento e control, a Consellería de Emprego e Igualdade poderá celebrar contratos para a realización de programas de auditorías das axudas.

Este Comité considera máis correcta a seguinte redacción: “(...) poderá realizar programas de auditorías das axudas.

Sexta.-Artigo 28. Obxecto do PROGRAMA I e gastos subvencionables.

Este Comité propón que se revise a redacción dos apartados b) e c) xa que figura repetida a referencia á necesidade de que os pagos estean pendentes ata o 31 de maio de 2021.

Obsérvase o mesmo respecto dos artigos 32 e 36.

Sétima.-Artigo 32. Obxecto do PROGRAMA II e gastos subvencionables.

O programa II recibe o nome de “de apoio as persoas traballadoras autónomas ou empresas con 10  persoas traballadoras ou menos, e empresas ata 25 persoas traballadoras cun volume de facturación de ata 2 millóns de euros”.

Porén, no apartado 1 deste artigo fai referencia unicamente ás persoas traballadoras autónomas e non ás empresas que poden tamén ser beneficiarias das axudas.

Este Comité propón que se corrixa o redactado neste senso e formula igual consideración respecto do artigo 36.

 

ANEXO

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN DE CCOO DE GALICIA e UGT-GALICIA.

 

 Artigo 19. Compromisos das persoas ou entidades beneficiarias.

Segundo o apartado 1 deste precepto, as persoas traballadoras e as empresas beneficiarias comprométense a manter a actividade ata o 30 de xuño de 2022.

As organizacións sindicais consideran que se deberían comprometer a manter, así mesmo, o emprego.

 

Número ditame
22