Ir o contido principal

Ditame 25/22

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación vinculada aos programas de emprego regulados nas ordes do 27 de decembro de 2019 e do 31 de decembro de 2020 para persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo FSE, Programa Operativo de Emprego Xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022

I. ANTECEDENTES

O día 30 de agosto de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación vinculada aos programas de emprego regulados nas ordes do 27 de decembro de 2019 e do 31 de decembro de 2020 para persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo FSE, Programa Operativo de Emprego Xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos “a situación de desemprego xuvenil constitúe unha das principais preocupacións da Xunta de Galicia e o centro de atención das diferentes medidas postas en marcha en materia de políticas activas de emprego. A Estratexia de emprendemento e emprego xuvenil prevé, entre outras medidas, os incentivos á contratación coa finalidade de mellorar a ocupabilidade e a inserción profesional das persoas mozas que nin estudan, nin traballan, nin reciben formación e impedir que a situación de desemprego se prolongue no tempo”.

Engade que “esta orde pretende dar continuidade aos programas de emprego das persoas mozas que combinan dous aspectos relevantes. Nunha primeira fase, subvencionouse en convocatorias previas a formación e a aprendizaxe das persoas mozas. Con esta convocatoria quérese dar cumprimento á segunda fase, promovendo a inserción laboral das persoas participantes que remataron a fase de formación e aprendizaxe co resultado de aptas, mediante incentivos á contratación por conta allea para ocupacións impartidas na fase de formación”.

Esta orde sométese a ditame por primeira vez. Do seu contido destacan os seguintes aspectos:

O crédito da convocatoria para o exercicio económico de 2022 é de 1.741.213 €, segundo o artigo 3.

Poden ser entidades beneficiarias as persoas empregadoras e as empresas que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados en Galicia e que cumpran os requisitos esixidos nesta orde, así como os centros especiais de emprego, e as empresas de inserción laboral excepto para celebrar contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social respectivamente (artigo 4).

Pola súa banda, o artigo 5 relaciona os requisitos que deben cumprir as persoas mozas contratadas, entre eles, ter rematado a fase de formación e aprendizaxe co resultado de aptas nos programas de emprego regulados nas ordes do 27 de decembro de 2019 e do 31 de decembro de 2020 polas que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do SNGX.

Para seren subvencionables os contratos deben ter unha duración mínima de 6 meses e ser a xornada completa, mentres que o período para realizar as contratacións vai dende o día seguinte á publicación desta orde ata o 15 de novembro de 2022 (artigo 6).

O artigo 9 fixa a contía do incentivo en 6.000€ por cada persoa moza contratada.

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 15 de novembro de 2022 (artigo 11) e o prazo para resolver e notificar será dun mes desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano tramitador (artigo 18).

O procedemento de concesión, tal e como se indica tanto na exposición de motivos como no artigo 17, será o de concorrencia non competitiva.

Polo que respecta á xustificación e pagamento, o artigo 22 fixa un prazo de 10 días desde a notificación da resolución para presentar a documentación xustificativa, engadindo que o pagamento se ordenará unha vez recibida a dita documentación.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación vinculada aos programas de emprego regulados nas ordes do 27 de decembro de 2019 e do 31 de decembro de 2020 para persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo FSE, Programa Operativo de Emprego Xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022” consta de: Exposición de motivos, vinte e oito artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.

O día 12 de setembro de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e catro específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia. Contén, así mesmo, con Anexos as consideracións non unánimes seguintes: 1 xeral e 3 específicas manifestadas pola CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT-Galicia (Anexo I) e dúas específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 25/2022

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación vinculada aos programas de emprego regulados nas ordes do 27 de decembro de 2019 e do 31 de decembro de 2020 para persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo FSE, Programa Operativo de Emprego Xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de agosto de 2022 e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de setembro de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Obsérvase que, ao longo do texto, se fai referencia indistintamente a entidades e persoas beneficiarias.

Este Comité considera que as referencias deberían facerse, en todo caso, ás entidades beneficiarias en coherencia co artigo 4, que é onde se define este figura.

Segunda.
Nos artigos 13 e 25 utilízanse as letras j e k, impropias do alfabeto galego. A Secretaría Xeral de Emprego vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 5. Persoas destinatarias finais.
Este artigo, no seu parágrafo primeiro, fai referencia ás persoas beneficiarias finais.
Este Comité considera que a referencia correcta sería ás persoas destinatarias finais, tal e como se indica no título do artigo, polo que debería corrixirse.

Segunda.- Artigo 24. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
O apartado j) deste precepto, respecto da obriga de mantemento do emprego, exclúe o suposto da baixa voluntaria da persoa traballadora, permitindo que nese caso se proceda á súa substitución.

Este Comité considera que debería preverse o mesmo para o suposto de falecemento da persoa traballadora.

A mesma consideración se formula respecto do artigo 25.e).

Terceira.- Artigo 24. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Este Comité considera que debería engadirse, entre as obrigas das entidades beneficiarias, o cumprimento do convenio colectivo que resulte de aplicación así como o abono das percepcións salariais que correspondan.

Cuarta.- Artigo 25. Incumprimento das obrigas e reintegro.
Segundo o apartado e) deste artigo “no caso de incumprimento de mantemento do emprego por un período mínimo de 6 meses procede o reintegro total da axuda, agás no caso de baixa voluntaria da persoa traballadora, que procederá o reintegro parcial da axuda concedida, de xeito que a contía a reintegrar será a que corresponda ao período en que o posto estivo vacante. Igual criterio de reintegro procederá no caso de que se realizase a substitución nun prazo superior ao establecido na letra j) do artigo 24”.

Este Comité considera que se debería especificar, no último inciso, que en caso de que se realizase a substitución nun prazo superior ao establecido na letra j) do artigo 24, procederá igual criterio de reintegro parcial.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA.

Consideración xeral:
As organizacións sindicais que integramos o Consello Galego de Relacións Laborais, na medida en que as axudas previstas nos artigos 20.a) e 36.a) deste proxecto normativo poden ser utilizadas para a contratación estable de terceiras persoas, reiteramos a necesidade de redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas, mediante subvencións directas e bonificacións das cotas da Seguridade Social, ten producido escasos resultados en cantidade e, sobre todo, en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais, ademais de mermar os recursos orzamentarios e os ingresos do sistema público da Seguridade Social.
Xa que logo, esas políticas deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:

1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 6. Gastos subvencionables.
O apartado 2 deste precepto esixe que os contratos teñan unha duración mínima de 6 meses e sexan a xornada completa.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a duración mínima requirida debería incrementarse aos 12 meses, modalidade prevista tras a reforma laboral introducida polo Real Decreto-lei 32/2021, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo.

Segunda.- Artigo 9. Contía dos incentivos.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais entenden que o custo máximo subvencionable por todos os conceptos debería ser o da Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.
Terceira.- Artigo 24. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
O apartado j) deste precepto establece a obriga da entidade beneficiaria de manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada durante un período mínimo de 6 meses.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, en coherencia co alegado na consideración específica primeira deste Anexo, propoñen especificar que o prazo mínimo sexa o período de contratación.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 6. Gastos subvencionables.
O apartado 2 deste precepto esixe que os contratos subvencionables se realicen a xornada completa.

A CEG considera que se debería recoller a posibilidade de subvencionar contratos a tempo parcial (cun mínimo do 50% da xornada) e reducindo proporcionalmente a contía dos incentivos en función desta, xa que isto favorecería un incremento no número das contratacións.

Segunda.- Artigo 6. Gastos subvencionables.
Segundo o apartado 3 deste artigo, o período para realizar as contratacións será dende o día seguinte á publicación desta orde ata o 15 de novembro de 2022.

A CEG propón que, na medida en que sexa posible, se facilite un período más amplo para que a medida poida acadar unha maior eficacia tendo en conta, ademais, as datas nas que se está a emitir informe sobre este proxecto normativo.

Número ditame
25