Ir o contido principal

Ditame 31/21

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de apoio á recuperación de negocios en crise ou sen relevo xeracional mediante formulas de economía social e se procede á súa convocatoria para o ano 2021
  1. ANTECEDENTES

O día 5 de xullo de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de apoio á recuperación de negocios en crise ou sen relevo xeracional mediante formulas de economía social e se procede á súa convocatoria para o ano 2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos “esta orde aborda a recuperación de negocios en crise ou sen relevo xeracional por parte dos traballadores, a través da constitución de cooperativas de traballo asociado (ou asimiladas) ou sociedades laborais que impliquen o mantemento do emprego mediante formulas de economía social”.

Engade que “se establece un programa de axudas que contempla catro supostos nos que persoas autónomas, sociedades civís e mercantís ou figuras análogas poden correr perigo de peche ou pechen por falta de remuda xeracional ou por motivos económicos, financeiros ou comerciais”.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido destácanse os seguintes aspectos:

Segundo o artigo 6, poderanse acoller a estas axudas as sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado ou asimiladas xurdidas  de sociedades de capital, sociedades civís, asociacións que estiveran desenvolvendo unha actividade económica ou persoas autónomas preexistentes, a través dun proceso de transformación encadrable nalgún dos supostos que recolle este mesmo artigo.

O artigo 7 establece catro categorías de conceptos subvencionables:

  1. Adquisición de activos materiais, inmateriais e outros investimentos (subvencionaríase ata o 50% do custo, cun máximo de 15.000€)
  2. Asesoramento no cumprimento das obrigas legais que acompañan o proceso de transformación e no proceso de planificación e valoración económica previa ao proceso (estes asesoramentos serían subvencionables ata o 75% do seu custo cun máximo de 2.000€)
  3. Servizos de profesionalización, planificación e desenvolvemento estratéxico vinculados cos gastos específicos que recolle este artigo (subvencionables ata o 75% do seu custo cun máximo de 1.000€)
  4. Gastos correntes (podendo subvencionarse ata o 75% do custo cun máximo de 2.000€).

Este artigo tamén prevé que a contía máxima da subvención por entidade transformada é de 20.000€, aínda que recolle tres supostos nos que a contía total se vería incrementada nun 10%.

O artigo 18 prevé pagamentos anticipados da subvención concedida de ata o 90% do importe, que se realizará de oficio unha vez aceptada a subvención pola entidade beneficiaria.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2021 (artigo 26) e o prazo para resolver e notificar fíxase en tres meses (artigo 15).

En canto ao financiamento, o artigo 29 fixa o orzamento asignado a estas axudas en 2.500.000€.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

  1. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de apoio á recuperación de negocios en crise ou sen relevo xeracional mediante formulas de economía social e se procede á súa convocatoria para o ano 2021” consta de: Exposición de motivos, vinte e nove artigos, tres disposicións  adicionais e dúas finais.

O día 12 de xullo de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e dez consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Así mesmo contén, como anexos, unha consideración específica non unánime manifestada polas organizacións sindicais SN de CCOO de Galicia e UGT- Galicia (Anexo I) e dúas consideracións xerais non unánimes manifestadas pola CEG (Anexo II).

 

 

 

DITAME 31/2021

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de apoio á recuperación de negocios en crise ou sen relevo xeracional mediante formulas de economía social e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de xullo de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de xullo de 2021, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 Primeira.

Este Comité considera que existe unha falta de concordancia entre o título e a exposición de motivos deste proxecto normativo, por unha banda, e o contido do proxecto de orde por outra.

Semella que a norma quere apoiar proxectos que xurdan neste contexto actual de crise cando, en realidade, as axudas aquí recollidas diríxense a entidades ás que se esixe un período de 3 anos desenvolvendo a súa actividade.

 Segunda.

Entendendo que a economía social está chamada a xogar un importante papel en época de crise, este Comité considera que non hai correlación entre os recursos destinados a este sector a través de diversas ordes de axudas e os destinados a outros sectores e empresas, así como ás súas persoas traballadoras, nunha situación socio-económica como a actual.

 Terceira.

Este Comité propón unha revisión do texto sometido a ditame cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva, xa que se observa o emprego do masculino xenérico (por exemplo, “os traballadores” nos artigos 6 ou 10, entre outros)

Obsérvase o emprego da letra j  na clasificación do artigo 21, impropia do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

 Pola súa banda, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

 CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-Artigo 5. Definicións.

O apartado h) deste precepto define “existencias” como conxunto de cousas, especialmente mercadorías que aínda non se venderon ou empregaron.

Este Comité considera que o termo “cousas” non é riguroso, polo que propón que se substitúa por outro máis acaído, como “conxunto de bens”.

Segunda.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.

Entre os requisitos que relaciona o apartado 2 deste artigo, está o depósito das contas anuais dos tres últimos exercicios, que recolle a letra g) para os supostos de ausencia de remuda xeracional.

Este comité considera que o citado período de 3 anos é excesivo sobre todo tendo en conta que se trata de apoiar proxectos de empresas en situación de reconversión.

 Terceira.- Artigo 7. Conceptos e contías subvencionables.

Este Comité propón que se corrixa o erro aritmético presente no último parágrafo do apartado 1.b) deste artigo, no que se fixa a contía máxima para subvencionar os asesoramentos en 2.0000 €.

 Cuarta.- Artigo 8. Subvencións no marco temporal I e Marco temporal COVID-19.

Este artigo fai referencia ao contexto do actual gromo de COVID-19.

Este Comité considera que sería máis axeitado referirse ao contexto da actual crise derivada da COVID-19.

Quinta.- Artigo 10. Documentación complementaria para a solicitude da subvención.

No apartado 2.a)III,  esíxese presentar a Resolución ditada pola autoridade laboral en expediente de regulación de emprego.

Tendo en conta que os ERES non son aprobados pola autoridade laboral e, polo tanto, esta previsión non responde á normativa laboral vixente, este comité propón que se aclare ese punto.

Sexta.- Artigo 10. Documentación complementaria para a solicitude da subvención.

Pola súa banda, o apartado 2.c)III, require presentar acreditación documental dos postos de traballo inherentes á unidade produtiva que se conservarán.

Tendo en conta que o apartado 2 recolle a documentación que deben presentar as entidades que, segundo o artigo 6.1, xa estaban desenvolvendo unha actividade económica ou persoas autónomas preexistentes, este Comité considera que o correcto sería falar da acreditación dos postos de traballo que se conservan.

Sétima.- Artigo 10. Documentación complementaria para a solicitude da subvención.

O apartado 2 deste precepto alude aos contratos que resulten extinguidos por causa de crise do empregador.

Este Comité considera que a terminoloxía empregada e imprecisa xuridicamente, polo que propón que se revise e modifique.

Oitava.- Artigo 18. Anticipos de pagamento.

Este artigo prevé o pagamento de ata o 90 % do importe da subvención concedida para cada anualidade que se realizará de oficio tras a aceptación da subvención.

Este Comité valora positivamente o anticipo para as entidades de economía social e suxire que, na liña de continuar co apoio ao terceiro sector ó que fai referencia a Exposición de Motivos deste proxecto normativo, esa regulación dos anticipos que recolle este artigo sexa común a todas as persoas e entidades beneficiarias das ordes de axudas que tramita a Consellería de Emprego e Igualdade.

Novena.- Artigo 19. Xustificación e pagamento.

O apartado 1.c recolle, entre a documentación xustificativa dos gastos realizados, fotografías dos investimentos, se é o caso.

Este Comité considera que se debería substituír a expresión “se é o caso” por “se fora posible”, xa que no suposto de que se estea subvencionando proxectos que levan tempo xa funcionando, pode ser difícil aportar fotografías de investimentos feitos hai tempo.

Décima.- Artigo 26. Prazo de presentación de solicitudes.

O apartado 1 deste artigo o prazo de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 2021, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito. Non obstante, se o período de presentación resultase inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir da publicación no DOG.

Tendo en conta a data na que este proxecto está a ser tramitado, así como a previsión da data de publicación no DOG, este Comité considera que estamos ante un prazo demasiado curto que debería ser ampliado.

En consecuencia, procedería tamén ampliar os prazos previstos nos artigos 27 e 28 relativos aos prazos de execución e de xustificación, respectivamente.

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS SN de CCOO de Galicia e UGT-Galicia.

 Artigo 7. Conceptos e contías subvencionables.

O artigo 7 establece catro categorías de conceptos subvencionables, entre elas, a de asesoramento no apartado 1.b).

En relación a este tipo de iniciativas empresariais, as organizacións sindicais SN de CCOO de Galicia e UGT-Galicia consideran que se deberían entender como subvencionables outro tipo de asesoramentos como os tributarios ou fiscais ou os relacionados coa capitalización da prestación por desemprego; así mesmo, debería ampliarse o gasto subvencionable en persoas profesionais a todas as que acrediten experiencia na materia, aínda que non pertenzan ao Programa Espazoccop.

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CEG

 Primeira.

En relación ca recollido no artigo 6 do proxecto normativo, que prevé que os procesos de transformación se leve a cabo polas persoas traballadoras das sociedades disoltas ou concursadas, a CEG considera necesario que se financien os devanditos procesos independentemente de que os leven a cabo as persoas traballadoras ou outras entidades. Polo tanto, proponse que se articulen axudas destinadas a entidades neste senso a través doutra orde de subvencións, nas que teña cabida esta modalidade de remuda.

 Segunda.

A CEG considera necesario introducir, no articulado da orde, algún sistema de baremación no que se teñan en conta algúns criterios (como a creación de emprego estable ou o volume de inversión feito pola entidade), a fin de establecer un procedemento para resolver a adxudicación das axudas que sexa de concorrencia competitiva.

Número ditame
31