Ir o contido principal

Ditame 39/21

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do IV Plan de Rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise da COVID-19 mediante axudas directas para o apoio á solvencia e redución do endebedamento do sector privado e se procede á súa convocatoria para o ano 2021
  1. ANTECEDENTES

O día 8 de outubro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do IV Plan de Rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise da COVID-19 mediante axudas directas para o apoio á solvencia e redución do endebedamento do sector privado e se procede á súa convocatoria para o ano 2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, “o Real Decreto Lei 5/2021, do 12 de marzo, de medidas extraordinarias de apoio a solvencia empresarial en resposta a pandemia da COVID-19, prevé a creación dunha Liña Covid de apoio directo a persoas autónomas e empresas coa finalidade de apoiar a solvencia do sector privado mediante a provisión a empresas e autónomos de axudas directas de carácter finalista, xa que só poderán ser destinadas a satisfacer a débeda e os pagamentos a provedores, acredores, financeiros e non financeiros, e custos fixos”

 Vistos o borrador agora remitido, o texto da Orde que recolle o III Plan de Rescate ( publicada no DOG o día 11 de xuño de 2021) así como a súa modificación (publicada no DOG o 13 de xullo de 2021) e o ditame emitido polo Consello con data 31 de maio de 2021 (ditame 22/2021), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O III Plan de Rescate constaba de tres programas de axudas distintos, en función das persoas autónomas ou empresas ás que se dirixían. Neste novo proxecto, non se articulan programas diferenciados.

En canto ao orzamento previsto no artigo 5, a suma das contías previstas para os tres programas do III Plan de Rescate ascendía a un total de 234.470.880, mentres que o orzamento asignado ao IV Plan de Rescate é de 100.000.000 menos.

Como novidade, o artigo 8 regula o procedemento para calcular a caída do volume de operacións.

Polo que respecta á contía das axudas, mantéñense os importes máximos previstos no III Plan de Rescate (artigo 10). Porén, non se concretan contías específicas en función da porcentaxe de caída no volume de operacións nin se prevé unha escala con incrementos da dita contía en función do número de persoas traballadoras que teña empregadas a beneficiaria das axudas.

O apartado 4 do artigo 11 recolle a orde en que deben satisfacerse as débedas. Respecto ao previsto no III Plan de Rescate, obsérvase que os custos fixos unicamente poderán ser compensados co remanente da axuda.

Pola súa banda, engádese unha regulación sobre as especificidades respecto aos préstamos e pólizas de crédito no artigo 12.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do IV Plan de Rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise da COVID-19 mediante axudas directas para o apoio á solvencia e redución do endebedamento do sector privado e se procede á súa convocatoria para o ano 2021” consta de: Exposición de motivos, trinta e tres artigos, unha disposición  adicional e dúas finais.

O día 11 de outubro de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e sete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén, como anexo, unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO de Galicia e por UGT-Galicia.

 

 

DITAME 22/2021

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do IV Plan de Rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise da COVID-19 mediante axudas directas para o apoio á solvencia e redución do endebedamento do sector privado e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de outubro de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de outubro de 2021, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira

Este Comité considera que estamos ante a aplicación dunhas medidas que teñen unha gran relevancia, polo que debería asegurarse a máxima axilidade na tramitación e especialmente no procedemento administrativo de pago e liquidación das axudas.

Segunda

No texto emprégase o masculino xenérico ( por exemplo “beneficiarios” en varias ocasións ao longo da exposición de motivos) que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva.

Ademais, debe procederse á revisión da exposición de motivos xa que se observan diversos erros; por exemplo, unha falta de concordancia de xénero no segundo parágrafo (poden ser beneficiarios (....) as persoas traballadoras e empresas”. No parágrafo terceiro, faise unha referencia á Orde HAC/283/201 cando o correcto sería Orde HAC/283/2021.

Así mesmo, debo corrixirse un erro lingüístico no apartado 3 do artigo 9 que fai referencia á recarga de equivalencia no IVE, en lugar de “recargo de equivalencia”.

Pola súa banda, obsérvase o emprego das letras j e k na clasificación.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras (que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega) non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.

  

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-Artigo 6. Persoas beneficiarias.

Segundo o apartado 1.d), poderán ser beneficiarias as empresas que teñan realizado unha modificación estrutural da sociedade mercantil entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de decembro de 2020.

Este Comité considera que se debería ampliar o dito prazo de xeito que tamén se permita solicitar esta axuda ás entidades que realizasen esa modificación estrutural ao longo do primeiro semestre do 2021.

Segunda.- Artigo 7. Requisitos das persoas beneficiarias.

As axudas recollidas neste proxecto normativo diríxense a persoas traballadoras autónomas e empresas.

En consecuencia, este Comité considera que o título deste artigo debería ser “requisitos das persoas e  entidades beneficiarias”.

Obsérvase a necesidade de levar a cabo esta mesma corrección ao longo do texto normativo.

Terceira.- Artigo 12. Especificades con respecto aos préstamos a pólizas de crédito.

O apartado 1 deste precepto establece que “no caso de préstamos entre particulares será considerado como documento válido de xustificación a transferencia bancaria nas datas sinaladas no parágrafo anterior”.

Esa referencia ao parágrafo anterior é errónea ao non existir o devandito parágrafo neste artigo (a referencia debería facerse ao parágrafo correspondente do artigo 11). Así, este Comité solicita que se corrixa.

Cuarta.-Artigo 15. Declaración responsable.

No apartado 1.b, ítem décimo terceiro, esixe manifestar nunha declaración responsable que a empresa ou o autónomo non estaba en crise en 31 de decembro de 2019 ou as microempresas ou pequenas empresas  que, estando en crise o 31 de decembro de 2019, non se atopen inmersas nun procedemento concursal nin recibisen unha axuda de salvamento ou de reestruturación.

Respecto do último inciso, este Comité considera que debe clarificarse esa previsión en relación co disposto no artigo 28, onde non se recolle a incompatibilidade das axudas deste IV plan de Rescate coas axudas de salvamento ou reestruturación.

Quinta.- Artigo 27. Perda do dereito ao cobramento de axuda e reintegro.

Dada a natureza extraordinaria tanto das actuacións subvencionables destas bases reguladoras como da situación de estado de alarma e emerxencia sanitaria da cal derivan e que provocou que a maior parte de persoas autónomas e empresas solicitasen aprazamento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social ou á Administración da Comunidade Autónoma, ou mesmo non poidan afrontar transitoriamente a súa satisfacción puntual, sería conveniente establecer as circunstancias que permitan establecer a exención ás persoas beneficiarias da subvención do requisito de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou fronte á Administración pública da Comunidade Autónoma, no momento da concesión da axuda e do pagamento, de modo similar á regulación establecida para o II Plan de rescate (art. 18.6 da Orde do 17 de febreiro de 2021)

Sexta.- Artigo 30. Forma de pagamento e xustificación.

O apartado 5 deste precepto fai referencia ao suposto de que o importe da axuda sexa inferior a 30.000€.

Á vista do establecido no parágrafo anterior, este Comité considera que o apartado 5 debería referirse aos casos nos que o importe sexa igual ou superior a 30.000€.

Sétima.- Artigo 31. Seguimento e control

O inciso final deste precepto prevé que, para levar a cabo as funcións de seguimento e control, a Consellería de Emprego e Igualdade poderá celebrar contratos para a realización de programas de auditorías das axudas.

Este Comité considera máis correcta a seguinte redacción: “(...) poderá realizar programas de auditorías das axudas.

 

ANEXO

 

 CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN DE CCOO DE GALICIA e UGT-GALICIA.

Artigo24. Compromisos das persoas ou entidades beneficiarias.

Segundo o apartado 1 deste precepto, as persoas traballadoras e as empresas beneficiarias comprométense a manter a actividade ata o 30 de xuño de 2022.

As organizacións sindicais consideran que se deberían comprometer a manter, así mesmo, o emprego.

 

Número ditame
39